Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2017 Páx. 42152

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANUNCIO do 6 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se ordena a publicación da resolución do expediente IN627B 2017/6-1, de transmisión e cambio de titularidade, de cambio de combustible e de modificación de autorización anual conxunta de canalizacións de gas e de peche e desmantelamento de instalación de almacenamento de GLP na urbanización A Barcala, no concello de Cambre.

En virtude do disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ordénase a publicación da resolución emitida pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña no expediente IN627B 2017/6-1.

«Resolución do 11 de agosto de 2017, de transmisión e cambio de titularidade, de cambio de combustible e de modificación de autorización anual conxunta de canalizacións de gas e de peche e desmantelamento de instalación de almacenamento de GLP.

Datos do expediente administrativo:

Expediente: IN627B 2017/6-1.

Expedientes relacionados: IN623A 1994/58-1 e IN627B 2017/6-1.

Solicitantes: Gas Galicia SDG, S.A., Repsol Butano, S.A.

Concello: Cambre.

Proxectos:

– Proxecto de cambio de gas e integración da rede da urbanización A Barcala na rede de gas natural no termo municipal de Cambre, provincia da Coruña.

– Proxecto de desmantelamento de planta de GLP en Urbanización A Barcala en Cambre (A Coruña). Proxecto de execución de instalacións.

Autor: Ángel Casas Bachiller, enxeñeiro industrial. Colexiado núm. 9.735 do COIIM.

Asunto: informe.

Procedemento: autorización anual conxunta de canalizacións de gas. Data de inicio: 9.6.2017.

Feitos:

1. O 4.5.1994, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio autorizou a Repsol Butano, S.A. o funcionamento dunha instalación de almacenamento de GLP composta por tres (3) depósitos fixos de 59,1 m3 de capacidade unitaria e a rede de distribución dese combustible nos terreos da urbanización A Barcala, termo municipal de Cambre (expediente IN623A 1994/58-1).

2. O 17.2.1997, a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais, no termo municipal de Cambre.

3. As concesións administrativas transformáronse en autorizacións administrativas á entrada en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque, segundo o establecido na súa disposición adicional sexta, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

4. O 15.9.2016, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia resolveu favorablemente o procedemento de traspaso de activos iniciado pola empresa Repsol Butano, S.A. con diferentes empresas distribuidoras de gas natural.

5. O 6.2.2017, esta xefatura territorial resolveu autorizar administrativamente as instalacións recollidas na memoria de autorización conxunta anual de canalizacións de gas no termo municipal de Cambre (expediente IN627B 2017/6-1).

6. O 9.6.2017, Gas Galicia SDG, S.A. comunicou a esta administración a adquisición a Repsol Butano, S.A. dunha serie de instalacións entre as que se atopa a instalación de GLP construída na urbanización A Barcala de Cambre, achegando a solicitude do cambio de titularidade e de recoñecemento como sucesor en cantos dereitos e obrigas fosen inherentes á dita instalación.

7. O 26.6.2017, Nuria Blanco Paz, en nome e representación da empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización do cambio de combustible a gas natural e a integración da rede da urbanización A Barcala na rede de gas natural do termo municipal de Cambre, para o que presentou a correspondente memoria das instalacións previstas.

8. O 17.7.2017, Nuria Blanco Paz, en nome e representación da empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa de peche e desmantelamento da instalación de almacenamento de GLP existente na urbanización A Barcala de Cambre (parcela RC 2350603NH5925S0000ZD, coordenadas UTM, X: 552.215/Y:4.794.953) construída ao abeiro da autorización outorgada con data 4.5.1994 (expediente IN623A 1994/58-1), da cal se manteñen en funcionamento dous dos tres depósitos inicialmente autorizados.

9. O 8.8.2017, os servizos técnicos desta xefatura territorial emitiron un informe no cal se indica que as solicitudes de referencia cumpren coa normativa vixente, debendo quedar as correspondentes autorizacións suxeitas ao obrigado cumprimento de determinadas condicións.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE núm. 158, do 3 de xullo).

2. O Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas ITC ICG-01 a ICG-11 (BOE núm. 211, do 4 de setembro).

3. A Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro).

4. A Instrución 1/2015, do 13 de maio, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que establece as condicións particulares para o cambio de gas combustible en edificios (DOG núm. 104, do 4 de xuño).

5. A Instrución 1/2017, do 13 de xaneiro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre o procedemento de autorización conxunta anual de canalizacións de gas.

6. Coa documentación que consta en poder desta Administración (Resolución do 15 de setembro de 2016, da Comisión Nacional dos Mercados e Competencia sobre a operación de adquisición por parte do Grupo Gas Natural de activos de distribución de GLP canalizado a Repsol Butano, S.A.U., expediente: TPE/DE/027/16), queda acreditada a capacidade legal, técnica e económica da sociedade adquirinte Gas Galicia SDG, S.A. para o desenvolvemento da actividade de distribución de gases combustibles, e a posibilidade de exercer simultaneamente, de xeito transitorio e por un período de seis (6) meses contados a partir do día en que se produza a transmisión das instalacións, as actividades de subministración de GLP por canalización e distribución de gas natural. Tamén se acredita a vontade da sociedade cedente Repsol Butano, S.A. de transmitir as ditas instalacións, en cumprimento do exixido no artigo 86 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

7. A memoria presentada pola empresa distribuidora contén unha descrición das actuacións que se pretenden executar durante o ano 2017 así como os criterios básicos de deseño e as especificacións técnicas de construción. As actuacións previstas para a urbanización A Barcala, no concello de Cambre son:

– Execución da conexión da rede existente de GLP de 1.709 metros de lonxitude en polietileno PE-80 (SDR 11) á rede de distribución de gas natural mediante a ampliación desta última. Instalación de válvulas e acometidas.

– Cambio do combustible de subministración, pasando de GLP a gas natural.

– Adecuación e transformación das instalacións receptoras existentes e de aparellos.

– Peche do centro de distribución de GLP mediante inertización e o seu desmantelamento.

7.1. Características de deseño da ampliación da rede de gas natural necesaria para a conexión:

Presión da rede M.O.P. (bar)

0,1 < P < 2 (M.P.A.) *

2 < P < 5 (M.P.B.) S

5 < P < 16 (A.P.A.) *

Características das tubaxes. Material: polietileno

Diámetro Ø (mm)

40

63

90

110

Total canalizacións proxectadas (m)

Lonxitude (m)

---

---

---

3

3

Coas súas válvulas (1) e venteos correspondentes.

7.2. Orzamento: 8.523,92 €.

8. As características das instalacións propostas son axeitadas aos traballos que se prevé realizar e o documento de referencia axústase ao establecido na normativa aplicable.

De acordo con todo o indicado, propoño:

1. Autorizar a transmisión e o cambio de titularidade da autorización administrativa da instalación de almacenamento de GLP en depósito fixo e a súa rede de distribución sita en urbanización A Barcala, termo municipal de Cambre, da sociedade cedente Repsol Butano, S.A. a favor de Gas Galicia SDG, S.A.

2. Autorizar o cambio de combustible solicitado por Gas Galicia SDG, S.A., consistente en substituír o propano como actual gas de subministración ás instalacións alimentadas desde o citado almacenamento (expediente IN623A 1994/58-1) por gas natural distribuído por canalización, que será subministrado a través da conexión coa ampliación da rede de distribución de gas natural canalizado existente no termo municipal de Cambre da que é titular Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627B 2017/6-1).

3. Autorizar o peche e desmantelamento do centro de almacenamento de GLP e das instalacións auxiliares anexas que non sexan necesarias no futuro, tales como as bocas de carga, a partir do momento en que se faga efectivo o cambio de combustible indicado no punto 2. anterior, procedendo á desafección da servidume existente na parcela onde se atopa situado.

4. Autorizar administrativamente as instalacións recollidas no Proxecto de cambio de gas e integración da rede da urbanización A Barcala na rede de gas natural no termo municipal de Cambre, provincia da Coruña (expediente IN627B 2017/6-1).

Esta autorización administrativa previa outorgase coas seguintes condicións:

a) Gas Galicia SDG, S.A. pasa a ser a responsable da correcta explotación e do axeitado mantemento dos depósitos e da rede de distribución de GLP na súa condición de novo titular e como resultado do proceso de adquisición das ditas instalacións pasando a ter a condición de beneficiario de todas as autorizacións emitidas no seu momento a nome de Repsol Butano, S.A. que teñan que ver con elas e ademais subrógase nos dereitos e obrigas adquiridos por Repsol Butano, S.A. no seu día mediante a sinatura dos contratos (pólizas) de subministración cos usuarios.

b) A autorización administrativa solicitada outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións legais que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

c) O prazo de execución das instalacións recollidas neste expediente rematará o 31 decembro de 2017, e este prazo é improrrogable.

d) Antes do inicio das obras poñerase en coñecemento desta xefatura territorial a razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizalas e o director de obra responsable delas.

e) A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

f) De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

g) En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Gas Galicia SDG, S.A. deberá comunicar con antelación polos medios que consideren pertinentes as datas previstas para a realización das probas regulamentarias.

h) A empresa promotora queda obrigada cos titulares das subministracións actuais a substituír ou adaptar todos os elementos das instalacións receptoras afectados polo cambio de gas. Esta transformación levarase a cabo respectando o determinado na Instrución 1/2015, do 13 de maio, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e no artigo 5 da ITC ICG-08 do vixente Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, e será realizada nas condicións establecidas no artigo 38 do Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, non podendo reportar a devandita transformación nin as comprobacións e/ou actuacións necesarias nin a substitución do equipamento de medida, se for necesario, ningún custo para os usuarios nin para os titulares das instalacións sendo, polo tanto, todos os gastos de conta de Gas Galicia SDG, S.A, que será a responsable de que todos os equipamentos de gas (calefacción, auga quente sanitaria, cociña, etc.) de todas as subministracións afectadas pola transformación queden acondicionados para o seu correcto uso e funcionamento con gas natural.

i) Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións mediante dilixencia desta xefatura territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.

j) No suposto de que se produzan desviacións que superen o 20 % con respecto as instalacións recollidas na memoria autorizada (no que se refire ao trazado polo que discorren as instalacións), será necesaria a solicitude dunha nova autorización administrativa, para o que deberán presentarse as correspondentes addendas á memoria inicial, nas cales se xustifiquen as variacións.

k) Durante o primeiro trimestre do ano 2018 presentarase o proxecto das instalacións realmente executadas, acompañado da documentación técnica exixible e unha declaración responsable de que se cumpriron os condicionados impostos polos organismos o empresas de servizo público afectados.

l) A empresa distribuidora comunicará a esta xefatura territorial a baixa dos centros de almacenamento de GLP así como o seu inertizado e desmantelamento achegando a documentación regulamentaria, para os efectos do control dos depósitos.

m) Gas Galicia SDG, S.A. notificará esta resolución ao concello en que se atopa situada a instalación de almacenamento de GLP (propano) en depósito fixo sita na urbanización A Barcala, termo municipal de Cambre, e a todos os aboados de propano por canalización subministrados desde ela que teñan contratos de subministración en vigor.

Esta xefatura territorial reserva para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes».

Vista a proposta de resolución que antecede, veño a darlle a miña conformidade nos termos expostos elevándoa a resolución.

Notifíquese á sociedade Gas Galicia SDG, S.A. esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), facendo constar que poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da citada Lei 39/2015.

A Coruña, 6 de setembro de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña