Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2017 Páx. 52144

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de outubro de 2017 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación del Fútbol Gallego.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación del Fútbol Gallego, con domicilio na rúa Juan de Ciorraga número 3, na Coruña.

Feitos:

1. O 24 de xullo de 2017, Diego Batalla Bautista, secretario do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación del Fútbol Gallego constituíse en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 19 de abril de 2017, ante o notario Francisco López Moledo, co número de protocolo 753, pola Federación Gallega de Fútbol, que actúa representada polo seu presidente, Rafael Louzán Abal.

Esta escritura corrixiuse por outra outorgada na mesma localidade e ante o mesmo notario o 17 de xullo de 2017, co número de protocolo 2.267.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, ten como obxecto e finalidade permanente:

– O achegamento e promoción do deporte, en especial do fútbol nas súas diferentes especialidades e modalidades, á sociedade galega en xeral.

– Difundir e expandir na Comunidade Autónoma de Galicia os valores inherentes á práctica deportiva e facilitar o acceso a el de nenos e mozos, procurando que a práctica do deporte vaia unida á formación integral da persoa.

– Potenciar a incorporación dos discapacitados ao mundo do fútbol.

– Potenciar a formación dos profesionais do fútbol galego.

– A axuda a xogadores, adestradores e árbitros de fútbol en risco de exclusión social.

4. O padroado inicial da Fundación está formado polo presidente da Federación Gallega de Fútbol, Rafael Louzán Abal, como presidente, Diego Batalla Bautista como secretario, e Luis Serantes Álvarez como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación del Fútbol Gallego con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 30 de outubro de 2017,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación del Fútbol Gallego, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza