Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2017 Páx. 52773

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2017 pola que se autoriza o plan de xestión de pesca coa arte de bou de vara e a arte de rapeta ou bou de man.

Base legal.

Os artigos 109.1 e 113.1 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 31, do 15 de febreiro de 2011), establecen que tanto a utilización da arte do bou de vara como a arte da rapeta ou bou de man soamente poderán autorizarse a través do oportuno plan de xestión. As devanditas artes son de arrastre multiespecíficas, dirixidas a determinadas pesqueiras en función do momento do ano ou da zona de traballo onde se utilizan.

Segundo a descrición dada polo artigo 106 do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, o bou de vara caracterízase porque a apertura da arte se mantén polo efecto dunha vara transversal e a acción de remolque exercida polo motor da embarcación.

Así mesmo, o artigo 110 establece que a rapeta ou bou de man é unha arte mixta de remolque e cerco en que a acción de remolque se efectúa por medio de halador ou á man.

Por outra banda cómpre subliñar que o bou de vara soamente poderá autorizarse no ámbito da ría de Arousa, tal como establece o número 2 do artigo 109 do devandito Decreto 15/2011. No entanto, o bou de man poderá autorizarse nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo (artigo 113.2).

Polo exposto, esta consellería

RESOLVE:

Autorizar a citada pesqueira baixo os seguintes termos e condicións:

1. Participantes. Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de bou de vara ou a de bou de man.

2. Período. O período autorizado será desde o 2 de novembro de 2017 ata o 31 de marzo de 2018, ambos os dous incluídos.

3. Horario. O emprego das artes de bou de vara e bou de man realizarase de luns a venres, das 8.00 das 14.30 horas.

Non obstante, o uso desta arte para a captura da nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) terá horario nocturno, desde o ocaso ata o orto, e deberase rexistrar a actividade expresamente para este recurso.

Os horarios diúrno e nocturno serán excluíntes entre si.

4. Arte. As artes que se usarán serán:

a) O bou de vara, segundo as seguintes características técnicas:

1º. Lonxitude do calón: 6 metros como máximo.

2º. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.

3º. Lonxitude de vara: 6 metros como máximo.

4º. Chumbada: 10 kg como máximo.

5º. Altura: 3,5 metros como máximo.

6º. Dimensión de malla mínima: calón, 60 milímetros; cope, 50 milímetros.

b) O bou de man, segundo as seguintes características técnicas:

1º. Lonxitudes das ás: 30 metros como máximo.

2º. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.

3º. Chumbada: chumbos de 1 kg como máximo cada 4 metros.

4º. Dimensión de malla mínima: calón de 80 milímetros; cope de 50 milímetros.

5. Limitacións de uso (para ambas as dúas artes).

Cando se empreguen as citadas artes de bou de vara e bou de man en polígonos de cultivos mariños, terá que manterse a distancia suficiente para evitar afectar as cordas das bateas.

Nas canles de navegación só se permitirá pescar nas súas beiras, considerando a posición onde está a arte correspondente e non onde está a embarcación.

Nas zonas de libre marisqueo soamente poderán utilizarse en profundidades superiores a 10 metros. Esta profundidade corresponderá á posición onde traballa a arte correspondente e non onde está a embarcación.

A potencia máxima das embarcacións que faenen con estas artes será de 50 CV.

6. Zonas de pesca. As zonas autorizadas de traballo, segundo a arte a utilizar, son:

– Para a arte de bou de vara:

Ría de Arousa.

– Para a arte de bou de man:

1. Ría de Arousa.

2. Ría de Pontevedra.

3. Ría de Vigo.

As embarcacións que faenen nas devanditas zonas de traballo deberán adecuarse ao establecido no punto 5 desta resolución.

7. Especies. O obxecto da captura serán a volandeira e a zamburiña, así como outras especies demersais.

Todas as especies deberán cumprir cos tamaños mínimos exixidos segundo o disposto na Orde do 27 de xullo de 2012, pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación. Os individuos que non acaden o tamaño legal deberán ser devoltos ao mar inmediatamente.

8. Punto de control e venda. Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

9. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións no punto de adhesión a plan de explotación: [“BOU DE VARA (RÍA DE AROUSA) (19A); BOU DE MAN (RÍA DE AROUSA) (20A); BOU DE MAN (RÍA DE PONTEVEDRA) (20B); BOU DE MAN (RÍA DE VIGO) (20C) // PLAN BOU DE VARA + BOU DE MAN 2017-2018 (RÍAS DE AROUSA, PONTEVEDRA E VIGO)”]. Por tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán faenar no mesmo día no ámbito do correspondente plan e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía fax ao número 981 54 47 40 -ou por correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar, en calquera das embarcacións autorizadas mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

10. Extracción e comercialización. A presente resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

11. Infraccións e sancións. O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file