Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 2 de outubro de 2017 Páx. 44726

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 400 mbar en Vila de Cruces (Pontevedra), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2017/1-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 7.9.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vila de Cruces (expediente IN627A 2014/76-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia do 20.10.2016.

O 23.3.2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista de distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación de Vila de Cruces (Pontevedra).

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución da rede de distribución de gas natural en Vila de Cruces, que se tramitará baixo o nº de expediente IN627A 2017/1-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución senón tamén ao procedemento de autorización administrativa, porque a planta de GNL se instalará nunha parcela diferente á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vila de Cruces.

En consecuencia, o obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 400 mbar en Vila de Cruces (Pontevedra).

Descrición das instalacións:

Segundo consta no proxecto de execución, a subministración de gas natural realizarase desde unha planta de GNL que se situará na parcela de referencia catastral 36059A040004210000ML (polígono 40, parcela 421, Camballón, termo municipal de Vila de Cruces), e que disporá das seguintes características xerais: capacidade de almacenamento de GNL de 10 m3 (cun depósito horizontal); capacidade de regasificación de 173 m3(N)/h, e presión de subministración de gas natural de 400 mbar.

A rede de distribución proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano de Vila de Cruces, realizarase no rango de presión MOP=400 mbar, en tubaxe de polietileno PE-100 SDR 17,6/SDR 17, e estará constituída por unha rede principal que partirá da citada planta de GNL (en diámetro de 160 mm) e unha rede secundaria que partirá da rede principal e ramificarase polas distintas rúas do núcleo urbano (en diámetros de 110, 90 e 63 mm). A lonxitude total da rede de distribución será de 2.844 m.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: douscentos trinta e dous mil douscentos setenta e seis euros con cincuenta e cinco céntimos (232.276,55 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, para o cal poden examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, r/ Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas