Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2017 Páx. 48211

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de setembro de 2017 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Bueu.

O Concello de Bueu remite o documento do Plan xeral de ordenación municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante, LOUG).

Analizada a documentación achegada polo Concello de Bueu, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Bueu dispón de normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 11.6.1986 (texto refundido do 2.2.1987); obxecto de nove modificacións puntuais e desenvolvidas por dous plans parciais e tres plans especiais.

I.2. Tramitación.

1. Con data do 13.3.2017, e de conformidade co previsto no artigo 85.7 da LOUG, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu unha orde pola que resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM do Concello de Bueu, sinalando que o Concello debía redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias sinaladas na dita orde e solicitar novamente desta consellería a aprobación definitiva.

2. Consta a emisión dos informes municipais correspondentes, previos á aprobación provisional, de arquitecto, do 5.5.2017, e secretaria e interventor, do 18.5.2017.

3. O Concello Pleno do 5.6.2017 aprobou provisionalmente o PXOM.

4. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 14.6.2017, resolveu emitir informe favorable sobre a redución do solo rústico de protección de costas proposta (artigo 32.2.e) da LOUG).

II. Informe.

Analizados o expediente administrativo e documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal agora remitido, púidose comprobar que se encontran corrixidas as deficiencias sinaladas na anterior Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 13 de marzo de 2017, con suxeición ás seguintes puntualizacións:

1. Nas fichas dos solos urbanizables SUND-1 e SUND-A constará a obriga de dedicar os ámbitos dos corredores ecolóxicos a sistema de espazos libres, mantendo a zona arborizada.

2. Nos plans especiais para redactar de resultas da análise realizada no PXOM sobre a capacidade de carga das praias, a localización dos novos aparcadoiros será preferentemente nos núcleos próximos ou na súa contorna inmediata, xerando as mínimas afeccións e sen visibilidade desde as praias.

3. Na ficha do Plan especial PE-1 de protección e acondicionamento da fronte marítima do treito praia de Beluso-vila de Bueu constará a necesidade de remisión á CMAOT para a verificación da súa adecuación ao Plan de ordenación do litoral (en diante, POL).

4. Na serie cartográfica S6_POL incorporaranse a área de protección intermareal do modelo territorial do POL, así como as delimitacións dos núcleos de identidade do litoral, da área de recualificación e a traza da senda dos faros levadas a cabo polo PXOM.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co artigo 3.4 e as disposicións adicional décima e transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Bueu, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio