Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2017 Páx. 53458

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 17 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

No ano 2002, mediante a Lei 15/2002, do 1 de xullo, declárase o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (BOE núm. 157, do 2 de xullo) e establécense os seus límites actuais, que comprenden catro arquipélagos (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) e as augas mariñas que os rodean.

Anos antes desta declaración e mediante a Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG núm. 95, do 19 de maio), publícase a cartografía dos diversos espazos considerados como zona de especial conservación dos valores naturais (ZEPVN), entre os que figuran os espazos naturais protexidos denominados lugares de importancia comunitaria LIC Illas Cíes (ES0000001), LIC Complexo Ons-O Grove (ES1140004), LIC Complexo húmido de Corrubedo (ES1110006), zona de especial protección para as aves (ZEPA) Illa de Ons (ES0000254) e ZEPA Illas Cíes (ES0000001).

Ao abeiro da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, estes LIC pasarán a ter a consideración de zonas de especial conservación (ZEC) mediante a aprobación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo (DOG núm. 62, do 31 de marzo).

Con posterioridade, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Mariño), mediante a Orde AAA/1260/2014, do 9 de xullo, pola que se declaran zonas de especial protección para as aves en augas mariñas españolas (BOE núm. 173, do 17 de xullo), incluíu o territorio do Parque nacional dentro da ZEPA ES0000499 Espazo mariño das Rías Baixas de Galicia.

Así mesmo, o 23 de xuño de 2008, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia integrouse na Rede OSPAR de Áreas Mariñas Protexidas, rede creada baseándose no Convenio para a protección do medio mariño do Atlántico Nordeste (Convenio de Oslo-París, OSPAR), adoptado en París o 22.9.1992 e ratificado por España o 25.1.1994. Este convenio ten como obxectivo principal a adopción das medidas necesarias para protexer e conservar os ecosistemas e a diversidade biolóxica da zona marítima e, a ser posible, a recuperación das zonas mariñas que padeceron efectos nocivos.

De xeito máis recente, solicitouse a inclusión do ámbito territorial do parque nacional na Lista de zonas húmidas de importancia internacional do Convenio de Ramsar (Irán), e obten unha valoración positiva do Comité de Zonas Húmidas (18.11.2014) e da Comisión Estatal do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (29.7.2015).

O artigo 31 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que nos parques naturais a xestión se levará a cabo mediante plans reitores de uso e xestión (PRUX).

Ademais, o artigo 33 da devandita lei indica que os plans reitores de uso e xestión desenvolven as directrices emanadas do plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) e establecen as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación e, en particular, a investigación, o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores ambientais. O seu contido mínimo vén citado no seu artigo 34.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso ao ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan reitor de uso e xestión durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico iatlanticas@xunta.gal, pondo no asunto PRUX PNMTIAG.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento de inicio do Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, rúa de Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación del Territorio de Pontevedra, avenida de Fernández Ladreda, 43-1º-4º, 36071 Pontevedra.

– Sede do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, rúa Oliva, 3, 36202 Vigo.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural