Con data do 3 de novembro de 2017, mediante resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, aprobáronse provisionalmente os estudos de ordenación da delimitación dos treitos urbanos mencionados. Estes estudos teñen por obxecto a identificación e o recoñecemento dos treitos urbanos nos solos clasificados como solo de núcleo rural que forman parte da rede autonómica de estradas de Galicia, para aplicarlles o réxime especial de protección do dominio público viario que se prevé para eles nos artigos 23.3 e 38.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. Este réxime especial consiste fundamentalmente en que a ordenación detallada das marxes da estrada, para construcións, instalacións ou edificacións nos treitos urbanos, se regulará só polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico.
Simultaneamente co anterior, e para unha correcta ordenación das marxes da estrada, é preciso adaptar a normativa urbanística ás prescricións introducidas polo artigo 135 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, que regula a posición e tipoloxía de peches permitidos nas marxes das estradas autonómicas
Por todo isto, de conformidade co disposto no artigo 63 do Decreto 66/2016 antes mencionado, sométense á información pública os estudos de ordenación da delimitación de treitos urbanos en solo de núcleo rural na rede autonómica de estradas de Galicia nos seguintes concellos da provincia da Coruña: Aranga (GA/17/047.09.1.1), Arzúa (GA/17/047.09.1.2), Boimorto (GA/17/047.09.1.3), Boqueixón (GA/17/047.09.1.4), Camariñas (GA/17/047.09.1.5), A Capela (GA/17/047.09.1.6), Carballo (GA/17/047.09.1.7), Cerdido (GA/17/047.09.1.8), Coristanco (GA/17/047.09.1.9), Curtis (GA/17/047.09.1.10), Dodro (GA/17/047.09.1.11), Irixoa (GA/17/047.09.1.12), Laxe (GA/17/047.09.1.13), Mesía (GA/17/047.09.1.14), Miño (GA/17/047.09.1.15), Muros (GA/17/047.09.1.16), Muxía (GA/17/047.09.1.17), Outes (GA/17/047.09.1.18), A Pobra do Caramiñal (GA/17/047.09.1.19), Ponteceso (GA/17/047.09.1.20), Pontedeume (GA/17/047.09.1.21), Porto do Son (GA/17/047.09.1.22), Santiago de Compostela (GA/17/047.09.1.23), Santiso (GA/17/047.09.1.24), Sobrado (GA/17/047.09.1.25), As Somozas (GA/17/047.09.1.26), Teo (GA/17/047.09.1.27), Touro (GA/17/047.09.1.28), Vedra (GA/17/047.09.1.29), Vilarmaior (GA/17/047.09.1.30).
Simultaneamente, e para incorporar na normativa urbanística a ordenación dos peches nos treitos anteriores, os documentos sométense tamén á información pública para os efectos do artigo 23.1 da Lei 8/2013 antes mencionada, que establece que os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas e o informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.
A duración da información pública será de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, período en que os estudos poderán ser examinados polas persoas que o desexen, co obxecto de formularen as alegacións que consideren oportunas, que deberán versar sobre a xustificación do establecemento da liña límite de edificación na forma proposta no expediente, así como dos usos permitidos entre a estrada e a liña límite de edificación.
A exposición ao público, para os efectos do presente anuncio, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela) e nas respectivas casas dos concellos antes relacionados. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (http://civ.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas) está á disposición dos interesados o documento completo de cada un dos estudos referenciados.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017
Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas