Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2017 Páx. 47212

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidades de Chinés (592004) e Xaponés (592013); no corpo de profesores de música e artes escénicas, especialidade de Viola da Gamba (594432) e no corpo de profesores de artes plásticas e deseño, especialidade de Deseño de Moda (595510).

O punto décimo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2017 por unha Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 28 de xuño de 2017, establece a posibilidade de que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoque procedementos para a elaboración das listas de interinidades e substitucións no caso de que, unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo do mesmo texto refundido, continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado.

Logo de esgotadas as listas correspondentes ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidades de Chinés (592004) e Xaponés (592013); o corpo de profesores de música e artes escénicas, especialidade de Viola da Gamba (594432) e o corpo de profesores de artes plásticas e deseño, especialidade de Deseño de Moda (595510), procede realizar a convocatoria para establecer o procedemento para a incorporación de novas persoas candidatas ás correspondentes listas de interinidades e substitucións de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Convocar un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidades de Chinés (592004) e Xaponés (592013); no corpo de profesores de música e artes escénicas, especialidade Viola da Gamba (594432) e no corpo de profesores de artes plásticas e deseño, especialidade Deseño de Moda (595510).

Segunda. Requisitos

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de presentación da/s solicitude/s, os seguintes requisitos:

1. Posuír algunha das titulacións que se indican a continuación:

Especialidade

Titulacións por orde preferente*

Formación complementaria

Chinés (592004)

1. Licenciatura ou grao en:

• Filoloxía Chinesa.

• Lingua e Literatura Chinesas.

• Lingüística Chinesa.

• Estudos de Asia Oriental (itinerario China).

• Tradución e Interpretación (chinés lingua B ou C).

As titulacións homólogas ás mencionadas, segundo o Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro (BOE do 17 de novembro).

2. Calquera titulación universitaria superior da área de Humanidades.

Certificado de aptitude ou certificado de nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma Chinés.

3. Calquera titulación universitaria superior.

Ter cursado un ciclo dos estudos conducentes á obtención das titulacións especificadas no número 1, xunto co certificado de aptitude ou o certificado de nivel avanzado nas ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma Chinés.

Xaponés (592013)

1. Licenciatura ou grao en:

• Filoloxía Xaponesa.

• Lingua e Literatura Xaponesas.

• Lingüística Xaponesa.

• Estudos de Asia Oriental (itinerario Xapón).

• Tradución e Interpretación (xaponés lingua B ou C).

As titulacións homólogas ás mencionadas, segundo o Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro (BOE do 17 de novembro)*.

2. Calquera titulación universitaria superior da área de humanidades.

Certificado de aptitude ou certificado de nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma Xaponés.

3. Calquera titulación universitaria superior.

Ter cursado un ciclo dos estudos conducentes á obtención das titulacións especificadas no número 1, xunto co certificado de aptitude ou o certificado de nivel avanzado nas ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma Xaponés.

*Aínda que o baremo sexa inferior, as persoas que posúan as titulacións especificadas no punto 1 terán preferencia sobre as persoas coas titulacións dos puntos 2 e 3; así mesmo, as persoas con titulacións do punto 2 terán preferencia sobre as persoas coas titulacións do punto 3 e baremo inferior.

Especialidade

Titulacións

Viola da Gamba (594432)

– Título superior de Viola da Gamba (Real decreto 617/1995, do 21 de abril).

– Título superior de música, especialidade de interpretación, itinerario de viola da gamba (Real decreto 631/2010, do 14 de maio).

Especialidade

Titulacións por orde preferente*

Deseño de Moda (595510)

1. Título superior de Deseño, na especialidade de Moda, cursado conforme o plan de estudos establecido polo Real decreto 633/2010, do 14 de maio (BOE do 5 de xuño) ou título declarado equivalente.

2. Título de Enxeñería Industrial, ou título de grao en Tecnoloxía Industrial.

3. Título de Enxeñería Industrial, ou título de grao en Organización Industrial.

4. Título de Enxeñería de Materiais, ou título de grao en Enxeñería de Materiais.

5. Título de Licenciatura en Belas Artes, ou título de grao en Belas Artes.

6. Calquera titulación universitaria superior e experiencia laboral directa de polo menos dous anos no deseño de moda.

*Aínda que o baremo sexa inferior, as persoas que posúan as titulacións especificadas no punto 1 terán preferencia sobre as persoas coas titulacións dos puntos 2, 3, 4, 5 e 6; así mesmo, as persoas con titulacións do punto 2 terán preferencia sobre as persoas coas titulacións dos puntos 3, 4, 5 e 6, e así sucesivamente.

No caso de que as ditas titulacións se obtivesen no estranxeiro, deberá terse concedida a correspondente credencial de homologación, segundo o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro (Boletín Oficial del Estado do 4 de marzo), e o Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, ben como a determinados aspectos da profesión de avogado (Boletín Oficial del Estado do 20 de novembro).

2. Para o caso das especialidades de Chinés (592004) e Xaponés (592013) do corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica a que se refire o artigo 100.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Con carácter xeral, reunirán este requisito os que estean en posesión do título oficial de máster universitario que habilite para o exercicio das profesións de profesor de ensinanza secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas. A especialidade que conste no citado título facultará para a presentación do persoal aspirante en calquera especialidade.

Estará dispensado da posesión do citado título o persoal aspirante que acredite ter, con anterioridade ao 1 de outubro de 2009, algún dos seguintes requisitos:

– Estar en posesión do título profesional de especialización didáctica, do certificado de aptitude pedagóxica ou do certificado de cualificación pedagóxica.

– Estar en posesión do título de mestre, diplomado en profesorado de educación xeral básica, mestre de ensino primario, licenciado en Pedagoxía ou en Psicopedagoxía. Así mesmo, tamén estarán exentos os que estivesen cursando algunha das tres anteriores titulacións e tivesen cursado 180 créditos destas na citada data do 1 de outubro de 2009.

– Ter impartido docencia durante dous cursos académicos completos ou, na súa falta, durante 12 meses exercidos en períodos continuos ou descontinuos, en centros públicos ou privados debidamente autorizados, nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, ou de bacharelato, ou de formación profesional, conforme o previsto na disposición transitoria cuarta do Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro.

3. Ter a nacionalidade española ou a de calquera outro estado membro da Unión Europea, ou atoparse as persoas aspirantes incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España nos cales sexa aplicable a libre circulación de traballadores e traballadoras.

Tamén poderán participar as persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que sexan cónxuxes de persoas que posúan a nacionalidade española ou doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separadas de dereito; as persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, descendentes de persoas que posúan a nacionalidade española ou doutros estados membros da Unión Europea, sempre que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes, e as persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, descendentes do cónxuxe non separado de dereito de persoas que posúan a nacionalidade española ou doutros estados membros da Unión Europea, sempre que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes.

4. Ter feitos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

5. Acreditar o coñecemento da lingua galega. A acreditación do coñecemento da lingua galega realizarase coa presentación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4), ou da súa validación polo órgano competente; do curso de perfeccionamento en lingua galega ou a súa validación polo órgano competente; o título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, o certificado do nivel avanzado da escola oficial de idiomas ou o certificado de ter superado o curso de especialización en Lingua Galega.

Non obstante o anterior, para las especialidades de Chinés (592004) e Xaponés (592013) do corpo de profesores de escolas oficiales de idiomas e a especialidade de Viola da Gamba (594432) do corpo de profesores de música e artes escénicas poderán formular solicitudes aquelas persoas que, posuíndo as titulacións sinaladas no número 1, non posúan o certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4) ou equivalente. Estas persoas candidatas poderán ser seleccionadas na falta de candidatos que si o acrediten. Neste caso, de seren seleccionadas, as persoas candidatas deberán obter, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeados, o citado certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4) ou equivalente. A obtención do dito certificado ou equivalente deberá ser comunicada á Subdirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceira. Solicitudes e prazo

1. As persoas interesadas deberán formular unha solicitude e un aboamento de taxas por cada unha das especialidades en que desexe inscribirse. Con elas deberán achegar a documentación xustificativa dos requisitos mínimos previstos na base segunda, e a documentación acreditativa daqueles méritos que aleguen susceptibles de valoración segundo o previsto na base novena. O modelo de solicitude será o que figure publicado no portal de internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es na epígrafe de profesorado>xestión de profesorado.

As persoas aspirantes que teñan recoñecida unha discapacidade de, polo menos, o 33 % na data da solicitude deberán achegar a documentación acreditativa do dito recoñecemento para os efectos da aplicación, de ser o caso, da garantía de chamamentos a persoas con discapacidade prevista no parágrafo segundo do punto segundo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2017 por unha Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 28 de xuño de 2017.

2. O prazo para formular solicitudes, por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, será de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de optar pola presentación da solicitude e demais documentación nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada pola persoa funcionaria antes de ser certificada.

Cuarta. Importe e pagamento dos dereitos de inscrición nas listas

(Códigos: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, código 07; Delegación de Servizos Centrais, código 13; Servizo de Secretaría, código 01; taxa denominación, solicitude de inclusión nas listas de interinos substitutos: código 300301).

Os dereitos de inscrición nas listas serán de 17,15 euros.

Estarán exentos do pagamento dos dereitos de inscrición nas listas, logo de xustificación documental:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada por:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria de probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O pagamento da taxa poderá efectuarse por dous medios:

– A través do impreso de autoliquidación –A ou AI–, en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De forma telemática, no portal de internet da Axencia Tributaria de Galicia www.atriga.gal, e poderase optar por un pagamento telemático puro que xeraría un modelo 730 directamente ou un pagamento telemático semipresencial que xeraría un modelo 739, coa obriga de acudir a unha entidade financeira colaboradora e, posteriormente, retomar a operación na oficina virtual tributaria (OV Tributaria) para xerar o modelo 730.

Os modelos válidos que se deberán presentar como xustificante do pagamento das taxas nas fases correspondentes son os modelos A, AI e 730.

A non presentación dentro do prazo da xustificación do pagamento das taxas, no que figure, de ser o caso, o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación do xustificante suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Quinta. Comisión de valoración

A asignación da puntuación que lles corresponde ás persoas concursantes será realizada por unha comisión constituída por persoal funcionario con destino na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo) e polo Decreto 96/2011, do 5 de maio (DOG do 30 de maio, c. de erros do 1 de xuño).

Poderá asistir ás reunións da comisión unha persoa representante de cada organización sindical con presenza na mesa sectorial docente non universitaria, con voz e sen voto.

Sexta. Relación provisional de persoas admitidas e excluídas, baremo provisional e reclamacións

A comisión prevista no punto quinto realizará a valoración dos méritos tendo en conta o disposto no anexo I da Orde do 7 de abril de 2017 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso a corpos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 17 de abril).

Logo de realizada a valoración dos méritos, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos emitirá unha resolución pola que se aprobará a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional, que se publicarán no portal de internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es.

As persoas interesadas poderán formular reclamacións contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional, mediante un escrito dirixido ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no citado portal da internet. As alegacións así formuladas deberán remitirse tamén por correo electrónico no citado prazo ao enderezo persoal.secundaria@edu.xunta.es.

Sétima. Relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, baremo definitivo e recursos

Logo de revisadas as reclamacións contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos emitirá unha resolución pola que se aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o baremo definitivo, que se publicarán no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es.

Contra a resolución pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o baremo definitivo, que lle pon fin a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no citado portal, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 29/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitava. Orde de chamamentos

As persoas candidatas seleccionadas ocuparán na lista da correspondente especialidade un número de orde de chamamentos posterior ao do persoal interino e substituto da mesma lista que foi seleccionado en convocatorias anteriores.

Novena. Baremo

En aplicación do que dispón o punto décimo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias (publicado por medio dunha Resolución do 28 de xuño de 2017 no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo), o baremo aplicable na valoración dos méritos será o que figura como anexo I da Orde do 7 de abril de 2017 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, de acceso ao corpo de profesores de música e artes escénicas, e de ingreso ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 17 de abril).

Décima. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 29/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2017

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos