Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2017 Páx. 46599

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 90/2017, do 21 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, do treito da estrada AC-432 situado entre os puntos quilométricos 13+950 e 14+960, a prol do Concello de Camariñas.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada AC-432 (Vimianzo (AC-552)-Camariñas) cunha lonxitude de 18,49 km pertence á rede primaria complementaria de estradas de titularidade da Xunta de Galicia, discorrendo polo termo municipal de Camariñas entre os seus pp.qq. 8+520 e 18+640.

O Concello de Camariñas solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a cesión da propiedade das beirarrúas nas dúas marxes na estrada AC-432, desde a Igrexa ata o río Trasteiro, na parroquia de Xaviña.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, correspondente ao treito da estrada AC-432 situado entre os pp.qq. 13+950 e 14+960, a prol do Concello de Camariñas.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Camariñas de:

– Todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, correspondentes ao treito da estrada AC-432, situado entre os pp.qq. 13+950 e 14+960.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Camariñas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Camariñas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda