Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2017 Páx. 47332

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 93/2017, do 14 de setembro, polo que se regula a composición e funcionamento dos consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia, do Consello Asesor dos Camiños de Santiago e da Comisión Técnica de Arqueoloxía.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución, o que implica a potestade lexislativa, regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18º e 37 do seu Estatuto de autonomía.

En exercicio desa competencia, aprobouse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. O seu artigo 7 dispoñía que regulamentariamente se establecería a composición e o funcionamento dos órganos asesores da Consellería de Cultura, entre os cales se incluían as comisións territoriais do Patrimonio Histórico e a Comisión Técnica de Arqueoloxía.

Posteriormente, a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, creou no seu artigo 30 o Comité Asesor do Camiño de Santiago, como órgano consultivo da Consellería de Cultura.

En desenvolvemento destas previsións normativas, foron aprobándose diversos decretos que regulaban a composición e o funcionamento destes órganos asesores e consultivos. O Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, estableceu o réxime de funcionamento das ditas comisións territoriais, e o Decreto 46/2007, do 8 de marzo, regulou a composición e o funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

A Comisión Técnica de Arqueoloxía contaba xa cunha regulación previa, a través da Orde do 12 de abril de 1983 pola que se creou o dito órgano e se estableceu a súa composición e o seu réxime de funcionamento.

O transcurso do tempo desde a súa aprobación, os cambios normativos xerais, así como a experiencia acadada nestes anos na xestión do patrimonio cultural, provocaron unha modificación deste marco normativo polo que se aprobou a nova Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que derrogou as anteriores leis 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, e creou un novo marco normativo na protección do patrimonio cultural.

O artigo 7 da dita Lei 5/2016, do 4 de maio, regula os órganos asesores en materia de patrimonio cultural de Galicia e recolle, entre os ditos órganos, os consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia, o Consello Asesor dos Camiños de Santiago e a Comisión Técnica de Arqueoloxía. A pesar de que este artigo enumera igualmente entre os órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural a Comisión Técnica de Etnografía, regulada actualmente no Decreto 60/2008, do 13 de marzo, a súa incidencia no patrimonio inmaterial e non sobre intervencións físicas sobre bens do patrimonio cultural, así como que o novo peso de que goza o patrimonio inmaterial no título independente da Lei 5/2016, do 4 de maio, regula os órganos asesores en materia de patrimonio cultural de Galicia, aconsellan o seu desenvolvemento regulamentario independente da regulación dos órganos colexiados deste decreto.

Estes tres órganos veñen substituír, respectivamente, as comisións territoriais do Patrimonio Histórico, o Comité Asesor do Camiño de Santiago e a antiga Comisión Técnica de Arqueoloxía. Porén, para adaptar os ditos órganos á actual normativa en materia de patrimonio cultural, así como á nova normativa existente en materia de organización, actuación e racionalización administrativa, resulta necesario proceder a unha nova regulación da súa composición e funcións.

De acordo co exposto, é manifesta a necesidade dunha nova regulación neste eido, a cal se integra no marco do principio de eficacia administrativa na medida en que son claros os fins de interese público que persegue esta norma regulamentaria cuxo desenvolvemento non representa impacto económico ningún na facenda pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

É de especial relevancia o aumento de seguridade xurídica que supón este decreto, xa que se regula normativamente nun só texto a composición e o funcionamento de varias comisións que contiñan regulacións dispersas e, nalgún caso, moi antigas, e se adapta o réxime de funcionamento aos principios establecidos pola normativa estatal e autonómica en materia de elaboración de disposicións de carácter xeral.

No labor de elaboración desta norma intégrase a participación dos sectores afectados en liña co principio de transparencia que debe presidir toda actuación das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia

Artigo 1. Natureza

1. Os consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia son órganos asesores colexiados da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que dependen organicamente da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural e funcionalmente de cada unha das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

2. A consulta aos consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia será preceptiva cando unha norma así o prevexa e facultativa nos demais casos.

Os seus ditames non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural sobre asuntos en que teñan intervido os consellos territoriais expresarán se son acordados consonte o informe do Consello Territorial de Patrimonio Cultural ou se se apartan del, mediante o uso das fórmulas «de acordo co Consello Territorial de Patrimonio Cultural» ou ben «oído o Consello Territorial de Patrimonio Cultural», respectivamente. Neste último caso, deberá motivarse suficientemente.

Artigo 2. Composición

1. Os consellos territoriais de Patrimonio Cultural estarán integrados polo/a presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta e as persoas que ocupen as vogalías.

2. Actuará como presidente ou presidenta a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

3. Actuará como vicepresidente/a a persoa titular do servizo de Coordinación Cultural da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

4. Serán vogais de cada un dos consellos territoriais de Patrimonio Cultural:

a) A persoa titular do servizo con competencias en materia de patrimonio cultural da xefatura territorial correspondente.

b) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de urbanismo.

c) Unha persoa en representación do Consello da Cultura Galega.

d) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias con coñecementos en materia de patrimonio cultural.

e) Unha persoa de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de patrimonio cultural, designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

5. As funcións da secretaría serán exercidas polo vogal titular do servizo con competencias en materia de patrimonio cultural. En función das necesidades, poderá asistir ás reunións, sen voz e sen voto, unha persoa funcionaria nomeada pola presidencia para axudar nas funcións propias da secretaría.

6. A presidencia poderá designar, de ser o caso, un/unha arquitecto/a e a un/unha arqueólogo/a dependentes da xefatura territorial correspondente para que asistan, con voz e sen voto, ás reunións dos consellos territoriais.

7. Poderase convidar a realizar unha exposición nas sesións dos consellos territoriais unha persoa en representación de cada concello directamente afectado por asuntos da orde do día da sesión, así como persoas representantes dos organismos, institucións e entidades, públicas ou privadas, cuxas achegas se consideren convenientes por razón das súas actividades, coñecementos ou experiencias, para a resolución dalgún asunto que se vaia tratar na sesión.

Artigo 3. Funcións

Son funcións dos consellos territoriais de Patrimonio Cultural, con competencia dentro do ámbito territorial respectivo das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra:

a) Emitir ditame sobre os expedientes de proxectos de obras e intervencións que afecten os bens inmobles localizados no seu ámbito territorial incluídos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, salvo os que se refiran a intervencións de mantemento e conservación preventivo; e os incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia cun nivel de protección integral, respecto das actuacións previstas nas letras b), c) e d) do punto primeiro do artigo 42 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Excluiranse do trámite devandito aquelas intervencións ou obras que se leven a cabo no seu contorno de protección ou zona de amortecemento; as que promova directamente a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural; as que afecten o patrimonio da Igrexa Católica; as que se propoñan sobre os bens declarados de interese cultural que conten cun plan especial de protección aprobado, e as que se localicen no territorio histórico delimitado dos Camiños de Santiago.

O consello territorial informará a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural de todas as intervencións e proxectos obxecto de informe relativos a bens de interese cultural.

b) Asesorar e emitir os informes ou ditames que, dentro do seu ámbito territorial, lles sexan solicitados pola dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural sobre as avaliacións de impacto ambiental e o planeamento urbanístico, programas e plans que poidan afectar os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, así como calquera outro tipo de pronunciamentos, por requirimento daquela dirección xeral, nas materias que pola súa complexidade poidan precisar dun especial asesoramento.

c) Elevar proposta razoada para a incoación de expedientes de declaración de ben de interese cultural e de inclusión de bens no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, así como informar sobre as propostas efectuadas a este respecto por outros organismos ou por particulares cando así llo solicite a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

d) Emitir ditame sobre os expedientes de exclusión dun ben do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

e) Calquera outra función que lle veña atribuída pola lexislación vixente.

Artigo 4. Tramitación de expedientes

1. As solicitudes que inicien procedementos que requiran o pronunciamento dos consellos territoriais deberán presentarse, en formato papel ou a través de medios electrónicos, acompañadas da documentación a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, adaptadas ao seu contido, análise do valor cultural e avaliación do alcance de forma racional e proporcionada á intervención. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de patrimonio. En todo caso, achegarase unha copia da documentación técnica en soporte electrónico.

2. Se a solicitude ou calquera outro trámite do procedemento non reúnen os requisitos ou non se acompañan da documentación exixida neste artigo ou na lexislación vixente, os servizos técnicos da xefatura territorial competente requirirán ao solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición ou decaído no seu dereito ao trámite correspondente, se for o caso, logo da correspondente resolución.

3. Admitida a trámite a solicitude, os servizos técnicos da xefatura territorial competente emitirán un informe técnico do proxecto obxecto da solicitude e remitirano, xunto co expediente, ao respectivo consello territorial.

O prazo máximo para resolver o procedemento e notificar a resolución poderá suspenderse polo tempo que medie entre a petición e a recepción do ditame dos consellos territoriais e por un prazo máximo de tres meses, nos termos establecidos no artigo 22.1, letra d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Logo de examinar a proxecto solicitado e o informe dos servizos técnicos competentes, os consellos territoriais emitirán un ditame favorable ou desfavorable á intervención desde a perspectiva da súa compatibilidade cos valores culturais do ben.

CAPÍTULO II

Consello Asesor dos Camiños de Santiago

Artigo 5. Natureza

1. O Consello Asesor dos Camiños de Santiago é un órgano asesor colexiado adscrito á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que depende funcionalmente da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural.

2. A consulta ao Consello Asesor dos Camiños de Santiago será preceptiva cando unha norma así o prevexa, e facultativa nos demais casos.

Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural sobre asuntos en que teña intervido o Consello Asesor dos Camiños de Santiago expresarán se son acordados consonte o seu informe ou se se apartan del, mediante o uso das fórmulas «de acordo co Consello Asesor dos Camiños de Santiago» ou ben «oído o Consello Asesor dos Camiños de Santiago» respectivamente. Neste último caso, deberá motivarse suficientemente.

Artigo 6. Composición

O Consello Asesor dos Camiños de Santiago estará integrado polo/a presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta e as persoas que ocupen as vogalías.

a) Actuará como presidente ou presidenta a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

b) Actuará como vicepresidente/a a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de protección dos Camiños de Santiago. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta do consello será substituído pola persoa titular da subdirección xeral competente en materia de conservación e restauración de bens culturais.

c) Ocuparán as vogalías:

1º. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de conservación e restauración de bens culturais.

2º. A persoa titular do servizo correspondente de planeamento e inventario da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

3º. Unha persoa en representación da consellería competente en materia de urbanismo.

4º. Unha persoa en representación do Consello da Cultura Galega.

5º. Dúas persoas de recoñecido prestixio e coñecemento en materia dos Camiños de Santiago, designadas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

6º. Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias con coñecementos en materia de patrimonio cultural.

7º. Unha persoa en representación do centro directivo ou entidade pública instrumental da Xunta de Galicia competente en materia de turismo.

d) Actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, a persoa titular do servizo de protección e fomento da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. En función das necesidades, poderá asistir ás reunións, sen voz e sen voto, unha persoa funcionaria nomeada pola presidencia para axudar nas funcións propias da secretaría.

Artigo 7. Funcións

O Consello Asesor dos Camiños de Santiago, con competencia dentro do ámbito definido como territorio histórico dos camiños de Santiago, emitirá ditame nos seguintes casos:

1. En materias de competencia da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural previstas na normativa de patrimonio cultural, a requirimento desa consellería.

2. Sobre a proposta do plan territorial integrado dos Camiños de Santiago ao cal se refire a normativa reguladora do patrimonio cultural de Galicia.

3. Con carácter previo e preceptivo, nos seguintes supostos:

a) Sobre os proxectos de obras de infraestruturas, instalacións e construcións que pretendan realizarse no territorio histórico dos Camiños de Santiago, dentro dos procedementos de autorización que tramite a consellería competente en materia de patrimonio cultural.

b) Procedementos de autorización pola consellería con competencias en materia de patrimonio cultural de proxectos de obras e intervencións que afecten os bens inmobles localizados no territorio histórico delimitado dos Camiños de Santiago, incluídos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, salvo os que se refiran a intervencións de mantemento e conservación preventiva; e os incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia cun nivel de protección integral, respecto das actuacións previstas nas letras b), c) e d) do punto primeiro do artigo 42 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Excluiranse do trámite devandito aquelas intervencións ou obras que se leven a cabo no contorno de protección ou zona de amortecemento dos inmobles; as que promova directamente a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural; as que afecten o patrimonio da Igrexa Católica; e as que se propoñan sobre os bens declarados de interese cultural que conten cun plan especial de protección aprobado.

c) Sobre expedientes de delimitación, deslindamento ou modificación do trazado das rutas dos Camiños de Santiago que tramite a consellería competente en materia de patrimonio cultural.

d) Sobre os expedientes de declaración de bens de interese cultural de rutas dos Camiños de Santiago.

e) Calquera outra función que veña atribuída pola lexislación vixente.

Artigo 8. Tramitación de expedientes

1. As solicitudes que inicien procedementos que requiran o pronuciamento dos consellos territoriais deberán presentarse, en formato papel ou a través de medios electrónicos, acompañadas da documentación a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, adaptadas ao seu contido, análise do valor cultural e avaliación do alcance de forma racional e proporcionada á intervención. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de patrimonio. En todo caso, achegarase unha copia da documentación técnica en soporte electrónico.

2. Se a solicitude ou calquera outro trámite do procedemento non reúne os requisitos ou non se acompaña da documentación exixida neste artigo ou na lexislación vixente, os servizos técnicos da xefatura territorial competente requirirán o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición ou decaído no seu dereito ao trámite correspondente, se for o caso, previa a correspondente resolución.

3. Admitida a trámite a solicitude, os servizos técnicos da xefatura territorial competente emitirán un informe técnico do proxecto obxecto da solicitude e remitirano, xunto co expediente, ao respectivo consello territorial.

O prazo máximo para resolver o procedemento e notificar a resolución poderá suspenderse polo tempo que medie entre a petición e a recepción do ditame dos consellos territoriais e por un prazo máximo de tres meses, nos termos establecidos no artigo 22.1, letra d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Logo de examinar a proxecto solicitado e o informe dos servizos técnicos competentes, os consellos territoriais emitirán un ditame favorable ou desfavorable á intervención desde a perspectiva da súa compatibilidade cos valores culturais do ben.

CAPÍTULO III

Comisión Técnica de Arqueoloxía

Artigo 9. Natureza

1. A Comisión Técnica de Arqueoloxía é un órgano asesor colexiado adscrito á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que depende funcionalmente da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural.

2. A consulta á Comisión Técnica de Arqueoloxía será preceptiva cando unha norma así o prevexa, e facultativa nos demais casos.

Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural sobre asuntos en que teña intervido a Comisión Técnica de Arqueoloxía expresarán se son acordados consonte o seu informe ou se se apartan del, mediante o uso das fórmulas «de acordo coa Comisión Técnica de Arqueoloxía» ou ben «oída a Comisión Técnica de Arqueoloxía» respectivamente. Neste último caso, deberá motivarse suficientemente.

Artigo 10. Composición

1. A Comisión Técnica de Arqueoloxía estará presidida pola persoa titular do servizo competente en materia de arqueoloxía da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

2. Ocuparán as vogalías:

a) Un/unha arqueólogo/a de cada unha das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

b) Un/unha arquitecto/a designado/a pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

c) Un/unha enxeñeiro/a en representación do centro directivo da Xunta de Galicia con competencias en materia de infraestruturas.

d) Unha persoa con recoñecida competencia na área de conservación e restauración do patrimonio cultural designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

e) Unha persoa de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de patrimonio cultural, designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

3. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, de entre persoal funcionario da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

4. En función das necesidades, a presidencia da Comisión poderá convocar ás xuntanzas en que se considere preciso o persoal técnico da Administración que se considere necesario en función do seu perfil profesional e coñecemento técnico. Este persoal técnico actuará con voz pero sen voto.

Artigo 11. Funcións

A Comisión Técnica de Arqueoloxía exercerá as seguintes funcións:

a) Emitir informe nos procedementos de declaración de ben de interese cultural de zonas arqueolóxicas.

b) Emitir informes, ditames e calquera outro tipo de pronunciamentos a requirimento da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 12. Tramitación de expedientes

1. As solicitudes que inicien procedementos que requiran o pronuciamento dos consellos territoriais deberán presentarse, en formato papel ou a través de medios electrónicos, acompañadas da documentación a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, adaptadas ao seu contido, análise do valor cultural e avaliación do alcance de forma racional e proporcionada á intervención. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de patrimonio. En todo caso, achegarase unha copia da documentación técnica en soporte electrónico.

2. Se a solicitude ou calquera outro trámite do procedemento non reúne os requisitos ou non se acompaña da documentación exixida neste artigo ou na lexislación vixente, os servizos técnicos da xefatura territorial competente requirirán ao solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición ou decaído no seu dereito ao trámite correspondente, se for o caso, logo da correspondente resolución.

3. Admitida a trámite a solicitude, os servizos técnicos da xefatura territorial competente emitirán un informe técnico de viabilidade do proxecto obxecto da solicitude e remitirano, xunto co expediente, ao respectivo consello territorial.

O prazo máximo para resolver o procedemento e notificar a resolución poderá suspenderse polo tempo que medie entre a petición e a recepción do ditame dos consellos territoriais e por un prazo máximo de tres meses, nos termos establecidos no artigo 22.1, letra d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Logo de examinar a proxecto solicitado e o informe dos servizos técnicos competentes, os consellos territoriais emitirán un ditame favorable ou desfavorable á intervención desde a perspectiva da súa compatibilidade cos valores culturais do ben.

CAPÍTULO IV

Normas comúns de funcionamento

Artigo 13. Nomeamentos e cesamentos

1. O mandato dos membros dos órganos regulados neste decreto que non o sexan por razón do seu cargo terán unha duración de catro anos e non é posible a súa prórroga.

2. O nomeamento e o cesamento dos membros dos órganos regulados neste decreto que non o sexan por razón dos seus cargos, e das respectivas persoas suplentes corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, por proposta das entidades e órganos previstos en cada caso. A designación farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na composición total de cada órgano.

3. Son causas de cesamento dos membros dos órganos regulados neste decreto:

a) A renuncia.

b) O transcurso do prazo de nomeamento.

c) A condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) A incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) A petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) O incumprimento grave dos seus deberes.

4. No caso de producirse algunha vacante na composición dos órganos, porase de inmediato en coñecemento da entidade ou organismo que representen para os efectos de que propoña a designación doutro membro, dentro do mes seguinte ao día en que reciba a comunicación do feito causante, que desempeñará o cargo polo tempo que reste de mandato.

Artigo 14. Presidencia

1. Corresponde á presidencia, ademais das funcións enumeradas na normativa de réxime xurídico do sector público, a de dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

2. En caso de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o presidente ou a presidenta será substituído/a polo vicepresidente ou vicepresidenta. Nos supostos de ausencia da persoa que ocupe a vicepresidencia, ou nos órganos que non conten con vicepresidencia, será substituído polo membro do órgano de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, das persoas representantes da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 15. Vicepresidencia

Corresponde á vicepresidencia auxiliar a presidencia no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquela.

Artigo 16. Membros

1. Os membros dos órganos colexiados regulados neste decreto rexeranse, no relativo aos seus dereitos e obrigas, polo disposto na normativa reguladora do réxime xurídico do sector público.

2. As persoas que ocupen as vogalías dos órganos colexiados regulados neste decreto non poderán atribuírse as funcións de representación deles, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio órgano.

3. Serán motivos de abstención e recusación dos membros dos órganos colexiados regulados neste decreto os previstos con carácter xeral na normativa de réxime xurídico do sector público.

4. Os membros dos órganos colexiados regulados neste decreto, incluída a persoa que, de ser o caso, axude a persoa titular da secretaría, terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Secretaría

1. Corresponden á secretaría dos órganos colexiados regulados neste decreto as funcións establecidas na normativa reguladora do réxime xurídico do sector público.

2. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, a persoa titular da secretaría será substituída pola persoa funcionaria designada como suplente no momento do nomeamento ou, na súa falta, polo/a funcionario/a que designe a presidencia.

Artigo 18. Réxime de suplencia

1. A resolución de nomeamento de cada membro dos órganos colexiados regulados neste decreto poderá designar un ou varios suplentes, que actuarán no nome do titular en casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que impida a asistencia deste.

2. Os membros dos órganos colexiados regulados neste decreto só poderán delegar o voto no presidente do órgano colexiado, para ao cal deberán comunicalo á súa secretaría cunha antelación mínima dun día ao da celebración da sesión de que se trate.

3. Igualmente, cada membro do órgano colexiado poderá designar unha persoa cualificada para que asista a algunha sesión, con voz pero sen voto, e expoña o seu parecer nun ou varios dos puntos da orde do día. Esta comparecencia deberá comunicarse á secretaría cunha antelación mínima dun día ao da celebración da sesión de que se trate.

Artigo 19. Desenvolvemento das sesións

1. Os órganos regulados neste decreto reuniranse en sesións ordinarias e extraordinarias, en primeira ou segunda convocatoria. As sesións ordinarias celebraranse, de existiren asuntos que fagan precisa a súa celebración, unha vez ao mes, agás en agosto. As sesións extraordinarias serán convocadas polo presidente ou presidenta do órgano, por propia iniciativa ou por solicitude da metade dos seus membros, caso en que os asuntos que motivaron a dita petición serán incluídos preceptivamente na orde do día da reunión.

2. Para a válida constitución dos órganos regulados neste decreto requirirase, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros, e en segunda convocatoria, a presenza de, polo menos, a metade deles. Entre eles, necesariamente, deberá asistir o presidente ou presidenta ou, se for o caso, quen o substitúa. Asemade, será precisa a presenza do secretario ou secretaria ou de quen o substitúa.

Entenderase producida con carácter automático a segunda convocatoria unha vez transcorrida media hora despois da primeira.

3. A adopción de acordos levarase a cabo por votación. Para a válida adopción de acordos requirirase a maioría simple dos votos das persoas asistentes á sesión con dereito a voto.

4. As convocatorias das sesións cursaranse, salvo que non resulte posible, por medios electrónicos, cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, e irán acompañadas da orde do día correspondente e da acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, se procede.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes todos os membros do órgano e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 20. Prazo para a emisión de ditames

Os ditames dos órganos regulados neste decreto, que se pronunciarán sobre o informe técnico presentado polo persoal técnico da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural ou da xefatura territorial correspondente, deberán ditarse no prazo máximo dun mes contado desde a data de entrada da petición do ditame no correspondente órgano colexiado. Transcorrido este prazo sen que o órgano emitise o ditame, poderán proseguir as actuacións.

Disposicións adicional única. Constitución

1. Os órganos regulados neste decreto constituiranse coa configuración establecida polo presente decreto no prazo dun mes contado desde a súa entrada en vigor.

2. As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes nos órganos regulados neste decreto deberán comunicar a súa proposta á dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural no prazo de 15 días naturais desde o día de entrada en vigor do presente decreto.

Disposición transitoria única. Comisións territoriais do Patrimonio Histórico, Comité Asesor do Camiño de Santiago e Comisión Técnica de Arqueoloxía

As comisións territoriais do Patrimonio Histórico, o Comité Asesor do Camiño de Santiago e a Comisión Técnica de Arqueoloxía, coa súa actual composición, continuarán coas funcións que tiñan encomendadas ata a constitución dos novos órganos regulados neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados o Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, o Decreto 46/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago, a Orde do 12 de abril de 1983 pola que se crea a Comisión Técnica de Arqueoloxía, o capítulo IV do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia e cantas disposicións de inferior ou igual rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución do disposto no presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Normativa supletoria

Será de aplicación supletoria a sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria