Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2017 Páx. 47561

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 27 de setembro de 2017 pola que se establece a convocatoria para o ano 2017 e se particulariza o seu importe global máximo, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

BDNS (Identif.): 364880.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xurídicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector marisqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar o importe global máximo, para o ano 2017, para a concesión, a través dun procedemento en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental, código de procedemento: PE209C.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2016, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización medioambiental (Diario Oficial de Galicia núm. 157, do 22 de agosto).

Cuarto. Contía

As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1 do orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2017, por importe total de 3.447.770,00 euros distribuídos en 1.727.770,00 euros para a anualidade 2017 e 1.720.000,00 euros para a anualidade 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da dita orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017

María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar