Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2017 Páx. 53689

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 117/2017, do 9 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil na marxe dereita da PO-250, punto quilométrico 0+160, no concello de Redondela (clave PO/16/047.06).

Antecedentes

Primeiro. Con data do 7 de xullo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 129) o Anuncio do 12 de xuño de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil na marxe dereita da PO-250, p.q. 0+160, de clave PO/16/047.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública só se presentaron certificados e informes e procedeuse á súa valoración.

Este proxecto ten por obxecto a execución dun itinerario peonil na marxe dereita da estrada PO-250, á altura do p.q. 0+160, que permita a circulación de peóns pola zona e o cruzamento do río Alvedosa con garantías de seguridade, comodidade e accesibilidade, ao atoparse este treito da estrada en pleno núcleo urbano de Redondela, coa conseguinte continua interferencia entre vehículos e peóns.

Por outra banda, na zona da actuación existe, como elemento patrimonial de interese, o cruceiro do Peto de Ánimas de Pasais. A solución proposta no proxecto non afecta o dito cruceiro, non obstante este porase en valor mediante a creación dunha praza ao seu arredor que promova e fomente as visitas, así como a revitalización do contorno, e permita unha maior facilidade de mantemento.

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións (necesarias para garantir a funcionalidade da senda executada):

– Reposición de firmes, pavimentos e paso de peóns.

– Execución dun muro e unha pasarela sobre o río Alvedosa.

– Beirarrúa transitable sobre a ponte do río.

– Drenaxe da senda peonil para evitar na base do cruceiro posibles empozamentos de auga.

– Sinalización, balizamento e defensas.

– Reposición dos servizos afectados.

– Instalación de iluminación na senda peonil e no cruceiro.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dea lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil na marxe dereita da PO-250, p.q. 0+160, de clave PO/16/047.06.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda