Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2017 Páx. 48263

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2017 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial do corpo da Policía Local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial da Policía Local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

– Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

– Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as:

Persoal do corpo da Policía Local que superaron o proceso selectivo para a categoría de oficial e que non tivesen realizado este curso.

Inscrición:

A inscrición dos/das participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, mediante o que se solicita a participación no curso da/das persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 23 de outubro de 2017.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso contén os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase do 30 de outubro ao 15 de decembro de 2017.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu Regulamento de réxime interior, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente certificando esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo da Policía Local.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 6 de outubro de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública