Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2017 Páx. 46617

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2017 pola que se convocan cursos para o persoal do Concello da Coruña.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 2 de xaneiro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Concello da Coruña para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse dous cursos para o persoal do Concello da Coruña.

RESOLVO:

Convocar os cursos dirixidos ao persoal do Concello da Coruña que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos/as participantes

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os empregados públicos e as empregadas que presten servizo no Concello da Coruña, que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e o tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2017, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 20 de xaneiro (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro), comezarase pola letra K.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, todo isto de acordo co disposto no artigo 40.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

a) As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización da actividade non completada.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberá xustificarse documentalmente ante os/as responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización individual de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Concello da Coruña resolverá aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que lle afecten á súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A EGAP e o Concello da Coruña poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

3. No suposto de que o número de persoas admitidas sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello da Coruña resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP e o Concello da Coruña garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17028.

Área de coñecemento: Plan formativo ofimático de Galicia.

Nome do curso: aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer).

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos avanzados no procesador de textos LibreOffice Writer.

2. Destinatarios.

Persoal do Concello da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Núm. edicións: 2.

Duración: 30 horas por edición.

Datas: do 20 de outubro ao 16 de novembro de 2017.

Proba final presencial: o día 22 de novembro ás 10.00 horas.

A proba realizarase no centro Easy System, r/ Río de Monelos, 18 (fronte ao Forum Metropolitano).

A Coruña.

Prazas: 50 por edición.

4. Contido.

1. Conceptos xerais e características básicas.

2. Introdución, desprazamento do cursor, selección e operacións co texto.

3. Arquivos de Writer.

4. Melloras do aspecto do texto.

5. Configuración de páxina.

6. Creación de táboas.

7. Corrección ortográfica e gramática.

8. Impresión de documentos.

9. Combinación de correspondencia.

10. Inserción de imaxes.

11. Creación de estilos.

12. Uso de plantillas.

13. Traballo con documentos longos.

14. Fusión de documentos.

15. Revisión e control de cambios.

16. Macros.

Código: CV17029.

Área de coñecemento: Plan formativo ofimático de Galicia.

Nome do curso: aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información (Microsoft office 2010).

1. Obxectivos.

Coñecer as posibilidades do programa PowerPoint, para a elaboración de presentacións, co obxecto de facilitar o intercambio de información e mellorar o traballo na Administración pública.

2. Destinatarios.

Persoal do Concello da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Núm. edicións: 2.

Duración: 30 horas.

Datas: do 20 de outubro ao 16 de novembro de 2017.

Proba final presencial: o día 21 de novembro ás 10.00 horas.

A proba realizarase no centro Easy System, r/ Río de Monelos, 18 (fronte ao Forum Metropolitano).

A Coruña.

Prazas: 50.

4. Contido.

1. Aproximándonos a Powerpoint.

2. O Powerpoint.

3. Ferramentas e opcións de interese.

4. Creando as primeiras presentacións.

5. Inserción e edición de texto.

6. Táboas.

7. Imaxes.

8. Gráficos avanzados.

9. Efectos especiais.

10. Publicación.