Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 6 de novembro de 2017 Páx. 51137

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 3 de novembro de 2017 pola que se regulan os pagamentos anticipados nas axudas destinadas á reparación dos danos nas explotacións agrícolas e gandeiras polos incendios correspondentes ao ámbito competencial desta consellería.

O pasado luns 30 de outubro, no Diario Oficial de Galicia número 206, publicouse a Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

A Consellería do Medio Rural quere posibilitar que os beneficiarios das súas axudas accedan á concesión de anticipos, polo cal procede prever este mecanismo para que os interesados teñan canto antes acceso á subvención e poidan complementar os gastos que supoñan a reposición dos materiais danados.

Á vista do anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7, 14 e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Pagamentos anticipados

1. No procedemento contido no artigo 21, do capítulo VII, relativo ás axudas destinadas á reparación dos danos nas explotacións agrícolas e gandeiras polos incendios correspondentes ao ámbito competencial da Consellería do Medio Rural, poderáse realizar un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención, e non estará obrigado o interesado á presentación de avais, consonte o establecido nos artigos 63.1.dous e o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estes pagamentos anticipados realizaranse cando a subvención concedida sexa igual ou superior a 1.000 euros.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural