Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2017 Páx. 55203

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2017 pola que se delega na persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde o exercicio de competencias en relación co expediente disciplinario 18/16-M.

Por unha banda, o artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevé as causas e circunstancias xeradoras de abstención para as autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas, así como o deber da súa apreciación e comunicación.

Por outra banda, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé que o exercicio de competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica se poderá delegar noutros órganos da propia Administración, sempre que o suposto non se atope nalgún dos casos previstos no parágrafo 4 do artigo 6 antes citado.

Ademais, o parágrafo 3 do artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, determina que, no caso de que un órgano da Administración xeral da comunidade autónoma delegue o exercicio de competencias nun órgano dunha entidade instrumental do sector autonómico, abondará coa decisión do órgano delegante cando este sexa titular da consellería de adscrición da dita entidade instrumental.

Neste sentido, o artigo 2.2 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, establece que está adscrito a esta o Servizo Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo.

Tendo en conta que no expediente disciplinario núm. 18/16-M podería concorrer unha causa de abstención das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, resulta procedente e xustificado facer uso da posibilidade de delegación prevista legalmente, polo que

RESOLVO:

1. Delegar na persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde o exercicio das competencias atribuídas á persoa titular da Consellería de Sanidade en relación co expediente disciplinario núm. 18/16-M, polas causas indicadas anteriormente.

2. Ordenar que a presente resolución se publique no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 6.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 6.7 da citada Lei 16/2010, os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia e consideraranse ditados polo órgano delegante.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade