Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2017 Páx. 47208

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 27 de setembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e á adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e das explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

BDNS (Identif.): 364727.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro

Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, segundo a definición establecida pola Comisión Europea, que desenvolvan a actividade económica de produción ou transformación de uva ou castañas e se viran afectadas polas xeadas ou sarabias, así como as produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas polas sarabias.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as comunidades de bens, sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda.

Neste caso, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

Ademais, deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 2 das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto regular o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido a explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas dos días 27 e 28 de abril do presente ano, a explotacións produtoras de pataca, cereal e horta afectadas pola sarabia do día 6 de xullo e a explotacións produtoras e transformadoras de uva, castañas e de froiteiras afectadas polas sarabias do día 27 de agosto, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

Os apoios poderán materializarse a través de dúas liñas:

Liña 1: refinanciamento de pasivos.

Liña 2: apoio ao circulante.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de setembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e á adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e das explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións de subvención nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700, por un importe de 500.000 euros para o exercicio 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado nas entidades financeiras comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 20 de outubro de 2017. As entidades financeiras deberán solicitar as axudas financeiras no Igape, en nome do interesado, até o 15 de novembro de 2017, e concederanse de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica