Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2017 Páx. 42107

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2017 pola que se convoca a xornada Sistemas federais. Unha comparación internacional.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a Lei 4/1989, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, en particular o artigo 3, números 2 e 3, en atención aos cales a EGAP ten, entre outros fins, a investigación, o estudo e a realización de traballos de divulgación en materia de Administración pública, promovendo a máxima difusión posible, así como a celebración de intercambios con organismos semellantes, e con motivo da presentación do libro Sistemas federales. Una comparación internacional, coordinado por Wilhelm Hofmeister e José Tudela Aranda (coeditado pola Fundación Konrad Adenauer e a Fundación Giménez Abad de Estudios Parlamentarios y del Estado Autonómico),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Fundación Manuel Giménez Abad de Estudios Parlamentarios y del Estado Autonómico, a xornada Sistemas federais. Unha comparación internacional, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O obxectivo desta actividade formativa é comparar os sistemas federais presentes no plano internacional e analizar, de maneira específica, os exemplos de estado de Austria e Suíza.

2. Contidos.

Serán tratados os seguintes temas:

– O federalismo cooperativo de Austria: situación e retos.

– O federalismo suízo: orixes, evolución e desafíos.

– Os sistemas federais en comparación internacional.

3. Persoas destinatarias.

Persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia e dos entes do sector público autonómico, da Administración de xustiza, das universidades galegas, xuristas, profesionais, docentes, alumnos/as universitarios/as e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Data: mércores, 20 de setembro de 2017.

Horario: de mañá.

Duración: dúas horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 18 de setembro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas admitideas.

A listaxe de persoas seleccionadas publicarase na páxina web da EGAP, na epígrafe correspondente a esta actividade formativa (http://egap.xunta.gal/).

9. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver os incidentes que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública