Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2017 Páx. 54872

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2017, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o día 21 de novembro de 2017, o tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 240, do 19 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Realizar os trámites oportunos para publicar as cualificacións obtidas polas persoas aspirantes que se presentaron ao segundo exercicio do proceso selectivo no lugar onde se realizou o exercicio e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, así como na Resolución deste tribunal do 25 de outubro de 2017, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dezasete con cinco (17,5) puntos. Para estes efectos, fíxase en trinta (30) o número máximo de persoas aspirantes que superaron o exercicio, ao teren acadado as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas e cunha puntuación mínima distinta de cero (0) en sete (7) dos dez (10) supostos que contiña o caso práctico.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contado desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.1.4 da convocatoria, os aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinais ou fotocopias compulsadas) de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna deberán asinar unha declaración segundo o modelo que figura como anexo III da convocatoria, que será validada pola Dirección Xeral da Función Pública segundo os datos que constan no seu expediente.

Quinto. De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2017

Pablo Leis Mol
Presidente do tribunal