Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2017 Páx. 54816

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de novembro de 2017 pola que se amplía o crédito e se modifica a Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2017, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A Orde do 31 de decembro de 2016 (DOG núm. 4, do 1 de marzo de 2017) estableceu, para o ano 2017, a convocatoria de axudas para propietarios de buques, e entre a súas finalidades estaban a paralización definitiva de buques que pesquen en augas interiores.

A devandita orde establece, no seu artigo 4, que o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Tendo en conta que este ano é o derradeiro ano de concesión deste tipo de axudas, que é necesario axustar a capacidade da flota aos recursos mariños dispoñibles, e que non chegou o crédito orzamentario para atender as solicitudes que cumpren cos requisitos, procede ampliar o crédito orzamentario para a concesión de axudas á paralización definitiva na convocatoria do ano 2017.

Por outra banda, cómpre ter en conta que, nos criterios de selección para a concesión de axudas no marco do programa operativo FEMP, eliminouse facer extensible a obriga do beneficiario persoa física da prohibición de rexistrar un buque pesqueiro nos cinco anos aos parentes ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade, obriga que existía cando se tramitou como anticipada de gasto a Orde do 31 de decembro de 2016. Por outra banda, o Real decreto 486/2017, do 12 de maio, polo que se modifican o Real decreto 1173/2015, do 29 de decembro, de desenvolvemento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no relativo ás axudas á paralización definitiva e temporal da actividade pesqueira, e o Real decreto 1549/2009, do 9 de outubro, sobre ordenación do sector pesqueiro e adaptación ao Fondo Europeo da Pesca, na súa liña 7 do artigo 6, tamén elimina a devandita obriga. Considérase axeitado, polo tanto, incluír a eliminación da devandita obriga aos parentes ata segundo grao mediante a modificación do artigo 8.b) da orde de base.

Por todo o anterior e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de crédito

Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2016 en 261.334,14 euros, con cargo á aplicación 14.02.723A.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Esta modificación non da lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 2

Modificación da Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2017 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

Modifícase o artigo 8, letra b), da orixinaria Orde de axudas do 31 de decembro de 2016, que queda redactado do seguinte xeito:

«No caso de paralización definitiva, desde a data en que se notifique resolución definitiva favorable de concesión da axuda, suspenderase totalmente a actividade pesqueira, pasando o buque a situación de baixa provisional. A suspensión da actividade pesqueira deberá acreditarse a través da entrega do rol na Capitanía Marítima do porto no momento da chegada a esta. Ademais, o propietario do buque beneficiario desta axuda non poderá rexistrar un buque pesqueiro no Rexistro de Buques e Empresas Navieiras ou en calquera outro rexistro de pavillón comunitario ou extracomunitario, nos cinco anos seguintes á data da recepción da axuda. No caso de persoas físicas, esta restrición estenderase á súa participación en persoas xurídicas que vaian rexistrar outros buques. No caso de persoas xurídicas, a restrición afectará os seus partícipes, que non poderán rexistrar un buque nin participar nunha sociedade que vaia rexistralo».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2017

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar