Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2017 Páx. 51550

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 13 de outubro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, para completamento da aliñación do camiño municipal en San Pedro de Nós.

O Concello de Oleiros (A Coruña) remitiu a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (en diante, RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, subscrita pola Oficina de Planeamiento, S.A.; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11.3.2009; e pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 11.12.2014.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 6.5.2016 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con indicacións sobre o borrador e o documento ambiental estratéxico.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico en data 9.6.2016, no cal se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da SXOTU:

a) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (16.3.2016), que indica o non impacto da actuación sobre as súas competencias.

b) Instituto de Estudos do Territorio (24.5.2016); de non xeración de efectos significativos na paisaxe.

c) Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural (5.2.2016), sen obxeccións.

4. Constan informes de arquitecto municipal, do 22 e 24.8.2016, favorables; coordinadora dos servizos urbanísticos, do 29.8.2016; e secretaria do concello, do 20.9.2016, favorables á aprobación inicial (artigo 60.6 da LSG).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.9.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 11.10.2016 e Diario Oficial de Galicia do 19.10.2016), non se presentaron alegacións.

6. Canto aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), o concello remitiu a esta consellería a documentación pertinente, recibida o 26.10.2016. O resultado do trámite foi o seguinte:

a) Foron emitidos todos os informes sectoriais autonómicos preceptivos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 17.11.2016, no cal se indica que a modificación cumpre coa Lei 5/2007.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informes do 30.1.2017, desfavorable; e do 24.8.2017, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 20.1.2016, sen obxeccións.

• Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: informe do 1.3.2017, favorable condicionado a prescricións.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 1.2.2017, favorable condicionado á aclaración que nel se sinala.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Responderon os concellos de Cambre (informe do arquitecto municipal do 16.11.2016, sen obxeccións) e A Coruña (informe do Departamento de Planeamento do 25.11.2016, sen obxeccións).

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, o expediente remitido contén o informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil, de data do 19.10.2016.

8. Constan informes do arquitecto municipal do 20.2.2017 e do 10.3.2017, sobre o cumprimento das condicións dos informes sectoriais de estradas e patrimonio cultural; e informe da coordinadora dos servizos urbanísticos do 13.3.2017, favorable á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 30.3.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación puntual afecta a cinco parcelas catastrais situadas en San Pedro de Nós, incluídas no solo urbano consolidado polo vixente plan xeral. Nomeadamente:

a) As parcelas catastrais 3859602NH5936S e 3859603NH5936S non son edificables nas condicións da ordenanza 2 A do PXOM vixente, por insuficiencia de fondo e superficie. Proponse a súa inclusión no sistema de espazos libres ampliando a zona verde local V-134. Obteranse por expropiación, como unha actuación illada no solo urbano consolidado.

b) Nas parcelas 3859604NH5936S, 3859606NH5935N e 3859607NH5935N, modifican e completan as aliñacións para dar acceso a unha dotación docente (D-18) colindante, seguindo os criterios do proxecto de «Apertura de vial de acceso ao novo CEIP de Nós» redactado pola oficina municipal.

c) Nas parcelas 3859608NH5935N, 3859618NH5935N e 3859611NH5935N, inclúese a aliñación e todo o percorrido do camiño público municipal.

III. Análise e consideracións.

1. Informes sectoriais: o proxecto aprobado provisionalmente incorpora a aclaración requirida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 1.2.2017; e conta co informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas.

2. O proxecto incorpora, respecto do borrador da modificación, o trazado da aliñación da marxe en solo urbano do camiño municipal nº 90.463 fronte ás parcelas 3859608NH5935N, 3859618NH5935N e 3859611NH5935N, con base na súa actual inclusión no inventario de camiños municipais. Ao tratarse dunha alteración de pequena entidade da ordenación do solo urbano consolidado, a valoración da súa oportunidade e conveniencia, corresponde ao concello.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da LSG; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e de acordo co establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, no ámbito das parcelas catastrais 3859602NH5936S, 3859603NH5936S e completamento da aliñación do camiño municipal nº 90463.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo cal se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento.

4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio