Antecedentes.
A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.
A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) e no anexo II, parte A, sección I, da Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación, e, polo tanto, cómpre tomar medidas para a súa erradicación e control.
A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, declárase a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, establécense as zonas demarcadas para esta praga e adóptanse medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente, a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, amplía as zonas demarcadas pola presenza da praga. Para os efectos de que os agricultores da zona demarcada puidesen comunicar a existencia de parcelas de cultivo de pataca, o día 14 de febreiro de 2017 foi publicada no DOG núm. 31 a Resolución do 9 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Con data do 4 de marzo de 2017, publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo). En aplicación deste real decreto, en Galicia publicouse a Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 49, do 10 de marzo).
En datas posteriores ás da publicación desa Resolución do 8 de marzo producíronse novas deteccións deste organismo no concello de Cariño, incluído ata ese momento na zona tampón polo tanto, debe pasar a declararse todo o concello como zona infestada e aplicarse nel o establecido nos puntos 2, 4 e 5 da mencionada resolución.
Por todo o anteriormente exposto,
RESOLVO:
1. Ampliar as zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny, couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia, engadindo, ademais das indicadas no punto 1.a) da Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o concello de Cariño, na provincia da Coruña.
2. Manter todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 e, en concreto, a expresa prohibición do cultivo de pataca nestas zonas infestadas.
3. Os agricultores das zonas tampón definidas no punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017 deberán seguir comunicando, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo I da Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro). En canto ao destino desta pataca:
a) Se é de autoconsumo, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017, e o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.
b) Se é o de comercialización, para a súa produción aplicaranse as medidas establecidas no artigo 8.4 do Real decreto 197/2017, a instalación de almacenamento deberá cumprir co establecido no artigo 8.5 do Real decreto 197/2017, deberá estar inscrita no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais (ROPCIV) e o movemento de pataca deberá realizarase en vehículos pechados ou cubertos cunha malla e sempre acompañados do correspondente pasaporte fitosanitario.
4. Os operadores de pataca de semente na Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir:
a) En zonas infestadas por couza guatemalteca non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca.
b) En zonas tampón e zonas libres de couza guatemalteca deberán:
– Comunicar as existencias de pataca, utilizando o modelo do anexo I da Resolución do 8 de marzo de 2017.
– Levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente indicado no punto 2 da Resolución do 9 de febreiro de 2017.
– Os operadores situados en zona tampón ademais deberán instalar no local destinado a almacén trampas de feromona específicas para a captura de Tecia.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2017
Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias