Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2017 Páx. 42396

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2017 pola que se modifica a Resolución do 13 de xuño de 2017 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2017/18, e de convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2018/19.

A Resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria do 13 de xuño de 2017 (DOG núm. 118, do 22 de xuño) regula o procedemento para a distribución de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e convoca as axudas para o curso escolar 2017/18.

No artigo 31, de financiamento, precísase a aplicación orzamentaria e o importe previsto para o financiamento destas axudas para o curso escolar 2017/18, que é de 252.589,25 euros para o exercicio 2017 e de 757.767,75 euros para o exercicio 2018, resultando o importe máximo da convocatoria de 1.010.357 euros. Porén, non é posible deducir o importe de axuda para o programa de froita e para o programa de leite.

Para dotar de maior transparencia o programa escolar, e tal e como establece o Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, cómpre separar as dotacións orzamentarias para o programa de froitas e para o programa de leite, asignándolle a cada un deles un importe determinado.

Tamén é necesario corrixir unha errata detectada no anexo I da Resolución do 13 de xuño.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

O artigo 31.1 queda redactado da seguinte maneira:

Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 13.80.713F.779.0, proxecto 2008 00008, do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2017/18, polo importe máximo de 1.010.357 euros, segundo as seguintes anualidades e programas:

Ano 2017: 252.589,25 euros. 84.196,40 euros corresponden ao programa de froita e 168.392,85 euros ao programa de leite.

Ano 2018: 757.767,75 euros. 252.589,30 euros corresponden ao programa de froita e 505.178,45 euros ao programa de leite.

Artigo 2

Cómpre facer a seguinte corrección no título das columnas correspondentes aos importes aplicables aos produtos das alíneas a) e b) do anexo I.

Onde pon: «Importe aplicable ao produto (€/kg)», debe poñer: «Importe máximo aplicable ao produto (€/kg)».

Disposición adicional única

As modificacións recollidas nesta resolución non afectan o prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 13 de xuño (DOG núm. 118, do 22 de xuño).

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria