Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2017 Páx. 46603

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 91/2017, do 21 de setembro, polo que se crean, na Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Doutoramento Internacional (EDI) en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; a Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra; a Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias da Saúde e a Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias e Tecnoloxía, e se dispón a supresión da Escola de Doutoramento Internacional da USC, creada polo Decreto 95/2013, do 13 de xuño.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), modificado pola Lei 14/2011, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, departamentos, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueles outros centros ou estruturas necesarias para o desempeño das súas funcións. O punto 4 do artigo 8 da LOU, tamén modificado pola Lei 14/2011, considera a estas escolas de doutoramento como unidades creadas por unha ou varias universidades, por si mesmas ou en colaboración con outros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, nacionais ou estranxeiras, e que ten por obxecto fundamental a organización, dentro do seu ámbito de xestión, do doutoramento nunha ou varias ramas de coñecemento ou con carácter interdisciplinar. As universidades poderán crear escolas de doutoramento de acordo co previsto na súa propia normativa e na da comunidade autónoma. A súa creación notificarase ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para os efectos da súa inscrición no Rexistro de universidades, centros e títulos.

O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, recolle, no seu artigo 9, a posibilidade de que as universidades podan crear escolas de doutoramento, co fin de organizar, dentro do seu ámbito de xestión, as ensinanzas e actividades propias do doutoramento, cuxas especiais características aconsellan un alto grao de flexibilidade na regulación dos estudos e un modelo de formación doutoral con base na universidade, pero integradora da colaboración doutros organismos, entidades e institucións implicadas na I+D+i, tanto nacional como internacional, no que as escolas de doutoramento están chamadas a xogar un papel esencial. No seu artigo 9.1, sinala que a creación da escola de doutoramento se notificará ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Dirección Xeral de Política Universitaria, para os efectos da súa inscrición no Rexistro de universidades, centros e títulos.

Esta regulación aparece do mesmo xeito contida na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Con base nas anteriores disposicións naceu, no ano 2013, a Escola de Doutoramento Internacional da USC. A experiencia adquirida coa Escola de Doutoramento Internacional creada como concepción única e multidisciplinar, aconsella unha especialización académica por grandes ámbitos de coñecemento, en consonancia coas liñas estratéxicas de investigación, para conseguir unha identidade formativa e científica propia, ligada por afinidade aos tres campus da USC:

– Campus da Cidadanía: EDI en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas.

– Campus Terra: EDI Campus Terra.

– Campus Vida: EDI en Ciencias da Saúde.

EDI en Ciencias e Tecnoloxía.

Esta nova estrutura de escolas englóbase no denominado Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS) como estrutura administrativa e de organización específica, que ten por obxecto a xestión e a coordinación das ensinanzas de doutoramento, así como do proceso conducente á obtención do título de doutor.

Isto é posible grazas a que a universidade conta coa masa crítica suficiente, con ampla experiencia nos diversos ámbitos relacionados coa especialización dos campus, unido á existencia de equipamentos científicos de calidade e con capacidade suficiente para liderar estes proxectos académicos.

A universidade, no uso das atribucións conferidas na normativa legal aplicable, adoptou, entre outros, no pleno do seu Consello de Goberno, en sesión ordinaria do 29 de xullo de 2016 e no pleno do Consello Social, en sesión realizada o 10 de outubro de 2016, e de conformidade co establecido no artigo 75.4.e) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, o acordo de informar favorablemente a proposta de creación de catro escolas de doutoramento internacional, así como da proposta de creación do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela (CIEDUS).

De acordo co establecido no artigo 56.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, emitiuse informe sobre a creación das catro escolas de doutoramento, así como a supresión, por subrogación, da Escola de Doutoramento Internacional, no pleno do Consello Galego de Universidades, en sesión do 13 de xuño de 2017.

No exercicio das competencias sinaladas no artigo 19.8 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de setembro de dous mil dezasete

DISPOÑO:

Artigo 1. Supresión da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela

A supresión da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela, creada polo Decreto 95/2013, do 13 de xuño.

Artigo 2. Creación das escolas de doutoramento internacional

Autorizar na Universidade de Santiago de Compostela a creación das seguintes escolas:

– A Escola de Doutoramento Internacional en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas.

– A Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra.

– A Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias da Saúde.

– A Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias e Tecnoloxía.

Artigo 3. Inscrición no Rexistro de universidades, centros e títulos

De acordo co artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 12 de setembro, polo que se regula o Rexistro de universidades, centros e títulos (RUCT), e o artigo 9.1 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, a creación das escolas de doutoramento notificarase ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Política Universitaria, para os efectos da súa inscrición naquel.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria