Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2017 Páx. 52676

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2017, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ponte Caldelas (expediente IN407A 2017/446-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Eléctrica Los Molinos, S.L.

Domicilio social: avenida de Pontevedra, 14, baixo, 36820 Ponte Caldelas.

Denominación: CST Cuñas.

Situación: Ponte Caldelas.

Características técnicas: centro de seccionamento e transformación composto por dúas celas de liña, dúas de interruptor automático de baleiro, unha de medida, unha de protección e un transformador a 250 kVA con RT 20 kV/400-230 V. A instalación está situada no lugar de Cuñas (Ponte Caldelas).

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 31 de agosto de 2017, no BOP do 14 de agosto, no xornal Faro de Vigo do 11 de agosto e no taboleiro de anuncios do Concello de Ponte Caldelas. Tamén se lles notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite, non se recibiron alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de catorce (14) meses a partir da recepción da presente resolución.

Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 18 de outubro de 2017

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra