Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2017 Páx. 51782

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 105/2017, do 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas.

O artigo 4 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, refírese aos dereitos da cidadanía no conxunto do sistema incluíndo entre eles o dereito a recibir asistencia sanitaria na súa comunidade autónoma de residencia nun tempo máximo.

No seu artigo 25, o mesmo texto legal, e respecto das garantías de tempo, establece que no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde se acordarán os criterios marco para garantir un tempo máximo de acceso ás prestacións do Sistema Nacional de Saúde, que se aprobarán mediante real decreto. As comunidades autónomas definirán os tempos máximos de acceso á súa carteira de servizos dentro do dito marco. Tamén se establece a exclusión nese tempo máximo das intervencións cirúrxicas de transplantes de órganos e tecidos, cuxa realización dependerá da dispoñibilidade de órganos, así como a atención sanitaria ante situacións de catástrofe.

A dita previsión materializouse no Real decreto 1039/2011, do 15 de xullo, polo que se establecen os criterios marco para garantir un tempo máximo de acceso ás prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, cuxo anexo establece 180 días naturais para determinados tipos de intervencións.

Por outra banda, na nosa Comunidade Autónoma ditouse o Decreto 104/2005, do 6 de maio, de garantía de tempos máximos de espera en atención sanitaria non urxente, ditado na liña establecida pola citada Lei 16/2003, do 28 de maio. Esta norma regulamentaria prevé un prazo máximo de 180 días naturais de espera estrutural para intervencións cirúrxicas, coa posibilidade de que, transcorridos 140 días, a persoa usuaria pode optar por continuar na lista de espera do centro ou requirir a atención sanitaria en calquera outro centro sanitario acreditado da Comunidade Autónoma de Galicia, manifestando a súa preferencia nas condicións recollidas polo mesmo decreto.

O artigo 12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle os dereitos da cidadanía relacionados coa prestación sanitaria por parte do Sistema Público de Saúde de Galicia, entre os cales se inclúe o «dereito a obter unha garantía de demoras máximas, de xeito que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos».

A Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias no seu capítulo II refírese aos «tempos máximos de acceso e sistema de garantías». Así, o seu artigo 5 establece que, para os procedementos e situacións clínicas que así se determinen no seu desenvolvemento regulamentario, os/as pacientes que requiran atención sanitaria hospitalaria de carácter programado e non urxente terán garantida esta atención nuns tempos máximos máis reducidos que os previstos na normativa vixente para a totalidade dos procesos.

Así, a dita lei establece, para os procedementos e situacións clínicas que así se determinen no seu desenvolvemento regulamentario, un máximo de 60 días nas intervencións cirúrxicas, e de 45 días para consultas externas e probas diagnósticas e/ou terapéuticas, contados en días naturais a partir da data de entrada no rexistro de pacientes en espera, que a mesma lei crea no seu artigo 29.

Por tanto, a Lei 12/2013, do 9 de decembro, vén consolidar a utilización da gravidade dos procesos como criterio de xestión dos tempos de resposta, priorizando a atención aos/ás pacientes de acordo co seu estado de saúde. Por tanto, na selección de procedementos deberase ter en conta a gravidade das patoloxías, a efectividade da atención sanitaria e a oportunidade da atención que favorezan a recuperación da funcionalidade ou evitar a progresión da enfermidade.

Tendo en conta as ditas previsións, o presente decreto consta de 19 artigos distribuídos en catro capítulos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I contén disposicións xerais relativas ao obxecto da disposición, o seu ámbito de aplicación, así como as definicións de conceptos relevantes para a súa aplicación efectiva.

O capítulo II leva por título prazos máximos, causas de suspensión e perda da garantía. Neste capítulo reflíctense os prazos máximos garantidos para os distintos procesos, de conformidade coas previsións da Lei 12/2013, do 9 de decembro. Tamén se determinan as causas de suspensión e perda da garantía segundo criterios obxectivos previstos legalmente.

O capítulo III refírese ao denominado sistema de garantías, no cal se conteñen as disposicións relativas á selección de procesos garantidos de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, establecendo os criterios aplicables para a inclusión de novos procesos garantidos. Tamén se conteñen neste capítulo as normas esenciais para o exercicio da garantía, así como as consecuencias da falla de oferta asistencial por parte do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coas previsións legais vixentes.

O capítulo IV dedícase á regulación do Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia, regulado no artigo 29 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, como instrumento para a constancia e control do exercicio dos dereitos recoñecidos aos/ás pacientes, así como garantía da efectividade destes.

Completan a norma unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e oito de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto:

a) Establecer os procesos e situacións clínicas en que se deben garantir en condicións de calidade, equidade e seguridade, os tempos máximos de espera no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia.

b) Fixar os prazos máximos de espera na atención sanitaria hospitalaria de carácter programado e non urxente para os procesos establecidos nos anexos deste decreto.

c) Regular o procedemento para o exercicio deste dereito.

d) Regular o Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias da garantía

Serán beneficiarios/as da garantía establecida neste decreto as persoas titulares dos dereitos á protección da saúde e á atención sanitaria establecidos no artigo 3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, que dispoñan de tarxeta sanitaria en vigor do Servizo Galego de Saúde e se atopen inscritos no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

1. O previsto neste decreto será de aplicación a todos os centros e servizos sanitarios, propios e concertados, utilizados na prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na carteira de servizos do Servizo Galego de Saúde.

2. Para os efectos do previsto no presente decreto, a atención sanitaria hospitalaria de carácter programado e non urxente inclúe:

a) Intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes recollidas no anexo I.

b) Primeiras consultas externas hospitalarias programadas e non urxentes recollidas no anexo II, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión.

c) Primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes recollidas no anexo III, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión.

Artigo 4. Selección de procesos garantidos

1. A selección de procesos e situacións clínicas nas cales se aplicarán os tempos máximos de espera basearanse nos seguintes criterios:

a) Gravidade das patoloxías motivo da atención: patoloxías que na súa evolución posterior orixinan risco de morte ou de discapacidade ou diminúen de xeito importante a calidade de vida.

b) Efectividade da atención sanitaria: actuacións que aumenten a supervivencia, diminúan a discapacidade ou melloren a calidade de vida do/da paciente.

c) Oportunidade da atención sanitaria: actuacións temperás que favorezan a recuperación da funcionalidade ou eviten a progresión da enfermidade ou as súas secuelas.

2. A relación de patoloxías para as cales se garanten os tempos máximos de espera nas diferentes modalidades asistenciais de cirurxía, así como as consultas e probas que se recollen nos anexos I, II e III respectivamente, poderán modificarse mediante decreto, de conformidade co previsto na disposición derradeira primeira da Lei 12/2013, do 9 de decembro, seguindo os criterios de gravidade das patoloxías, efectividade e oportunidade previstos no artigo 5.3 da mesma lei.

Artigo 5. Exclusións

1. De conformidade co previsto no artigo 6 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, exclúense da aplicación do previsto neste decreto os seguintes supostos:

a) As intervencións cirúrxicas de carácter urxente, incluíndo os reimplantes de membros e a atención a persoas queimadas.

b) As intervencións cirúrxicas de transplantes de órganos e tecidos, cuxa realización dependerá da dispoñibilidade de órganos, así como a atención sanitaria ante situacións de catástrofe.

c) As intervencións cirúrxicas que non estean incluídas na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, regulada polo Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización ou normativa que o substitúa.

d) As intervencións que poidan requirir unha espera para as condicións adecuadas para a súa realización, como é o caso das relacionadas coas técnicas de reprodución humana asistida.

e) A atención sanitaria diferente á que orixinou a inclusión da persoa usuaria no rexistro de pacientes en espera.

2. O establecido no presente decreto non será de aplicación aos/ás pacientes cuxa intervención cirúrxica ou proba diagnóstica e/ou terapéutica sexa programada e realizada durante o episodio de hospitalización en que se estableza a indicación.

Artigo 6. Definicións

1. Para os efectos do previsto no presente decreto serán de aplicación as definicións recollidas nos anexos I e II do Real decreto 605/2003, do 23 de maio, polo que se establecen medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde, así como as contidas no Real decreto 1039/2011, do 15 de xullo, ou normas que as modifiquen ou substitúan.

2. Sen prexuízo do anterior, entenderase por:

a) «Garantía de tempo máximo de acceso»: compromiso adquirido polo Servizo Galego de Saúde que supón atender a persoa usuaria coas adecuadas condicións de calidade, dentro do tempo máximo de acceso establecido no seu ámbito, que en ningún caso excederá o previsto na normativa estatal vixente.

b) «Perda da garantía»: situación que dá lugar a que quede sen efecto, para unha determinada persoa usuaria e proceso, a garantía do tempo máximo de acceso por parte do Servizo Galego de Saúde.

c) «Primeira consulta»: consulta realizada por primeira vez a un/unha paciente procedente de atención primaria, outro servizo hospitalario ou outro hospital.

d) «Primeira proba»: proba realizada a un/unha paciente por primeira vez co obxecto de axudar ao diagnóstico ou instaurar unha pauta terapéutica concreta nun proceso novo.

e) «Problema de saúde novo»: para os efectos deste decreto enténdese que o problema de saúde é novo cando se trate da primeira presentación deste, ou cando a sintomatoloxía actual non está xustificada por ningún dos diagnósticos previos, ou cando o/a facultativo/a de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, no estudo dun proceso anterior, realiza unha sospeita diagnóstica ou un diagnóstico confirmado, inexistente anteriormente, que precisa dunha abordaxe diagnóstica ou terapéutica concreta.

f) «Suspensión da garantía»: situación provisional en que queda suspendida a garantía de tempos máximos de acceso, de xeito transitorio e mentres persistan as causas que motivan a dita suspensión.

g) «Tempo máximo de acceso»: prazo de tempo, expresado en día naturais, que non poderá excederse para prestar a asistencia sanitaria garantida á persoa beneficiaria.

CAPÍTULO II
Prazos máximos, causas de suspensión e perda da garantía

Artigo 7. Prazos máximos de espera

1. De conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, e no Real decreto 1039/2011, do 15 de xullo, os/as pacientes inscritos no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia teñen dereito a que se respecten os seguintes prazos máximos para a prestación da asistencia sanitaria:

a) Intervencións cirúrxicas: 60 días naturais para as intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes correspondentes aos diagnósticos recollidos no anexo I dos/das pacientes incluídos/as no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.

b) Consultas externas: 45 días naturais para primeiras consultas externas programadas e non urxentes recollidas no anexo II, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión.

c) Probas diagnósticas e/ou terapéuticas: 45 días naturais para primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes recollidas no anexo III, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión.

2. Non se computarán nos tempos de garantía previstos as situacións transitorias de espera de pacientes non programables que, segundo a normativa vixente, teñan lugar por motivos clínicos coñecidos polo/a paciente ou pola propia vontade deste/a. Estas situacións quedarán debidamente documentadas na historia clínica e nos correspondentes sistemas de información.

Artigo 8. Causas de suspensión da garantía

1. Os prazos máximos de espera previstos no artigo precedente quedarán suspendidos temporalmente cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando o/a paciente solicite un aprazamento da atención garantida durante un tempo determinado, sempre que concorran causas debidamente xustificadas como o nacemento ou adopción dun/dunha fillo/a, matrimonio, falecemento ou enfermidade grave dun/dunha familiar, ou cumprimento dun deber inescusable de carácter persoal, durante os días que resulten indispensables para atendelo, ou cando solicite segunda opinión respecto do proceso de que se trate.

b) Cando concorra causa clínica que xustifique o aprazamento do proceso de atención.

c) En caso de acontecementos catastróficos, epidemias, folgas ou disfuncións graves que afecten un ou máis centros ou servizos sanitarios.

d) Cando, unha vez inscrito no rexistro de pacientes en espera, o/a paciente non manteña actualizados os datos sobre o seu teléfono, domicilio ou correo electrónico, para efectos de chamamento, notificación ou localización por parte do Servizo Galego de Saúde durante os días que resulte imposible a súa localización.

2. Nos supostos de aprazamento previstos no parágrafo 1.a) deste mesmo artigo, o/a paciente deberá comunicalo a través do centro hospitalario para o proceso concreto e acreditar a concorrencia da causa alegada. Recibida a comunicación, procederase a inscribir no rexistro a causa de suspensión e as datas en que se fará efectiva.

3. En caso de suspensión da garantía, o cómputo do tempo máximo de acceso retomarase unha vez que desaparezan as circunstancias que motivasen a súa interrupción.

Artigo 9. Causas de perda da garantía

1. De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, a garantía quedará sen efecto cando a persoa usuaria:

a) Deixe de ter a indicación que xustificaba a atención garantida.

b) Renuncie voluntariamente á atención garantida.

c) Non opte, no prazo establecido, por algunha das alternativas ofertadas polo Servizo Galego de Saúde, de conformidade co artigo 12.3 deste decreto.

d) Rexeite o centro ou centros alternativos ofertados para a realización da asistencia.

e) Non se presente, sen causa xustificada á cita correspondente no centro ofertado polo Servizo Galego de Saúde.

f) Atrase a atención sen causa xustificada.

g) Incumpra a obriga de xustificar a solicitude de aprazamento da atención garantida cando concorran motivos persoais.

h) Incumpra a obriga de facilitar ao Servizo Galego de Saúde a información sanitaria que lle sexa requirida para poder asignarlle a alternativa máis axeitada para a realización da atención garantida.

2. En calquera caso, nos supostos previstos nas alíneas c), d) e f) do parágrafo anterior, o/a paciente continuará no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia aínda que perda a garantía respecto desa atención.

3. Nos supostos restantes do parágrafo primeiro, suporán a exclusión da persoa usuaria do Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.

4. Constatada a concorrencia de causa de exclusión, comunicarase á persoa interesada e concederáselle un prazo de 15 días para que formule as alegacións oportunas ou presente as probas que coide pertinentes. Transcorrido o prazo indicado, a persoa titular da Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) que corresponda ditará resolución no prazo de 7 días. Contra a a resolución, o/a paciente poderá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coa regras previstas nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

CAPÍTULO III
Sistema de garantías

Artigo 10. Extensión da garantía

A garantía de tempo máximo de acceso desenvolvida no presente decreto refírese unicamente á atención sanitaria pola cal o/a paciente foi incluído/a no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia, polo que a dita garantía non cubrirá ningunha outra atención sanitaria distinta da que orixinou a dita inscrición.

Artigo 11. Prescrición do proceso asistencial garantido

1. As prescricións dos procesos asistenciais garantidos serán realizadas polo/a facultativo/a do Sistema Público de Saúde.

2. No caso das primeiras consultas externas e das primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas, programadas e non urxentes, serán solicitadas polo persoal facultativo prescritor a través dos procedementos normalizados do Servizo Galego de Saúde. Nestes casos, o/a paciente disporá dun prazo de 10 días naturais, contados desde a data da prescrición do persoal facultativo, para acudir ás unidades de xestión de citas, nas cales se lle expedirá xustificante da garantía e da inclusión no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia, momento en que comezará a computarse o tempo máximo de acceso.

3. No caso das intervencións cirúrxicas, o persoal facultativo dará ao/á paciente a información necesaria en relación con elas, así como das alternativas existentes para tratamento do seu problema de saúde, a oportunidade de realizala, os resultados esperados, así como os potenciais riscos e posibles secuelas. Coa información facilitada, o/a paciente decidirá, nun prazo máximo de 30 días naturais, sobre a opción cirúrxica prescrita, e deberá presentar asinada no servizo de admisión a solicitude normalizada de inclusión no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia, momento en que comezará a computarse o tempo máximo de acceso.

Artigo 12. Exercicio do dereito

1. De conformidade co previsto no artigo 7 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, poderá exercer o dereito recoñecido neste decreto o/a paciente que estea inscrito no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.

Nas situacións e procesos garantidos, o exercicio do dereito de garantía de tempos máximos prevalece sobre o dereito de libre elección, de xeito que este non poderá interferir no pleno exercicio do primeiro.

2. Se, comprobada a espera prevista no centro ou complexo hospitalario que corresponda ao/á paciente, aquela supera o tempo máximo garantido, o Servizo Galego de Saúde ofertaralle a realización da prestación noutro centro do Sistema Público de Saúde de Galicia ou nun centro concertado. A oferta de centro concertado só se poderá realizar cando non exista unha alternativa nun centro de carácter público que garanta a atención no prazo máximo establecido.

3. Recibida a oferta, o/a paciente deberá manifestar a súa aceptación ou rexeitamento dela no prazo de 7 días naturais.

En todo caso, os servizos de admisión facilitarán ao/á paciente toda a información necesaria para que poida exercer o seu dereito. Para tal efecto, o/a paciente recibirá tanto a documentación acreditativa do seu dereito como a información relativa aos prazos de atención garantidos e os centros que se lle oferten. Da súa aceptación ou rexeitamento deixarase a oportuna constancia documental.

4. Se o/a paciente non manifesta a súa opción no prazo indicado, ou rexeita o centro ou centros alternativos ofertados, entenderase que mantén a solicitude de asistencia no centro que lle corresponde e que renuncia á garantía prevista para este proceso.

Artigo 13. Ausencia de oferta para a realización da prestación por parte do Servizo Galego de Saúde ou incumprimento do prazo para ser atendido/a no tempo máximo garantido

1. Se o/a paciente non recibe unha oferta para a realización da prestación, ou se incumpre o prazo para ser atendido/a no tempo máximo establecido, transcorrido dito prazo, este/esta poderá optar entre:

a) Continuar na lista de espera do centro hospitalario que lle corresponda.

b) Requirir a atención garantida noutro centro acreditado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O/a paciente disporá do prazo de 7 días naturais, contados a partir da expiración do prazo máximo garantido, para exercer a opción prevista no parágrafo anterior. Para tal efecto, deberá acudir ao servizo de admisión do centro hospitalario de referencia co fin de deixar constancia do exercicio da dita opción. No caso de non exercela no prazo indicado, entenderase que opta por continuar na lista de espera do centro hospitalario que lle corresponde.

3. No caso de exercer a opción prevista no parágrafo 1.b), o/a paciente deberá comunicar ao centro hospitalario do Servizo Galego de Saúde responsable da súa asistencia:

a) Os seus datos identificativos.

b) Indicación do centro acreditado na Comunidade Autónoma elixido para recibir a atención garantida.

No caso de recibir esta comunicación, o Servizo Galego de Saúde deberá asumir directamente o pagamento dos gastos correspondentes estritamente coa atención sanitaria no centro acreditado da Comunidade Autónoma de Galicia elixido, ata o límite das tarifas establecidas cos centros concertados para o mesmo tipo de prestación. En calquera caso, a cobertura dos gastos da asistencia non incluirá os relativos ao desprazamento da persoa interesada nin de quen a acompaña.

4. Se o/a paciente decidise acudir a un centro acreditado na Comunidade Autónoma de Galicia sen comunicalo previamente ao centro hospitalario do Servizo Galego de Saúde responsable da súa asistencia, terá dereito a que se lle reembolse o gasto en que incorreu, que terá como límite máximo o correspondente á aplicación das tarifas establecidas cos centros concertados para o mesmo tipo de prestación. En calquera caso, a cobertura dos gastos da asistencia non incluirá os relativos ao desprazamento da persoa interesada nin de quen a acompaña.

A obriga de reintegro só será exixible fronte ao Servizo Galego de Saúde cando a facturación correspondente á asistencia se presente dentro do prazo de 10 días hábiles, contados a partir da data de alta do proceso.

5. Non procederá o pagamento dos gastos ao centro acreditado cando a atención sexa realizada por persoal médico pertencente ao Servizo Galego de Saúde que desenvolva o seu labor público en centros da área sanitaria en que se realizou a indicación.

CAPÍTULO IV
Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia

Artigo 14. Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia

1. O Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia terá carácter único e nel inscribiranse todos/as os/as pacientes que soliciten unha atención hospitalaria de carácter programado e non urxente, indicada por un/unha facultativo/a de calquera centro do Servizo Galego de Saúde.

2. O Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia estará integrado pola información e os datos contidos nos seguintes rexistros:

– Rexistro de pacientes en espera de atención programada en hospitalización, cirurxía e salas, regulado na Orde do 19 de maio de 2003.

– Rexistro de pacientes en espera de atención programada para consultas externas, regulado na Orde do 13 de xullo de 2004.

– Sistema de información sobre probas diagnósticas e/ou terapéuticas previsto no Real decreto 605/2003, do 23 de maio.

Para tal efecto, os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, os adscritos ou vinculados á Consellería de Sanidade e os centros concertados sectorizados incorporarán e manterán actualizados os datos de todos os pacientes aos cales se lles indique un dos procesos garantidos.

3. Se ben o rexistro terá carácter único, a xestión del para efectos de rexistro e programación realizarase de forma descentralizada desde os centros do sistema, tanto propios coma concertados, a través dos servizos de admisión ou das unidades que se habiliten para tal efecto, polo que a creación do Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia non suporá a desaparición dos rexistros citados anteriormente.

4. Ao rexistro previsto neste decreto aplicaránselle os criterios e normas de funcionamento previstos no Real decreto 605/2003, do 23 de maio, así como o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as súas normas de desenvolvemento.

5. O Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia disporá de niveis de accesibilidade adecuados, que serán definidos pola dirección xeral con competencias en materia de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

6. O Rexistro contará coas debidas garantías de seguridade, confidencialidade e privacidade de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento.

Artigo 15. Ámbito de aplicación do rexistro

O rexistro estende o seu ámbito de aplicación a todos os centros do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como aos centros sanitarios con concerto vixente.

Artigo 16. Criterio de inclusión

Incluiranse no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia as persoas beneficiarias da garantía establecida neste decreto ás cales se lle teña realizado unha indicación dunha cirurxía, consulta ou proba diagnóstica ou terapéutica por persoal facultativo de calquera centro do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 17. Datos rexistrables

O Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia identificará os/as pacientes en espera con dereito á garantía da atención sanitaria establecida no capítulo II da Lei 12/2013, do 9 de decembro, e debe conter, como mínimo, os seguintes datos:

a) Datos de identidade do/da paciente.

b) Data de finalización do proceso de indicación polo/a facultativo/a responsable do/da paciente.

c) Data de mecanización no rexistro.

d) Aceptación da indicación polo/a paciente.

e) Procedemento garantido e tempo máximo de acceso.

f) Data da oferta alternativa.

g) Decisión do/da paciente (aceptación ou rexeitamento da oferta alternativa).

h) Data de inicio da suspensión, se for o caso.

i) Causa da suspensión do cómputo do tempo máximo de acceso, se for o caso.

j) Data en que se retoma o cómputo do tempo máximo de acceso, unha vez desaparecida a causa que motivou a suspensión, se for o caso.

k) Data da perda da garantía, se for o caso.

l) Causa que motiva a perda da garantía, se for o caso.

m) Data da baixa no rexistro.

n) Causa da baixa no rexistro.

Artigo 18. Proceso de indicación dun proceso garantido

1. O proceso de indicación comeza cando persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde establece a indicación para unha cirurxía, consulta ou proba diagnóstica e/ou terapéutica garantidas, e finaliza cando o/a paciente ou o seu representante legal debidamente acreditado comunica a súa aceptación expresa:

a) No caso das primeiras consultas externas e das primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas, cando o/a paciente acuda ás unidades de xestión de citas, nas cales se lle expedirá xustificante da garantía e da inclusión no rexistro.

b) No caso das intervencións cirúrxicas, cando o/a paciente presente asinada no servizo de admisión a correspondente solicitude normalizada de inclusión no rexistro e o documento de consentimento informado para a citada intervención.

2. Non terá a consideración de proceso de indicación cando o/a paciente rexeite a indicación de forma explícita, ou ben non comunique a súa aceptación nos prazos establecidos para tal fin no artigo 11.

3. Os servizos de admisión ou unidades habilitadas para tal efecto procederán á inclusión dos/das pacientes con indicación garantida, extremando as medidas para que non exista ningún/ningunha paciente pendente de rexistro.

Artigo 19. Documento acreditativo

Unha vez inscrito/a no rexistro, o/a paciente recibirá o documento acreditativo do dereito de garantía, que incluirá, polo menos, os seguintes datos:

a) Data de comenzo do cómputo do tempo máximo de acceso.

b) Tempo máximo de acceso garantido.

c) Información sobre a repercusión da solicitude de aprazamento por motivos persoais xustificados por parte do/da paciente, de acordo co criterio establecido no Real decreto 605/2003, do 23 de maio.

d) Tempo máximo de acceso para recibir a atención garantida nos centros alternativos.

e) Modo en que se realizarán as notificacións e comunicacións entre o/a paciente e o centro.

f) Procedemento para consultar a súa situación de espera e posición no rexistro.

g) Procedemento para exercer o seu dereito á atención no tempo máximo garantido e formular calquera queixa ou suxestión.

Disposición adicional única. Funcións das xefaturas de servizo responsables

Para os efectos da aplicación das garantías previstas no presente decreto, encoméndase ás persoas titulares das xefaturas de servizo ou responsables das unidades implicadas nos procesos garantidos a revisión das indicacións efectuadas e, de ser o caso, a reasignación do nivel de prioridade, tendo en conta os criterios previstos no artigo 5.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao disposto no presente decreto e, en particular, o Decreto 104/2005, do 6 de maio, de garantía de tempos máximos de espera en atención sanitaria non urxente.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos 2 meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento para a execución

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para adoptar cantos actos e medidas sexan necesarias para a aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

Anexo I
Relación de diagnósticos garantidos para as intervencións cirúrxicas
programadas e non urxentes

Procedementos cirúrxicos para os seguintes diagnósticos de pacientes que sexan incluídos no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia:

Neoplasias malignas primarias de localizacións específicas

Diagnósticos

Códigos diagnósticos CIE-10-ES

Neoplasia maligna de labio

C00

Neoplasia maligna da lingua

C01-C02

Neoplasia maligna de enxiva

C03

Neoplasia maligna de solo da boca

C04

Neoplasia maligna do padal

C05

Neoplasia maligna de mucosa de fazula, vestíbulo boca, área retromolar

C06

Neoplasia maligna de glándula parótida

C07

Neoplasia maligna doutras glándulas salivares

C08

Neoplasia maligna de amígdala

C09

Neoplasia maligna de orofarinxe

C10

Neoplasia maligna de nasofarinxe

C11

Neoplasia maligna de seno piriforme

C12

Neoplasia maligna de hipofarinxe

C13

Neoplasia maligna de esófago

C15

Neoplasia maligna de estómago

C16

Neoplasia maligna de intestino delgado

C17

Neoplasia maligna de colon

C18

Neoplasia maligna de unión rectosigmoidea

C19

Neoplasia maligna de recto

C20

Neoplasia maligna de ano e canal anal

C21

Neoplasia maligna de fígado e vías biliares intrahepáticas

C22

Neoplasia maligna de vesícula biliar

C23

Neoplasia maligna de vía biliar extrahepática, ampola de Vater

C24

Neoplasia maligna de páncreas

C25

Neoplasia maligna de cavidade nasal e de oído medio

C30

Neoplasia maligna de senos accesorios

C31

Neoplasia maligna de larinxe

C32

Neoplasia maligna de traquea

C33

Neoplasia maligna de bronquio e pulmón

C34

Neoplasia maligna de timo

C37

Neoplasia maligna de corazón, mediastino e pleura

C38

Neoplasia maligna de óso e de cartilaxe articular de extremidades

C40

Neoplasia maligna de óso e de cartilaxe articular de cranio e faciana

C41.0

Neoplasia maligna de mandíbula

C41.1

Neoplasia maligna de columna vertebral

C41.2

Neoplasia maligna de costelas, esterno e clavícula

C41.3

Neoplasia maligna de ósos de pelve, sacro e cóccix

C41.4

Melanoma maligno de pel

C43

Carcinoma de células de Merkel

C4A

Mesotelioma

C45

Sarcoma de Kaposi

C46

Neoplasia maligna de nervios periféricos e sistema nervioso autónomo

C47

Neoplasia maligna de retroperitoneo e peritoneo

C48

Neoplasia maligna de tecido conxuntivo, músculo, graxa, sinovia, tendón, vasos sanguíneos e vasos linfáticos

C49

Neoplasia maligna de mama

C50

Neoplasia maligna de vulva

C51

Neoplasia maligna de vaxina

C52

Neoplasia maligna de colo de útero

C53

Neoplasia maligna de corpo de útero

C54

Neoplasia maligna de ovario

C56

Neoplasia maligna de placenta

C58

Neoplasia maligna de pene

C60

Neoplasia maligna de próstata

C61

Neoplasia maligna de testículo

C62

Neoplasia maligna de epidídimo, cordón espermático, vesícula seminal

C63

Neoplasia maligna de ril

C64

Neoplasia maligna de pelve renal

C65

Neoplasia maligna de uréter

C66

Neoplasia maligna de vexiga

C67

Neoplasia maligna de uretra, parauretral e lugares contiguos do aparello urinario

C68

Neoplasia maligna de ollo e os seus anexos

C69

Neoplasia maligna de meninxes

C70

Neoplasia maligna de cerebro

C71

Neoplasia maligna de medula espiñal, nervios craniais

C72

Neoplasia maligna de glándula tiroide

C73

Neoplasia maligna de glándula suprarrenal

C74

Neoplasias malignas secundarias ou metastáticas de localizacións específicas

Diagnósticos

Códigos diagnósticos CIE-10-ES

Neoplasia maligna secundaria de ganglios linfáticos

C77

Neoplasia maligna secundaria de órganos respiratorios e dixestivos

C78

Neoplasia maligna secundaria de ril e pelve renal

C79.0

Neoplasia maligna secundaria de vexiga, uréter, parauretral, uretral

C79.1

Neoplasia maligna secundaria de pel

C79.2

Neoplasia maligna secundaria de cerebro e meninxes cerebrais

C79.3

Neoplasia maligna secundaria de nervios craniais, medula espiñal, ollo

C79.4

Neoplasia maligna secundaria de óso e medula ósea

C79.5

Neoplasia maligna secundaria de ovario

C79.6

Neoplasia maligna secundaria de glándula suprarrenal

C79.7

Tumores neuroendócrinos

Diagnósticos

Códigos diagnósticos CIE-10-ES

Tumores malignos neuroendócrinos

C7A

Tumores neuroendócrinos secundarios

C7B

Carcinoma in situ

Diagnósticos

Códigos diagnósticos CIE-10-ES

Carcinoma in situ de cavidade oral, esófago e estómago

D00

Carcinoma in situ de colon

D01.0

Carcinoma in situ de unión rectosigma

D01.1

Carcinoma in situ de recto

D01.2

Carcinoma in situ de intestino

D01.4

Carcinoma in situ de fígado, vesícula biliar e condutos biliares

D01.5

Carcinoma in situ de páncreas

D01.7

Carcinoma in situ de oído medio e aparello respiratorio

D02

Melanoma in situ

D03

Carcinoma in situ de mama

D05

Carcinoma in situ de colo de útero

D06

Carcinoma in situ de endometrio

D07.0

Carcinoma in situ de vulva

D07.1

Carcinoma in situ de vaxina

D07.2

Carcinoma in situ de anexos uterinos

D07.3

Carcinoma in situ de pene

D07.4

Carcinoma in situ de vesícula seminal, epidídimo, conduto deferente, conduto espermático

D07.6

Carcinoma in situ de vexiga

D09.0

Carcinoma in situ de ril, pelve renal, uréter, uretra

D09.1

Outros diagnósticos prioridade 1

Diagnósticos

Códigos diagnósticos CIE-10-ES

Enfermidades/trastornos da válvula aórtica:

– Estenose aórtica severa:

• Clase ≥ III de dispnea (clasificación funcional NYHA*1) ou clase ≥ III de anxina (clasificación funcional CCS*2), non atribuíbles a outra causa

– Insuficiencia aórtica severa:

• Clase ≥ III da Clasificación funcional NYHA*1 ou disfunción ventricular esquerda (fracción de exección do ventrículo esquerdo < 50 %), non atribuíbles a outra causa

I06.0; I06.1; I06.2; I35.0; I35.1; I35.2; Q23.0; Q23.1

Enfermidades/trastornos da válvula mitral:

– Estenose mitral severa:

• Clase ≥ III de dispnea (clasificación funcional NYHA*1) non atribuíble a outra causa

– Insuficiencia mitral severa:

• Clase ≥ III da clasificación funcional NYHA*1 e fracción de exección do ventrículo esquerdo > 30 % ou disfunción ventricular esquerda (fracción de exección do ventrículo esquerdo entre 30 e 50 %), non atribuíbles a outra causa

I05.0; I05.1; I05.2; I34.0; I34.2; Q23.2; Q23.3

Aneurismas cerebrais

I67.1; Q28.2; Q28.3

Obstrución arterial aorto-ilíaca:

Lesións isquémicas en extremidades: estadios III e IV de Fontaine

I74.0; I74.1; I74.5

Obstrución arterial fémoro-poplítea:

Lesións isquémicas en extremidades: estadios III e IV de Fontaine

I74.3; I75.02

Estenose carotídea extracranial

I65.2

Desprendemento de retina

H33.0; H33.2; H33.4; H33.8; H35.72; H35.73

Hidrocefalia (agás hidrocefalia crónica do adulto)

G91.0; G91.1; G91.3; Q03; Q07.02; Q07.03

*1Escala NYHA (New York Heart Association)

*2 Criterios CCS (Canadian Cardiovascular Society)

Anexo II
Relación de primeiras consultas externas hospitalarias programadas
e non urxentes garantidas

Vías rápidas de:

– Cancro de pulmón

– Cancro de mama

– Cancro colorrectal

– Cancro de próstata

– Cancro de vexiga

– Cancro de cabeza e pescozo

– Melanoma

Anexo III
Relación de primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas
e non urxentes garantidas

– Relacionadas coa vía rápida de cancro de pulmón:

TAC

Broncoscopia

Espirometría

PET/TAC

Biopsia (informe anatomopatolóxico)

Probas de estadiaxe

– Relacionadas coa vía rápida de cancro de mama:

Mamografía

Ecografía

Biopsia (informe anatomopatolóxico)

Probas de estadiaxe

– Relacionadas coa vía rápida de cancro de colorrectal:

Colonoscopia

Biopsia

Probas de estadiaxe

– Relacionadas coa vía rápida de cancro de próstata:

ECO transrectal (TRUS)

Biopsia (informe anatomopatolóxico)

Probas de estadiaxe

– Relacionadas coa vía rápida de cancro de vexiga:

Cistoscopia

Ecografía

UroTAC

Probas de estadiaxe

– Relacionadas coa vía rápida de cancro de cabeza e pescozo:

Panendoscopia

Biopsia

probas de estadiaxe

– Relacionadas coa vía rápida de melanoma:

Biopsia

TAC

Probas de estadiaxe