Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2017 Páx. 54172

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 119/2017, do 9 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a ponte de Pontevea sobre o río Ulla, entre os termos municipais da Estrada (Pontevedra) e Teo (A Coruña).

O 31 de xaneiro de 2017, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite resolución pola que se incoa expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a ponte de Pontevea sobre o río Ulla, entre os termos municipais da Estrada (Pontevedra) e Teo (A Coruña), publicada no DOG núm. 36, do 21 de febreiro de 2017, e abriuse un período de exposición pública dun mes, con notificación aos interesados.

No expediente consta o informe dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela), que emitiron informe favorable sobre a declaración de ben de interese cultural, aínda que con algunhas consideracións tanto sobre a categoría de protección, no caso da Real Academia, como sobre o contorno de protección, no caso do Consello da Cultura. As recomendacións foron estudadas e recollidas parcialmente na resolución de incoación, e considerouse acaído o réxime de protección da categoría de monumento en relación coas características da ponte, aínda considerando tamén relevantes os valores históricos e a súa riqueza paisaxística, e ampliando o contorno de protección inicialmente proposto nos informes técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no sentido requirido.

Durante o trámite de información pública, no cal se solicitou o informe tamén de departamentos con competencias sectoriais no ámbito da protección, e se notificou aos concellos da Estrada e Teo, así como á Axencia Galega de Infraestruturas, que xestiona este ben de titularidade autonómica, foi presentada unha alegación por parte dos titulares de predios afectados polo contorno de protección proposto.

A alegación foi estimada ao entenderse xustificados os argumentos achegados e os informes técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural concluíron que era acaída a modificación do contorno de protección, adaptándoo e homoxeneizándoo co contorno de protección xa existente no PXOM do termo municipal da Estrada, e que tamén toma en consideración o potencial arqueolóxico dos predios.

A documentación relativa á ponte de Pontevea avala a concorrencia neste lugar de diferentes camiños, mesmo desde época romana. Aínda que non hai acordo entre os historiadores á hora de fixar neste punto o paso da Vía Romana XIX, no Itinerario Antonino entre Bracara Augusta e Lucus Augusti, atravesando Pons Vellegia (Pontevea) procedente de Aquis Celenis (Cuntis), si que hai certeza da confluencia neste lugar de camiños asociados ás rutas de peregrinaxe e comerciais. Sen descartar a posible existencia dunha ponte anterior de época romana, non hai ningunha dúbida de que a ponte actual é medieval, construída no século XVI, con reconstrucións importantes no XVIII.

Este lugar tamén foi escenario, na Guerra da Independencia, das loitas contra as tropas napoleónicas desenvoltas a partir do 1809, como consecuencia das cales se provocou unha importante derruba nun dos seus arcos, reposto no ano 1822, sendo precisa unha nova rehabilitación da ponte no ano 1845 encargada polo Concello da Estrada.

Á vista das consideracións anteriores, e despois de rematar a instrución do expediente administrativo, segundo a proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do nove de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural a ponte de Pontevea sobre o río Ulla, entre os termos municipais da Estrada (Pontevedra) e Teo (A Coruña), coa categoría de monumento, segundo a descrición, delimitación e réxime recollidos nos anexos I e II deste decreto.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural e notificala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e aos concellos da Estrada e de Teo, para os efectos do coñecemento da consideración de protección referida á natureza do ben e a aplicación do réxime de protección derivado.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición do ben

• Denominación: Pontevea.

• Localización: a ponte de Pontevea constrúese para facilitar a comunicación entre Santiago de Compostela e o sur de Galicia, polo que comunica as provincias da Coruña e Pontevedra na confluencia dos concellos de Teo e A Estrada, no lugar en que a fronteira natural do río Ulla pasa polas parroquias de San Cristovo de Reis e Santa María de Couso, respectivamente.

• Descrición:

– Inmoble obxecto da declaración: as características arquitectónicas da ponte encadran a construción no tipo románico-oxival, con seis arcos de cantaría apoiados en cinco grandes piares, con tallamares triangulares augas arriba para suavizar a presión e trapezoidais augas abaixo que chegan ata o peitoril. Ata unha reforma realizada nos anos noventa do século XX, nos tallamares saíntes da ponte, debido á estreiteza da estrada, había refuxios para peóns. A calzada está en pendente desde a pía central, que é a máis elevada e anuncia a tendencia da ponte. Neste punto central a planta da ponte presenta un quebro. No século XVIII engadíronse os estribos para alargar as dúas entradas da ponte.

– Partes integrantes: as bóvedas son de luces similares, aínda que descendentes desde a pía central ata as bóvedas extremas e as súas medidas tomadas en metros e partindo do noroeste son as seguintes: na marxe esquerda 10,40, 10,58 e 11,69, e na marxe dereita 11,17, 10,56 e 8,24. En canto á morfoloxía, as bóvedas presentan deformacións respecto á forma circular, seguramente polo asento das cimbras durante a súa construción ou en reconstrucións posteriores. Os tallamares tamén teñen distinto largo, cos tres centrais dun largo parecido e os de cada un dos extremos dun largo superior, seguramente motivado por unha reconstrución posterior. As medidas dos tallamares tomadas en metros e coa mesma referencia xeográfica son as que seguen: 3,52, 3,08, 2,79, 2,71 e 3,63.

– Restos arqueolóxicos: a pesar da inexistencia de estudos arqueolóxicos sobre os posibles xacementos existentes no seu contorno, cómpre destacar achados de varios restos de estruturas susceptibles de formaren parte dun pavimento preexistente da ponte, en aliñación co actual en uso, no extremo sueste, localizadas ao abeiro das obras promovidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en 2010, de reparación e consolidación da ponte. Estas estruturas funcionais de acceso á propia ponte carecen de adscrición cronocultural por mor da ausencia de singularidade das súas estruturas e de materiais ergolóxicos asociados, pero non sufriron incidencias derivadas da intervención, que garantiu a súa conservación tal e como foron achadas.

• Estado de conservación: o estado xeral de conservación da estrutura é bo e non presenta alteracións visibles, a pesar do seu contorno, que reflicte as transformacións recentes urbanas (estradas, edificios, redes de infraestrutura...). Augas abaixo conserva un ámbito de ribeira que complementa o seu interese cos valores ambientais.

• Uso: a ponte na actualidade non ten que soportar o tráfico rodado ao existir unha alternativa próxima de recente construción. Xa na segunda metade do século XX, o Concello da Estrada solicitara da Xefatura de Obras Públicas de Pontevedra a ampliación da ponte para intentar resolver a dificultade que supoñía a escasa largura da ponte (2,50 m), causante de continuos incidentes de tráfico. Así, para gañar medio metro de largura, cambiáranse os vellos lastros por unha capa de asfalto e substituírase o peitoril de pedra por varandas metálicas. Pero o aumento continuo da densidade do tráfico e do transporte de mercadorías entre Compostela e a vila da Estrada desencadea a construción da nova ponte no 1980, para liberar de tránsito a vella. Nas condicións actuais a ponte permite o tránsito peonil e resulta un elemento de interese desde o punto de vista das actividades culturais relacionadas cos feitos históricos do lugar e os valores arquitectónicos e arqueolóxicos da construción.

• Réxime de protección: o réxime de protección dun ben inmoble declarado ben de interese cultural coa categoría de monumento será o que se define nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. En concreto, pode resumirse en:

– Deber de conservación: os propietarios e titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigados a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitir o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: posto que se trata dunha vía pública, o seu acceso permanente está garantido e non resulta preciso establecer un réxime concreto de visitas nin horario, que se limitarán ás partes accesibles nas condicións de normal uso do espazo e seguranza para as persoas, que deberán actuar coa dilixencia debida no seu uso.

– Interese social para os efectos da expropiación forzosa: poderán expropiarse por causa de interese social os inmobles situados no contorno de protección dos bens de interese cultural que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen un risco para a súa conservación. Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade.

En calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Fotografías:

missing image file

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

O contorno de protección da ponte axústase ao criterio de inclusión da zona máis próxima á ponte, incluíndo as marxes do río, e tentado axustar os límites ao parcelario e á nova ponte existente cara o leste, e procurando tamén a coincidencia e correspondencia coa delimitación que na actualidade xa recolle o Plan xeral de ordenación municipal da Estrada, aprobado definitivamente o 3.6.2013 (BOP do 6.9.2013).

• Liña delimitadora:

– Seguindo o sentido antihorario, comeza a delimitación no punto A que se localiza na marxe augas abaixo, sen incluíla, da nova ponte da PO/AC-831 e segue cara ao sur pola beira da estrada e da parcela 1 do polígono 520 do concello da Estrada, incluíndoa, ata o punto B, que se localiza no extremo sueste da parcela 61 do polígono 520.

– A delimitación segue cara ao oeste polo linde sur da parcela devandita ata o seu extremo suroeste, que é o punto C.

– Desde aquí segue cara ao norte ata o extremo noroeste da parcela 61/520, desde onde vai cara ao punto D localizado nas coordenadas UTM ETRS89 FUSO 29 X:536.799 Y: 4.734.199, nun punto intermedio da parcela 2/520.

– Desde aquí segue en dirección nordeste cara ao límite co río Ulla no punto E de coordenadas X:536.909 Y: 4.734.322.

– Desde o punto E cruza o río Ulla en perpendicular ao seu trazado ata o punto F localizado nas coordenadas X: 536.941 Y: 4.734.387.

– A delimitación continúa polo linde da zona de policía do río Ulla cara ao leste ata o punto G, no estremo sueste da parcela 428 do polígono 509 do concello de Teo, lindando coa propia estrada PO/AC-831 e desde aquí péchase o contorno unindo co punto A pola marxe augas abaixo da ponte nova que cruza o río Ulla.

Delimitación do contorno de protección UTM ETRS89 FUSO 29

Punto

X

Y

A

537.010

4.734.215

B

536.863

4.734.103

C

536.804

4.734.139

D

536.799

4.734.199

E

536.909

4.734.322

F

536.941

4.734.387

G

537.040

4.734.279

• Delimitación gráfica do contorno de protección.

missing image file