Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2017 Páx. 51382

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de outubro de 2017 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi) e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Vista a documentación relativa ao expediente de extinción da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi), adscrita ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria, resultan os seguintes,

Feitos.

Primeiro. Con datas do 28 de xullo de 2017 e 1 de agosto de 2017 presentáronse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia do Edificio Administrativo de Vigo solicitude e documentación de ratificación do acordo de extinción da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi), adoptado polo Padroado con datas do 29 de xuño de 2017 e 31 de xullo.

Segundo. A Fundación constituíuse en escritura pública do 28 de maio de 2003, en Vigo ante o notario Antonio A. Salgueiro Armada, co nº 854 do seu protocolo; foi clasificada como de interese industrial pola Orde da Consellería de Presidencia, Relacións Intitucionais e Administración Pública do 9 de xuño de 2004 (DOG nº 117, do 18 de xuño), e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 25 de xuño de 2004 (DOG nº 129, do 6 de xullo), e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2004/6.

Terceiro. Os fins da Fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, son os seguintes: a) Potenciar e desenvolver proxectos que teñan en conta o aproveitamento de fontes de enerxía renovables, así como a optimización dos recursos exerxéticos locais; b) Apoiar a elaboración de estudos de viabilidade destinados á implantación de fontes de enerxías alternativas; c) Realización de campañas de sensibilización a favor do aforro e eficiencia enerxética; d) Apoiar a realización de auditorías ambientais e a investigación de eficiencia enerxética; e) Informar e asesorar os consumidores sobre as novas fontes enerxéticas; f) Elaborar un balance enerxético; g) Colaborar no seguimento das principais magnitudes enerxéticas do sector; h) Poñer en funcionamento un centro de documentación con fondos bibliográficos, documentais e audiovisuais que faciliten a conexión e a difusión da eficiencia e o aforro enerxético; i) Desenvolver unha función activa na promoción do consumo de bens con etiquetaxe enerxética en todos os sectores da sociedade mediante programas de formación e de educación para persoas adultas e actividades didácticas para nenos/as. Actuacións encamiñadas a potenciar a capacidade de participación das persoas no aforro e na eficiencia enerxética, así como no fomento das enerxías renovables; j) Impulsar a elaboración e publicación de fondos bibliográficos e documentais sobre as actividades da fundación tanto no papel como na rede; k) Potenciar a creación da «Asociación de Amigos da Enerxía» que facilite a comunicación e interrelación da Axencia cos cidadáns e as cidadás; l) Fomentar os mecanismos de comunicación, interrelación e coñecemento entre as diversas iniciativas sobre aforro, eficiencia enerxética e fomento das enerxías renovables impulsadas polos organismos dedicados a tales fins, establecendo as relacións de cooperación necesarias; m) Calquera outro relacionado co obxecto fundacional e que o Padroado acorde.

Cuarto. O órgano de goberno da Fundación, na súa reunión do 29 de xuño de 2017, adoptou por unanimidade o seguinte acordo relativo á extinción da Fundación: «Quinto: extinción da Fundación e acordos derivados. Á vista do informe mencionado no ordinal cuarto anterior, e tendo en conta os resultados económicos negativos sucesivos desde 2012 que se extraen das contas da entidade, o Padroado acorda por unanimidade a extinción ao ser imposible realizar o fin fundacional».

Na reunión do 31 de xullo de 2017, e co voto unánime de todos os seus membros, aprobáronse os seguintes documentos:

– Contas da Fundación na data de adopción do acordo de extinción (29.6.2017).

– Memoria xustificativa da concorrencia da causa.

– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

No expediente consta a seguinte documentación:

– Certificados dos acordos (de extinción) adoptados polo Padroado.

– Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

– Contas da Fundación na data de adopción do acordo.

– Proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais.

Primeira. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo Padroado da Fundación en virtude do disposto no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en relación co establecido no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no seu regulamento.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Economía, Emprego e Industria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segunda. O artigo 44.1.c) e 3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional. Será necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo Protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da Fundación e foi aprobado mediante acordo do Padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, de 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi) adoptado polo Padroado na súa reunión do 29 de xuño de 2017.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2017

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 10.6.2016; DOG nº 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria