Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2017 Páx. 41727

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 84/2017, do 3 de agosto, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu mediante o seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico do seu interese, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución española. A competencia exclusiva abrengue, pois, a potestade lexislativa, a regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18 e 37 do seu estatuto de autonomía.

En virtude do Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e os bispos das dioceses da Comunidade Autónoma de Galicia, asinado o 17 de abril de 1985, creouse unha comisión mixta coordinadora integrada por representantes de ambas as partes, cuxa constitución efectiva se produciu o 29 de novembro de 1985. Na sesión constitutiva da devandita comisión mixta coordinadora, acordouse por unanimidade crear no seu seo dúas subcomisións, a Subcomisión de Inventario do Patrimonio Artístico Eclesiástico e a Subcomisión de Inventario do Patrimonio Documental (Arquivos e Bibliotecas) Eclesiástico.

Posteriormente, o 2 de outubro de 1992, a comisión mixta acordou a creación dunha nova Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico e Documental da Igrexa en Galicia.

Tres anos máis tarde, en exercicio da potestade lexislativa, o Parlamento Galego aprobou a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. Esta lei, no seu artigo 5, estableceu que unha comisión mixta entre a Xunta de Galicia e a Igrexa Católica establecería o marco de colaboración e coordinación entre ambas as institucións para elaborar e desenvolver plans de intervención conxunta.

Así mesmo, no seu artigo 7, definiu, entre outros, a Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica como órgano asesor da Consellería de Cultura en materia de patrimonio cultural.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, sinala no seu artigo 6.2 que unha comisión mixta entre a Xunta de Galicia e a Igrexa Católica establecerá o marco de colaboración e coordinación entre ambas as institucións para elaborar e desenvolver plans de intervención conxunta. Regulamentariamente desenvolveranse a súa composición e as súas funcións.

Ademais, o seu artigo 7 inclúe entre os órganos asesores en materia de patrimonio cultural a devandita Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica.

A experiencia alcanzada nos anos de funcionamento da Comisión puxo de manifesto a necesidade de proceder a unha regulación máis precisa das súas funcións, composición e regras de funcionamento, que estableza, así mesmo, o réxime aplicable ás subcomisións creadas no seu seo. A dita regulación faise necesaria para solucionar e aclarar as distintas dúbidas sobre o funcionamento da Comisión que foron xurdindo ao longo destes anos de funcionamento, e para determinar o réxime de funcionamento, competencias e repartición de asuntos das subcomisións creadas, así como para reorganizar a súa composición e adaptala ás necesidades actuais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, oído o Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de agosto de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e réxime xurídico

1. A Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica é un órgano colexiado, de composición paritaria ao cal lle corresponde o asesoramento á consellería competente en materia de patrimonio cultural nos termos previstos neste regulamento.

2. A Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica integrarase, como órgano colexiado asesor, na estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

3. En todo o non regulado neste decreto será de aplicación o establecido na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 2. Funcións

Serán funcións da Comisión Mixta as seguintes:

a) Actuar como órgano de asesoramento da consellería competente en materia de patrimonio cultural, para a protección, conservación, fomento e difusión do patrimonio cultural de Galicia nas cuestións que afecten exclusivamente bens de titularidade da Igrexa Católica que teñan valor cultural.

b) Elaborar un programa anual de intervencións que se vaian realizar nos centros de titularidade da Igrexa que, con carácter informativo, se elevará á Xunta de Galicia a través da persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural. O programa de intervencións deberá organizarse por áreas culturais diferenciadas para o patrimonio arquitectónico, o artístico, o documental e o bibliográfico, así como para as actividades de difusión e fomento, cun carácter integral para todo o territorio da Comunidade Autónoma.

c) Asesorar para o establecemento das bases e as prioridades para a distribución das achegas e intervencións da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural sobre o patrimonio cultural de Galicia de titularidade da Igrexa Católica dentro das correspondentes dispoñibilidades orzamentarias.

d) Asesorar para o establecemento das condicións para o acceso e visita pública por parte da Igrexa Católica, aos bens inmobles eclesiásticos, tanto os declarados de interese cultural como os bens catalogados, e priorizar a visita daqueles bens en que se realizou investimentos ou os poida realizar a Xunta de Galicia.

e) Asesorar no establecemento dos criterios de asignación dos fondos propios da Igrexa Católica que poidan destinarse a intervencións en bens eclesiásticos de valor cultural.

f) Asesorar no establecemento dos criterios e medidas de seguridade dos bens culturais de titularidade da Igrexa Católica, por proposta da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia.

g) Emitir un informe non vinculante nos procedementos de declaración de ben de interese cultural relativos a bens de titularidade da Igrexa Católica incoados pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

h) Emitir un informe non vinculante respecto dos traslados definitivos de bens de titularidade da Igrexa Católica incoados pola dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

i) Emitir un informe non vinculante sobre a importancia e interese cultural dos bens de titularidade da Igrexa Católica en relación coa súa posible protección e consideración como integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

j) Propoñer os obxectivos, metodoloxía e criterios técnicos para o rexistro e catalogación dos bens de titularidade da Igrexa Católica que pertenzan ao patrimonio cultural de Galicia.

k) Emitir un informe non vinculante en relación cos proxectos de obras e intervencións que afecten os bens integrantes do patrimonio cultural da Igrexa Católica en Galicia, incluídos os situados no ámbito territorial do Camiño de Santiago, instados polos bispos respectivos e, se é o caso, polo máximo representante en Galicia das abadías e ordes relixiosas titulares dos bens, excepto as que promova directamente a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural e aquelas obras ou intervencións de pequena entidade que afecten directamente os bens catalogados e as contornas de protección dos bens protexidos polo seu valor cultural.

l) Propoñer protocolos e criterios de protección para a salvagarda dos bens culturais de titularidade da Igrexa Católica, para garantir a súa seguridade e protección, que poderán incluír medidas como o traslado dos bens e/ou a substitución por réplicas e o depósito en lugares que conten coas medidas de seguridade adecuadas en función do valor do ben.

m) Acordar criterios concretos e singularizados de utilización de determinados bens patrimoniais coa finalidade de garantir a compatibilidade dos usos propostos, ou existentes nestes, co acceso e a dispoñibilidade dos bens para o seu goce e investigación con fins científicos, culturais ou de visita e goce pola sociedade, tendo en conta, ademais da súa finalidade e significación relixiosa ou cultual, a salvagarda do seu valor cultural.

n) Propoñer protocolos, procedementos, metodoloxías e criterios de actuación para a conservación dos bens pertencentes ao patrimonio cultural de Galicia de titularidade da Igrexa Católica.

ñ) Emitir os informes que, no ámbito da súa competencia, lles sexan solicitados pola dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, ou polo bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

Artigo 3. Organización da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica

1. A Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica funciona en pleno e nas subcomisións previstas no capítulo II deste decreto coa composición que este estipula.

2. O Pleno da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica poderá delegar na Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia o exercicio das funcións descritas nas letras g, h, i, e j do número 1 deste artigo.

3. O Pleno da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica poderá delegar na Subcomisión para a Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia o exercicio das funcións descritas nas letras k, l, m, n e ñ do número 1 deste artigo.

CAPÍTULO II
Regulación do Pleno da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica

Artigo 4. Composición do Pleno da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica

1. A Comisión Mixta estará constituída por dez representantes designados por ambas as institucións.

2. A Comisión estará integrada por un/unha presidente/a, dous/dúas vicepresidentes/as e sete vogais.

Así mesmo, estará asistida por unha persoa designada pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, de entre o persoal ao seu servizo, que exercerá as funcións de secretaría, con voz pero sen voto.

3. Exercerá a presidencia rotatoria da comisión mixta, por parte da Xunta de Galicia, a persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, á que lle corresponderán os anos impares. Por parte da Igrexa Católica, ocupará a presidencia o bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio, ao cal lle corresponderán os anos pares. Nos períodos en que non ocupen a presidencia terán a condición de vogal.

4. Exercerán a vicepresidencia da Comisión Mixta, por parte da Xunta de Galicia, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, e por parte de Igrexa Católica o secretario da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela.

5. As vogalías da Comisión serán ocupadas por tres persoas por cada unha das institucións.

a) Os/as tres vogais da comisión representantes da Xunta de Galicia serán os/as seguintes:

1º. A persoa titular da secretaría xeral técnica da devandita consellería.

2º. A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de protección do patrimonio cultural.

3º. A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de conservación e restauración de bens culturais.

b) A designación dos/as tres vogais do Pleno da Comisión representantes da Igrexa Católica corresponderá ao bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

Artigo 5. Presidencia

1. A persoa que ocupe a presidencia da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica exercerá as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias ou extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros da comisión que lles fosen formuladas cunha antelación de 5 días.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelas por causas xustificadas.

d) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición de presidente do órgano.

2. En casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo/a vicepresidente/a que corresponda en función da institución que represente.

En ausencia do/a vicepresidente/a, será substituído por aquel dos vogais de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, da representación de cada institución, salvo que medie unha delegación expresa do presidente nalgún dos membros que representen a mesma institución, notificada ao secretario con antelación ao momento da suplencia.

Artigo 6. Membros

1. Corresponde aos membros do Pleno da Comisión Mixta:

a) Recibir a convocatoria das reunións da Comisión Mixta, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, e conterá a orde do día.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Procurarse a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións son inherentes á súa condición.

2. Os membros da Comisión Mixta non poderán atribuírse as funcións de representación recoñecidas a esta, salvo que expresamente se lles outorgue por acordo validamente adoptado para cada caso concreto pola propia Comisión Mixta.

3. Os membros do pleno deberán gardar a debida confidencialidade respecto dos asuntos de que teñan coñecemento como consecuencia do seu labor.

Artigo 7. Secretario/a

1. Corresponde ao secretario/a do Pleno da Comisión Mixta:

a) Efectuar a convocatoria das súas sesións, por orde do presidente, así como as citacións aos membros deste.

b) Ser canle de comunicación do órgano cos membros deste e, por tanto, solicitar destes cantos datos e información sexan convenientes para o seu funcionamento e recibir deles calquera documento do que deba ter coñecemento.

c) Redactar e autorizar as actas das sesións, seguindo a orde do día das convocatorias.

d) Expedir certificacións dos ditames e acordos adoptados.

e) Cantas outras funcións inherentes á súa condición de secretario/a establezan as leis.

2. En casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal o/a secretario/a da comisión será substituído/a pola persoa designada como suplente pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, de entre o persoal ao seu servizo, que actuará igualmente con voz e sen voto.

Artigo 8. Nomeamento e cesamento dos vogais en representación da Igrexa Católica

1. A designación e cesamento dos vogais en representación da Igrexa Católica corresponderá ao bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

2. Os nomeamentos dos membros da comisión representantes da Igrexa Católica terán unha duración de catro anos, prorrogable por proposta do bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

Artigo 9. Actas

1. De cada sesión que celebre a Comisión Mixta o secretario levantará unha acta en que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebraron, e os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión, e, con todo, o secretario poderá emitir, en caso de urxencia, unha certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

Artigo 10. Réxime de funcionamento

1. A Comisión Mixta reunirase polo menos dúas veces ao ano en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, cando así o consideren necesario de común acordo entre a persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural e o bispo que posúe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

2. Para a válida constitución da comisión, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do presidente e do secretario ou, se é o caso, das persoas que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, coa condición de que estean presentes, como mínimo, tres membros en representación de cada institución.

3. A comisión mixta adoptará os seus acordos por unanimidade.

4. A Comisión Mixta poderá constituírse e adoptar acordos empregando medios electrónicos. A convocatoria e a aprobación das actas efectuarse preferentemente por medios electrónicos sempre que se cumpran os requisitos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

CAPÍTULO III

Sección 1ª. Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio
Cultural da Igrexa Católica en Galicia

Artigo 11. Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia

1. A Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidirá a Subcomisión a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

b) Dúas vicepresidencias, unha designada pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural e a outra polo bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

c) Oito vogalías, catro designadas pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural e catro polo bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

2. Para o exercicio das devanditas funcións a Subcomisión reunirase, polo menos, dúas veces ao ano, en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, cando así o considere necesario o seu presidente por iniciativa propia ou por solicitude motivada dalgún dos seus membros.

Artigo 12. Procedemento

1. As solicitudes de incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural dos bens de titularidade da Igrexa Católica serán remitidas á comisión mixta para o seu informe, sen prexuízo da delegación na Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia, e o seu posible envío aos demais órganos asesores ou consultivos que se consideren oportunos. Quedan excluídas da devandita obriga aquelas incoacións instadas de oficio pola dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural.

2. Cando unha solicitude se traslade á Subcomisión acompañarase de todos os antecedentes e informes necesarios para a súa valoración, segundo o disposto na normativa reguladora da protección do patrimonio cultural.

3. Os representantes da Xunta de Galicia na Subcomisión, presentarán un informe técnico, elaborado polos servizos técnicos da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, no cal figuren os datos básicos da solicitude, así como o contido dos informes técnicos que consten no expediente, que será sometido á opinión da Subcomisión.

4. A Subcomisión deberá remitir a súa valoración non vinculante á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que se incorporará ao expediente, para a continuación, se procede, da tramitación do procedemento de declaración de interese cultural. A dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural informará no seu momento da finalización do procedemento á Subcomisión, para o seu coñecemento.

5. As solicitudes de autorización para o traslado definitivo de bens de titularidade da Igrexa Católica serán remitidas para o seu informe á Subcomisión para o Rexistro do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia, e o seu estudo nesta subcomisión seguirá a mesma tramitación prevista nos números anteriores deste artigo.

Sección 2ª. Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural
da Igrexa Católica en Galicia

Artigo 13. Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia

1. A Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural presidirá a Subcomisión.

b) Desempeñará a vicepresidencia da Subcomisión, en representación da Xunta de Galicia, a persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de protección do patrimonio cultural. En representación da Igrexa Católica o vicepresidente será designado polo bispo que desempeñe a representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela na área de patrimonio.

c) Sete vogalías en representación da Xunta de Galicia e sete vogais en representación da Igrexa Católica.

As vogalías da Xunta de Galicia serán exercidas polas persoas que se indican a seguir:

1º. A persoa que desempeñe a Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

2º. A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Protección e Fomento.

3º. Catro arquitectos/as, designados pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural, un de cada servizo de patrimonio cultural das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

4. Unha persoa designada pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural, de entre o persoal técnico especialista en conservación e restauración de bens culturais da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

As vogalías da Igrexa Católica serán exercidas polas persoas que designe a persoa que desempeñe a presidencia da Comisión Mixta en representación da devandita institución.

O perfil das persoas que designará a Igrexa Católica deberá atender o seu coñecemento experto, formación, experiencia e criterio fundado en materia de arquitectura, historia, historia da arte, arqueoloxía ou conservación e restauración de bens culturais.

2. Para o exercicio das devanditas funcións, a Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia reunirase polo menos con periodicidade mensual en sesión ordinaria con carácter extraordinario cando así o considere necesario o presidente por iniciativa propia ou por solicitude motivada dalgún dos seus membros.

Artigo 14. Solicitudes para obras e intervencións en bens integrantes do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia

1. Todos os proxectos de obras e intervencións nos bens integrantes do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia serán instados polos bispos respectivos e, para o caso de institutos de vida relixiosa, polo máximo representante da abadía, orde ou instituto.

Nos supostos de intervencións instadas polos titulares das distintas parroquias deberán contar co visto e prace da diocese para a súa tramitación pola consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, logo do informe da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia.

2. A solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación:

a) Un documento técnico en que se recollan con detalle suficiente as actuacións que se promoven, segundo as determinacións legais vixentes.

b) A xustificación dos criterios da intervención e a súa compatibilidade cos valores culturais dos bens, así como o resultado dos estudos previos e documentación necesarias para a súa valoración.

c) Relación de anteriores intervencións no ben.

3. Poderase requirir, se é o caso, a documentación adicional que resulte necesaria para o correcto estudo da intervención proposta, e concederá ao solicitante o prazo de dez días desde a notificación do requirimento para poder emendar a solicitude, coa advertencia de que, de non cumprir co requirimento, entenderase por desistido da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada para o efecto.

4. En cada intervención que se someta á valoración da Subcomisión presentará, un ou varios dos vogais representantes da Xunta de Galicia e outro dos representantes da Igrexa Católica, para a súa ulterior votación e, de ser o caso, aprobación da Subcomisión, un informe técnico en que se avalíen en especial os seus efectos sobre os valores culturais dos bens e o alcance concreto das propostas, e que servirá de base para o estudo que realice a Subcomisión sobre a intervención.

5. A Comisión Mixta, ou a correspondente subcomisión, se é o caso, deberá remitir para o seu informe non vinculante á dirección xeral con competencias en patrimonio cultural, que se incorporará ao expediente, para a autorización, se procede, das intervencións.

Artigo 15. Obras ou intervencións de pequena entidade

1. Quedan exceptuadas da necesidade de valoración previa da Subcomisión as obras ou intervencións de pequena entidade sempre que non afecten bens declarados de interese cultural.

2. Periodicamente informarase a Comisión Mixta da relación de solicitudes de intervención en bens de titularidade da Igrexa Católica tramitadas como intervencións de pequena entidade, así como da autorización ou denegación das resolucións.

3. Teñen a consideración de obras ou intervencións de pequena entidade aquelas obras ou instalacións de técnica simple e escasa entidade construtiva e económica, que non requiran o proxecto específico dun técnico superior ao non afectaren elementos estruturais, que non supoñan alteración do volume nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estrutura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións. Non poderá ter esta consideración calquera actuación que afecte directa ou indirectamente materiais, elementos ou sistemas que testemuñen o valor cultural do ben ou poida poñer en risco a permanencia, a caracterización ou a correcta e completa lectura e apreciación do devandito valor cultural.

Corresponderá aos servizos técnicos da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural a valoración de se unha intervención é unha obra de pequena entidade ou se non ten a dita consideración.

Sección 3ª. Normas comúns de funcionamento das subcomisións de apoio

Artigo 16. Réxime de funcionamento das subcomisións

1. Para a válida constitución das subcomisións, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do presidente e do secretario ou, polo menos, dos dous vicepresidentes, que asumirán conxuntamente a presidencia en caso de ausencia do presidente ou, se é o caso, daqueles que os substitúan, e da metade, polo menos, dos vogais, coa condición de que estean presentes, como mínimo, tres membros en representación de cada institución.

2. As decisións adoptaranse por maioría simple de votos. En caso de empate, o voto da persoa titular da presidencia terá carácter dirimente.

3. Os membros das subcomisións poderán ser substituídos nas reunións polas persoas que cada un deles designen para unha reunión concreta, coa condición de que o comuniquen á secretaría da subcomisión cunha antelación de 5 días ao da súa celebración. A dita comunicación poderá realizarse por medios electrónicos.

Nos supostos dos membros das subcomisións que non o sexan por razón dos seus cargos senón por designación, na resolución de designación dos membros titulares do órgano poderá preverse expresamente a persoa que ocupará a suplencia. No caso de que a persoa designada como suplente na devandita resolución tamén se atope ausente, o membro titular do órgano poderá proceder conforme o sinalado no parágrafo anterior, facendo constar na comunicación á secretaría do órgano a imposibilidade de asistir da persoa suplente.

4. Os membros das subcomisións poderán asistir ás reunións acompañados de asesores técnicos, con voz e sen voto, logo do aviso á secretaría da subcomisión cunha antelación de 5 días ao da súa celebración da reunión.

5. Será de aplicación ás subcomisións reguladas no presente capítulo o disposto nos artigos 4 a 8 do presente regulamento para a Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica, incluídas as relativas ás funcións dos presidentes/as, secretario/a e demais membros da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica, que se entenderán referidas en cada caso a cada unha das subcomisións.

6. Os membros das subcomisións deberán gardar a debida confidencialidade respecto dos asuntos de que teñan coñecemento como consecuencia do seu labor nas subcomisións.

7. As subcomisións poderán constituírse e adoptar acordos empregando medios electrónicos. A convocatoria e a aprobación das actas poderá efectuarse por medios electrónicos sempre que se cumpran os requisitos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional primeira. Constitución

A Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica constituirase coa configuración establecida polo presente decreto no prazo de dous meses a partir da súa entrada en vigor.

Disposición adicional segunda. Solicitudes para obras e intervencións de pequena entidade en bens integrantes do patrimonio cultural da Igrexa Católica en Galicia

Cando se reciba unha solicitude de intervención de pequena entidade, os servizos técnicos da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural elaborarán un informe técnico e a persoa titular da devandita dirección xeral ditará, se procede, a resolución de autorización das intervencións.

Disposición transitoria única

En tanto non se constitúa a comisión mixta consonte o presente decreto, seguirá exercendo as súas funcións a actual Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria