Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2017 Páx. 56093

IV. Oposicións e concursos

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2017 pola que se convoca un posto de persoal directivo vacante (director/a da Área de Sociedade Dixital).

En virtude do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, regulado no artigo 21.2.5 dos estatutos da Amtega, aprobados polo citado Decreto 252/2011, do 15 de decembro.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os candidatos utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou poderá impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

Código: PX.A11.00.006.15770.001.

Denominación do posto: director/a da Área de Sociedade Dixital.

Dependencia: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro/Decreto 119/2012, do 3 de maio).

Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: funcionario (subgrupo A1)/alta dirección.

ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de director/a da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. Funcións do/a director/a.

De conformidade co establecido no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e se aproban os seus estatutos, o/a director/a terá as seguintes funcións:

a) A planificación relativa ás competencias da Amtega en materia da sociedade da información e o coñecemento e a súa coordinación cos programas estatais e internacionais.

b) Planificación e coordinación das actuacións e accións estratéxicas destinadas a promover a implantación das novas tecnoloxías da sociedade da información en todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma galega.

c) Proposta de normativas relativas ao exercicio das competencias da Amtega en materia da sociedade da información.

d) O fomento e o apoio de iniciativas e proxectos para a innovación tecnolóxica e o emprendemento en materia das tecnoloxías da información e comunicacións, en colaboración cos departamentos e institucións con competencias en innovación tecnolóxica.

e) Promover accións, proxectos e programas tendentes a cohesionar territorial e socialmente Galicia mediante a eliminación da fenda dixital.

f) Planificar e coordinar, coa colaboración dos departamentos e institucións con competencias en programas de formación, programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías, particularmente daqueles colectivos en risco de exclusión social.

g) Planificar e coordinar os proxectos e programas da Xunta de Galicia que teñan o obxecto de incrementar a empregabilidade grazas ao desenvolvemento das capacidades tecnolóxicas que derivan do uso das TIC.

h) Actuar como órgano de coordinación e participación de organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas en materia da sociedade da información, no ámbito competencial da Xunta de Galicia.

i) Promover, planificar e coordinar proxectos de innovación que conten co financiamento de fondos e transferencias doutras administracións e organismos, e que a Xunta de Galicia destine á promoción das actividades previstas nas alíneas anteriores.

j) Planificación e coordinación das funcións atribuídas ao Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

k) A orientación estratéxica, avaliación e control dos resultados da actividade do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

3. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter feitos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non encontrarse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargo público por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario/a, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvía, en caso de persoal laboral, en que fose separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes como no de toma de posesión ou formalización do contrato.

4. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Edificio Cinc, 2º andar, Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: 981 54 52 72, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos. Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para obter o título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que aleguen e presentar a documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

Así mesmo, coa solicitude terá que achegarse o curriculum vitae do solicitante e o plan de actuación (recollido no punto 7 destas bases) en soporte papel e en formato electrónico.

A formación acreditarase mediante a presentación de orixinais ou fotocopia cotexada dos títulos ou certificados que se aleguen.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público e certificado de servizos prestados, de ser o caso.

Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados conforme o disposto anteriormente, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/a aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para presentar solicitudes será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ditará resolución na cal se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia https://amtega.xunta.gal/ e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución na cal se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia: https://amtega.xunta.gal/

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse ademais no taboleiro de anuncios da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

6. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado por resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e constituirase unha vez publicada na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

7. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a continuación, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

O procedemento selectivo constará de dúas fases:

7.1. 1ª fase: baremación de méritos alegados (ata un máximo de 55 puntos):

A puntuación máxima é nesta primeira fase de 55 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 15 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

7.1.1. Formación (puntuación máxima de 30 puntos).

– Por asistencia a cursos impartidos por organismos ou entidades oficiais cunha duración igual ou superior a 20 horas lectivas no ámbito da innovación tecnolóxica e o emprendemento en materia das tecnoloxías da información e comunicacións, xestión de proxectos, programación, arquitectura de sistemas de telecomunicacións, networking, redes HFC, arquitecturas e protocolos TCP/IP ou estatística en materia de sociedade da información: 0,05 puntos por cada hora, ata un máximo de 22 puntos.

– Por asistencia a cursos impartidos por organismos ou entidades distintas das anteriores, cunha duración igual ou superior a 20 horas lectivas nos ámbitos da innovación tecnolóxica e o emprendemento en materia das tecnoloxías da información e comunicacións, xestión de proxectos, programación, arquitectura de sistemas de telecomunicacións, networking, redes HFC, arquitecturas e protocolos TCP/IP ou estatística en materia de sociedade da información: 0,02 puntos por cada hora, ata un máximo de 5 puntos.

– As titulacións adicionais ás exixidas como requisito e relacionadas co sector das telecomunicacións impartidas por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologadas (1 punto por cada unha delas ata un máximo de 3 puntos).

7.1.2. Experiencia (puntuación máxima de 25 puntos).

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos en tarefas de control, planificación, coordinación e xestión enfocada aos sectores da sociedade da información e das telecomunicacións: 2,5 puntos por cada ano, ata un máximo de 15 puntos.

– Por experiencia laboral de, cando menos, 4 anos na coordinación de recursos materiais e humanos na execución de proxectos: 1,5 puntos por cada ano, ata un máximo de 10 puntos.

7.1.3. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aproba a lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

7.1.4. Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase, para a defensa do plan de actuación.

7.2. 2ª fase: plan de actuación (ata un máximo de 45 puntos).

7.2.1. A puntuación máxima nesta segunda fase é de 45 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 25 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

7.2.2. As persoas aspirantes deberán presentar e defender un plan de actuación, que se desenvolverá a medio prazo relativo a algunha das seguintes materias: cohesión territorial e social de Galicia mediante a eliminación da fenda dixital; innovación tecnolóxica e o emprendemento en materia das tecnoloxías da información e comunicacións; despregamento da banda larga en Galicia; empregabilidade grazas ao desenvolvemento das capacidades tecnolóxicas que derivan do uso das TIC; estatística en materia de sociedade da información.

Este plan deberá conter as principais accións que se poñerían en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicaría.

O plan non poderá superar os 50 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

7.2.3. A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia cunha antelación mínima de corenta e oito horas á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

7.2.4. O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

• Viabilidade, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sustentados no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

7.2.5. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a cal se aproba a lista coas puntuacións definitivas da 2ª fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

8. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel. De persistir o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia as puntuacións obtidas polos/as aspirantes con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación. O nomeamento corresponde ao Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, por proposta motivada da Dirección.

De non se presentaren solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9. Nomeamento e toma de posesión.

9.1. Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado tivese a condición de funcionario público con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, que se considerará favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado desempeñase a condición de funcionario público, o prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia, agás no caso de procedencia doutras administracións, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma, co límite dos dous meses a que se fai referencia no parágrafo anterior. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.

9.2. Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado non desempeñase a condición de funcionario público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a director/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

10. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo de considerarse oportuno.

missing image file