A Orde do 8 de febreiro de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2017, establece no seu artigo 26 que os créditos previstos para o seu financiamento poderán ser incrementados ou minorados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se poidan establecer na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En consecuencia, existindo remanentes de crédito que poden ser utilizados para os obradoiros de emprego, procedentes da aprobación dun expediente de modificación orzamentaria, e tendo en conta que a dita modificación orzamentaria afecta o importe do crédito inicialmente previsto para o financiamento das citadas axudas e subvencións, procede ditar a presente orde de ampliación, en cumprimento do disposto nos preceptos anteriormente citados.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1
Amplíase o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde do 8 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2017, nunha contía de 800.000,00 euros para a anualidade de 2017, na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.2, no código de proxecto 2014 00543.
Artigo 2
Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria