Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2017 Páx. 55367

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

INSTRUCIÓN do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento.

Un dos procedementos establecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para acadar os obxectivos de protección dos valores culturais dos bens mobles e inmobles é o da autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, como órgano especializado nesta materia. Así, establece no seu artigo 39 que: «As intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei» (...) «Estas autorizacións teñen carácter independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á execución das intervencións (...)».

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural é o organismo competente da Xunta de Galicia en materia de autorizacións en materia de patrimonio cultural. O artigo 13.1.f) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, indica que corresponde á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: «Emitir informe e resolver, de ser o caso, os procedementos que afecten o patrimonio cultural, conforme a normativa vixente.»; e no 13.1.g): «Realización de informes e estudos que sexan requiridos polas autoridades competentes e, en particular, o informe e asesoramento ás autoridades administrativas, cando sexa solicitado, en materia de protección e conservación do patrimonio cultural, e na adopción das medidas cautelares, correctivas e sancionadoras que se xulguen convenientes».

Cómpre, por outra banda, tamén facer referencia a que entre os obxectivos da Lei 5/2016, como recolle a súa exposición de motivos, está a procura dunha adaptación, no nivel da organización administrativa, da simplificación do réxime establecido na anterior lei do patrimonio cultural, a 8/1995, do 30 de outubro, a cal substitúe, no marco do principio de subsidiariedade, fundamentado na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, que prevé o de uso de técnicas descentralizadoras mediante a habilitación dos concellos nas tarefas de control preventivo en diversos ámbitos e esferas.

A devandita lei recolle que a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural é da Comunidade Autónoma, ben que tamén indica dous aspectos relevantes no eido das competencias da Administración local: a colaboración na salvagarda do patrimonio cultural, na súa difusión e na súa conservación, fomento e desfrute, estimulando para iso a participación activa de toda a sociedade (artigo 3.1.a), e a obriga de protexer, difundir e fomentar o valor cultural dos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial (artigo 3.2.a).

Así mesmo, a Lei 5/2016 prevé a habilitación aos concellos para autorizaren, no ámbito do patrimonio cultural, as intervencións nos monumentos, xardíns históricos, sitios históricos, xacementos ou zonas arqueolóxicas, vías culturais, lugares de interese etnolóxico ou conxuntos históricos tras a aprobación definitiva do necesario plan especial de protección ou determinacións urbanísticas específicas (artigo 58); as intervencións nas paisaxes culturais e territorios históricos tras a aprobación definitiva do instrumento específico de ordenación territorial ou urbanístico (artigo 62); e as intervencións nos camiños de Santiago despois de adaptar o planeamento municipal ás previsións do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago que se aprobe (artigo 82).

Tamén para os bens catalogados a Lei 5/2016 prevé unha habilitación aos concellos no caso de que conten con instrumentos de planeamento urbanístico xeral ou de desenvolvemento adaptados ás previsións de protección da Lei e os medios técnicos para aplicala (artigo 65). Nesas condicións estarán habilitados para autorizaren as intervencións que se refiran a bens catalogados integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico e os seus contornos de protección e zonas de amortecemento.

Das citadas habilitacións exclúense algunhas intervencións descritas en cada un dos devanditos réximes e que, en resumo, son actuacións sobre os bens singulares declarados de interese cultural dentro do seu ámbito, sobre calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico e sobre os que sexan de titularidade da Igrexa católica, así como para as actuacións de salvagarda que promova a consellería competente en materia de patrimonio cultural. No caso dos camiños de Santiago, ademais das devanditas tamén se exceptúan as intervencións que afecten as propias trazas dos camiños e os seus elementos funcionais.

Así que, a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece os mecanismos de garantías suficientes para que as intervencións sobre os bens do patrimonio cultural sexan avaliadas pola supervisión técnica previa e de forma axeitada en relación coas previsións realizadas por instrumentos de protección específicos, xa sexa directamente pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ou polos propios concellos a través dos mecanismos de habilitación que requirirán diferentes cumprimentos en función do descrito.

Porén, debe establecerse con maior precisión e detalle cales son as intervencións que requiren desa autorización previa en materia de patrimonio cultural por resultaren actuacións que potencialmente poidan afectar os valores culturais dos bens.

Efectivamente, a redacción dos diferentes artigos da Lei 5/2016 non establece unha graduación nin unha lista de intervencións pechada, nin un criterio explícito para a súa valoración ou cuantificación, o que é o apropiado dun texto con carácter global e xeral.

Da lectura integrada das súas disposicións extráese o principio de que deben someterse a autorización as intervencións que afecten os bens e estas intervencións pretenden sistematizarse no seu artigo 40 (modelos de intervencións) e que son: investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación, reestruturación, ampliación e reconstrución. No termo intervencións estarían tamén incluídos, para o caso dos bens inmobles declarados de interese cultural, os cambios de uso e a declaración de ruína.

Non se definen ou sistematizan con tal precisión, pola contra, os tipos de intervencións nas zonas de protección que se establezan. No caso das intervencións nos contornos de protección, a Lei 5/2016 establece no seu artigo 45 unha relación de actuacións en función do seu obxecto, o que debe ser o referente para determinar a necesidade de someter a autorización ou non unha actuación, con independencia dos modelos de intervención máis específicos definidos no artigo 40.

A lei limita a relación daquelas que si deben someterse a este proceso de autorización, e establece con claridade no seu artigo 45.2 que: «As restantes intervencións no contorno de protección non necesitarán autorización previa ao outorgamento de licenza, ben que deberán ser coherentes cos valores xerais do contorno».

De forma similar, aínda que cun maior alcance, no artigo 47.1 establécese que: «Na zona de amortecemento poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as actividades normais segundo a natureza do solo ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente sen necesidade da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, excepto que na declaración ou inclusión singularizada se determine o contrario.», e só se remiten a autorización unha serie de intervencións limitadas que teñen unha incidencia significativa de implantación territorial, que tamén poden diferir dos modelos de intervención relacionados no artigo 40 e deben ser analizadas polo seu obxecto.

O establecemento claro das condicións en que determinadas actuacións poden ser realizadas sen a necesidade dun procedemento de autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural, por non teren incidencia sobre os valores que se protexen, colaborará á maior axilidade nos trámites administrativos necesarios e á unha maior seguridade xurídica para as persoas interesadas e das administracións implicadas.

Perante a falla neste momento dun desenvolvemento regulamentario que clarifique o alcance do réxime de autorizacións para actuacións que, pola súa escasa complexidade técnica ou pouco alcance, poden non ter a consideración de intervencións segundo os modelos legais descritos, así como doutras actuacións que, producíndose no contorno de protección ou nas zonas de amortecemento, non teñen incidencia sobre os bens protexidos, e tendo en conta os obxectivos definidos no texto legal, dítase a presente instrución, ao abeiro das competencias que corresponden aos titulares das consellerías da Xunta de Galicia segundo o disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e ao abeiro das competencias propias da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co previsto no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica e polo artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Esta instrución, que se circunscribe ao ámbito das competencias da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten por obxecto coordinar a actuación en materia de protección do patrimonio cultural de Galicia dos seus órganos e unidades administrativas, sen prexuízo das competencias que corresponda exercer a outros organismos públicos e, máis en concreto, á Administración municipal.

Aínda que, de conformidade co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta instrución non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, considérase necesaria a súa publicación para que todos poidan coñecer os criterios que seguirá a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nesta materia, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica.

INSTRUCIÓN

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta instrución é desenvolver o criterio de interpretación sobre o réxime de autorizacións en materia de protección do patrimonio cultural é, dunha forma concreta, que actuacións de entre as que poidan propoñerse sobre bens inmobles protexidos polo seu valor cultural ou, de ser o caso, nos seus contornos de protección ou zonas de amortecemento, non requiren da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por non suporen afección ningunha nin poren en risco os valores culturais protexidos.

Segundo. Ámbito de aplicación

1. Esta instrución aplicarase para identificar as intervencións que non precisan dunha autorización previa en materia de patrimonio cultural en bens inmobles protexidos polo seu valor cultural, de calquera categoría das recoñecidas no artigo 10 da Lei 5/2016, coas seguintes excepcións:

a) Intervencións en bens inmobles declarados ben de interese cultural coa categoría de monumento, xardín histórico ou sitio histórico.

b) Intervencións sobre bens artísticos ou partes de bens inmobles que posúan un valor artístico segundo o definido no artigo 83 da Lei 5/2016.

c) Actividade arqueolóxica sobre os bens arqueolóxicos protexidos ou partes de bens inmobles que teñan un valor arqueolóxico. Si se aplicará para actividades non arqueolóxicas en ámbitos protexidos polo seu valor arqueolóxico que non afecten as estruturas nin o rexistro arqueolóxico, como as do normal uso dos terreos agrícolas sen remoción de terras nin uso de maquinaria pesada, ou intervencións sobre bens sen valor cultural específico localizados no propio ámbito delimitado do ben arqueolóxico, segundo o contido desenvolto ao longo da instrución.

2. A instrución será tamén de aplicación para as intervencións en bens inmobles e espazos públicos localizados nos contornos de protección dos bens catalogados ou declarados bens de interese cultural, así como nos ámbitos delimitados de bens inmobles cunha compoñente territorial ou de conxunto, nomeadamente os das categorías de lugar de valor etnolóxico, paisaxe cultural ou territorio histórico, incluídos os camiños de Santiago, sempre que non teñan un réxime de protección específico, para o que se aplicará o contido do punto anterior deste mesmo artigo.

Terceiro. Actuacións nos bens inmobles protexidos polo seu valor cultural que non precisan de autorización previa en materia de patrimonio cultural

1. Deben considerarse como actuacións que non precisan da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as actuacións puntuais de mantemento ou o uso ordinario, de moi escasa entidade técnica e construtiva, xustificadas pola deterioración material dos elementos sobre os cales se propón a intervención, cun alcance moi concreto e parcial e que requiren dunha rápida execución pola ameaza que pode supoñer para a súa conservación ou apreciación. Estes traballos, que teñen un alcance semellante aos de mantemento recollidos no artigo 40.c) da Lei 5/2016, pero que teñen un menor alcance e se realizan con carácter puntual ante unha situación de deterioración, entenderanse sempre de forma restritiva e limitaranse aos da tipoloxía e natureza descritos, como os que se relacionan de seguido:

a) A limpeza e retirada de pó ou lixo depositado e non fortemente adherido, sempre que non requira de medios auxiliares que poidan comprometer a integridade do seu soporte.

b) A eliminación de residuos e depósitos sobre sumidoiros, canlóns e baixantes que formen parte do sistema de evacuación de auga pluvial das cubertas ou a substitución parcial de elementos deste sistema por outros de idénticas características dimensionais e de material, sempre que non supoñan a substitución total de todos eles.

c) A limpeza con técnicas non agresivas e sen afectar o material de soporte existente. En calquera caso prohíbense os chorros de area sobre as fábricas de pedra vista e os chorros de auga a presión precisarán de autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

d) A recolocación parcial de material de cubrición ou revestimento de fachada movido accidentalmente ou a substitución puntual dalgún elemento deteriorado do material de cuberta, sempre que sexa parcial e sen afectar os elementos estruturais que o soportan e a composición construtiva e formal da cobertura.

e) O axuste de fiestras e portas, sen actuar sobre o material ou cando a actuación sexa moi parcial e limitada sobre os seus elementos de ancoraxe ou axuste.

f) A substitución de vidros deteriorados e a reposición de vidros sempre que se empreguen outros de similar espesor e aspecto que non requiran de técnicas ou materiais diferentes que os orixinais para a súa disposición.

g) A revisión e afianzamento de soportes e ancoraxes de instalacións existentes desprendidas ou deterioradas parcialmente, sempre que non sexa precisa a súa substitución ou reforzo. Exclúense deste criterio as liñas aéreas de transporte de enerxía ou comunicación e as antenas existentes en xacementos ou zonas arqueolóxicas.

h) O corte de herba ou maleza e a roza por medios manuais ou con maquinaria lixeira portátil, sen movementos de terra e respectando todos os exemplares arbóreos existentes ou elementos de xardinaría, así como podas parciais de mantemento.

i) A instalación de medios auxiliares para o desenvolvemento dos traballos agrícolas e forestais de escasa entidade como guías e proteccións individuais, así como o amoreamento e movemento do propio produto do cultivo, sen afectar elementos recoñecibles da paisaxe como os propios camiños, cómaros, valos, socalcos, sebes e outros de natureza análoga.

j) O cultivo de terreos sempre que non sexa precisa a modificación das rasantes existentes e os traballos de arroteamento se produzan a nula ou escasa profundidade, e sempre fóra dos bens arqueolóxicos.

k) A recolocación ou reparación que inclúa a substitución puntual e parcial dos elementos de xardinaría, pavimento e mobiliario urbano por outros análogos.

l) A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais ou deportivas, romarías, encontros, concertos, e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo maior de 72 horas, sempre que non se afecten materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.

m) A venda ambulante ao non precisar de ningún medio ou instalación de carácter permanente, nos casos en que non estea prohibida pola lexislación sectorial na materia.

2. Tampouco precisan da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as actuacións en inmobles protexidos cun nivel de protección ambiental que non afecte os elementos e valores que determinaron o alcance da devandita protección, como obras de fontanaría, modificación de distribucións interiores, novos azulexados, pavimentos e outras semellantes que non afectan a envolvente do edificio.

3. Se en calquera momento, por falta de previsión ou por circunstancias sobrevidas, as actuacións indicadas propostas ou en realización sobre bens protexidos polo seu valor cultural superan o alcance definido, deberá requirirse a paralización da intervención e que se definan axeitadamente as actuacións necesarias para a súa autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural.

4. Para o caso das intervencións de mantemento que teñen un carácter continuo ou periódico, deberá avaliarse a posibilidade de establecer ou requirir a elaboración dun protocolo ou proxecto de mantemento adaptado ás características propias do inmoble, sempre que resulte proporcionado á previsión das intervencións ou aos especiais valores culturais do ben.

De ser o caso, e unha vez que o devandito protocolo de mantemento sexa autorizado, poderán entenderse autorizadas todas as intervencións que o desenvolvan, sempre que se teñan especificado convenientemente as características técnicas e materiais das operacións e a súa vixencia e periodicidade, así como os criterios para a avaliación da súa eficacia e necesaria revisión, se for o caso. Isto é, que unha vez autorizado un protocolo de mantemento, a realización das operacións que o desenvolvan ao longo do tempo e ata que sexa necesaria a súa revisión en función dos indicadores obxectivos que se establezan tampouco precisen de posteriores autorizacións.

5. O mesmo procedemento poderá establecerse ou requirirse para o caso de rozas de mantemento e limpezas periódicas de vexetación nos solos afectados por ámbitos de protección do patrimonio cultural, especialmente nos contornos de protección do patrimonio arqueolóxico, así como para determinadas operacións de mantemento dos tendidos de liñas eléctricas.

Cuarto. Actuacións nos contornos de protección dos bens inmobles protexidos polo seu valor cultural que non precisan de autorización previa en materia de patrimonio cultural

1. Tomando en consideración que o contorno de protección dun ben non resulta de por si un ben protexido, senón que ten tal consideración en función dos valores culturais do ben que se protexe, medida con que se procuran manter as condicións de integración no territorio que o circunda, e á vista do establecido no artigo 45.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, cómpre interpretar que as intervencións propostas nos contornos de protección que non teñan efectos sobre as condicións de apreciación nin perturben ao sentido do ben protexido no seu ambiente non precisan de autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural.

As intervencións que polo seu carácter de escasa complexidade técnica e nula afección aos bens protexidos (aos seus valores, á súa contemplación, apreciación ou estudo e ao carácter arquitectónico e paisaxístico da zona), e que non impidan ou perturben a súa contemplación nin supoñan ningún risco para os bens -por producírense no interior de edificios ou locais que non conten con ningunha protección polo seu valor cultural e non supoñan ningunha manifestación en absoluto cara ao exterior- non precisan da autorización previa da DXPC.

2. Polos mesmos motivos relacionados coa apreciación do ben no seu territorio, tampouco precisarán da dita autorización:

a) As actuacións de investigación e mantemento que, realizadas sobre os inmobles localizados no contorno, non afecten os propios bens protexidos. Estas intervencións deben interpretarse de xeito estrito segundo a definición do artigo 40.a) e c) da Lei 5/2016 e non implicar efectos sobre a conservación dos materiais tradicionais, a integración volumétrica e os aspectos cromáticos do conxunto, é dicir, aplicando os criterios definidos no artigo 46, en especial, empregando «materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións».

b) As reparacións de cubertas que afecten só o material de cubrición, repoñendo o mesmo material tradicional existente, se este é coherente coa tradición da área xeográfica en que se atopa o inmoble. Estas reparacións non poderán incluír modificacións da forma do tellado, apertura de ocos, construción de chemineas nin modificación da solución dos beirís introducindo cornixas, voos, etc. que, se for o caso, si precisarán de autorización.

c) A pintura de fachadas e das carpintarías exteriores na mesma cor existente, sempre que esta sexa coherente coa tradición da área xeográfica en que se atope o inmoble ou se axuste aos criterios de cor que se poidan definir ou orientar desde a Xunta de Galicia. En caso contrario, deberá someterse a autorización co obxecto de determinar a cor e acabamentos apropiados.

d) A reparación de carpintarías sempre que se manteña o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes, agás nos casos en que se teña establecido por algunha condición xeral de protección do ámbito a necesaria adaptación a algún tipo orixinal característico do ámbito.

e) A reparación de revestimentos se se mantén a solución formal e construtiva existente, así como as súas cores e acabamentos. Non se aplicará este criterio ao mantemento de materiais construtivos deseñados para empregarse revestidos e que permanezan vistos ou sen rematar como as fábricas de bloque de formigón ou tixolo visto ou o emprego de materias de construción en sistemas ou funcións para os cales non estean deseñados como os forros de fachadas con materiais de cobertura de cubertas, ou os peches de leiras e edificios con elementos de mobiliario ou refugallos industriais. Admitiranse as reparacións das impermeabilizacións de medianís e fachadas secundarias con forros de placa de fibrocemento minionda sempre que como remate se pinten da mesma cor que o resto das fachadas do inmoble.

f) Os traballos de reforzo ou mellora estrutural, sempre que non produzan ningún efecto visible ou aparente desde o exterior e non exista unha protección, aínda con carácter xeral, que estableza algunha determinación concreta de protección estrutural para os inmobles localizados no devandito contorno. Tamén deberán ser sometidos a autorización este tipo de traballos cando afecten o subsolo no caso de contornos de bens do patrimonio arqueolóxico pola súa potencial afección.

g) As reparacións e reposicións de peches de leiras que empreguen os materiais, técnicas e solucións construtivas tradicionais orixinais dos elementos en que se intervén ou a construción de novos peches segundo os modelos que poidan definirse desde a Xunta de Galicia, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico.

h) Reposición de tendidos de instalacións de subministración de enerxía, voz e datos, ou outros servizos públicos existentes sempre que se realicen sen alterar a traza, posición e características ambientais dos tendidos de redes, liñas e instalacións existentes e non afecten o rexistro arqueolóxico dos bens. Deberán someterse a autorización as actuacións deste tipo nos ámbitos en que existan determinacións concretas sobre as características dos tendidos ou cando se teñan identificado como un elemento deturpador dos valores culturais dos bens ou do seu contorno.

i) Reparación de materiais de pavimentación de vías urbanas ou espazos públicos mantendo os existentes e sempre que non supoña actuacións de carácter xeral.

j) Reparación do mobiliario urbano mantendo o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes.

k) Traballos de limpeza de bens inmobles, espazos libres, vías públicas ou bens artísticos localizados neles que non conten cunha protección cultural individualizada.

l) Traballos de poda e tratamento de silvicultura sobre árbores e arbustos de relevancia ambiental, sempre que non se altere o seu carácter en relación coa escena urbana e a paisaxe natural en que se encadran.

m) Cambios de actividade sen reforma dos locais ou cando a reforma non afecta o aspecto exterior. Os rótulos e sinalización si deberán someterse á autorización agás nos casos en que se empreguen os mesmos soportes e dimensións que os existentes e xa fosen autorizados previamente.

3. No caso de que, aínda que as obras sexan semellantes ás definidas nos puntos anteriores pero se propoñan diferenzas de materiais, acabamentos e técnicas construtivas, ou a incorporación de novas instalacións visibles ou cambios dimensionais, as intervencións descritas si terían efectos sobre a súa apreciación e, por tanto, requirían da correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

4. Para o caso de intervencións da natureza das descritas nas alíneas h), i) e l) do punto 2 deste número, que teñan un carácter continuo ou periódico, deberá avaliarse a posibilidade de establecer ou requirir a elaboración dun protocolo ou proxecto de mantemento, adaptado ás características propias do ámbito, que resulte proporcionado á previsión das intervencións ou aos especiais valores culturais do ben.

De ser o caso, e unha vez que o devandito protocolo de mantemento sexa autorizado, poderán entenderse autorizadas todas as intervencións que o desenvolvan, sempre que se teñan especificado convenientemente as características técnicas e materiais das operacións e a súa vixencia e periodicidade, así como os criterios para a avaliación da súa eficacia e necesaria revisión, se for o caso. Isto é, que unha vez autorizado un protocolo de mantemento, a realización das operacións que o desenvolvan ao longo do tempo e ata que sexa necesaria a súa revisión en función dos indicadores obxectivos que se establezan, tampouco precisen de posteriores autorizacións.

5. Cando as intervencións requiran a total substitución dos elementos orixinais polo seu grao de deterioración, se non puider garantirse a total correspondencia cos materiais, deseño e técnicas tradicionais, será precisa a autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. No caso de reparacións en redes e tendidos de instalacións, cando se produzan cambios nas dimensións e materiais dos soportes ou cando sexa preciso incorporar novos elementos auxiliares non previstos cunha evidente presenza física, ou cando se afecte o subsolo en ámbitos baixo cautela pola súa potencialidade arqueolóxica, tamén será precisa a autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto. Actuacións nas zonas de amortecemento dos bens inmobles protexidos polo seu valor cultural que non precisan de autorización previa en materia de patrimonio cultural

1. Na zona de amortecemento poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as actividades normais segundo a natureza do solo, ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente, sen necesidade da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, excepto que na declaración ou inclusión singularizada do ben se determinase o contrario de forma específica.

2. Porén, si serán sometidas a autorización aquelas indicadas no artigo 47.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, e que nomeadamente serán aquelas que poidan supoñer unha alteración potencial significativa das características territoriais da paisaxe, e que deban ser avaliadas previamente pola súa afección ambiental e conforme as declaracións resultantes dos devanditos procesos.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria