Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2017 Páx. 50778

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de outubro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrarias, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 368726.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, das zonas declaradas de alerta ou de prealerta por seca no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil e do Douro no momento publicación desta convocatoria.

Quedan excluídos os titulares de explotacións de autoconsumo ou sen actividade comercial.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas, en réxime de minimis, destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras naquelas zonas afectadas por unha declaración de seca na zona xeográfica en que están asentadas e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento MR405C).

As axudas recollidas nesta orde teñen como finalidade facilitar o acceso á auga ás explotacións agrícolas e gandeiras que basean as súas producións en superficies de cultivos.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto nesta Orde do 30 de outubro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrarias, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

1. O importe global destas axudas é de 925.000 euros.

2. O importe da axuda será do 50 % dos custos subvencionables.

3. O importe máximo da subvención por beneficiario non superará os 5.000 euros. En todo caso, os límites de intensidade da axuda son os especificados no Regulamento nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis ao sector agrícola (15.000 euros nun período de tres exercicios fiscais, o actual e os dous anteriores).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Investimentos subvencionables

Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) Novas estruturas e mellora das estruturas existentes para o abastecemento de auga tales como balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o seu abastecemento, sempre que non supoña unha nova captación de auga.

b) Equipamentos para a mellora do abastecemento de auga ás explotacións gandeiras, como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles.

c) En xeral, servizos de abastecemento de auga ás explotacións agrarias.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias