Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 15 de setembro de 2017 Páx. 42454

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galifornia Foundation.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galifornia Foundation, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. Pablo Riera Táboas, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galifornia Foundation foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 13 de outubro de 2016, ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número de protocolo 2.827, por Marina Táboas Pérez, que actúa en representación do fundador Pablo Riera Táboas.

Esta escritura foi corrixida por outra outorgada tamén en Vigo (Pontevedra), o 28 de xuño de 2017, ante o mesmo notario, co número de protocolo 1.797.

3. A Fundación Galifornia Foundation ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, contribuír ao crecemento e desenvolvemento e notoriedade de Galicia e Portugal, e con isto ao benestar e á prosperidade económica e social dos seus habitantes, promovendo a súa economía social e produtiva mediante a implicación, apoio, patrocinio e participación en proxectos de toda índole, xa sexan promocionais, de emprendemento, de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico e científico, de divulgación cultural, educativa e turística, de fomento do deporte e da calidade de vida, a gastronomía, o benestar, medio ambiente natural, o mar e os seus recursos, a paisaxe, así como todo tipo de actividades na defensa e protección dos seus valores.

4. Na escritura de constitución consta a identidade do fundador, a dotación inicial, a identificación dos membros do padroado e os estatutos.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, os fins e as actividades para a consecución dos seus fins, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento e suspensión, as súas atribucións e as formas de deliberar e adoptar acordos; as causas de extinción e do destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Pablo Riera Táboas como presidente; Javier Riera Nieves como vicepresidente; Bernardo Aramburu Vecino como secretario, e Clara Domínguez Sotelo e Marta Riera Táboas como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Galifornia Foundation, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de xullo de 2017, clasificouse como de interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Galifornia Foundation e adscribiuse á Consellería de Economía, Emprego e Industria para efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto, 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galifornia Foundation, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Fundación Galifornia Foundation, polo que

RESOLVO:

Declarar de interese galego a Fundación Galifornia Foundation e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de octubre, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2017

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria