Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2017 Páx. 57439

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 11 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 375213.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal (en diante, Sofor) sempre que non incorran en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

6. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición establecido nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

7. No caso da liña II, a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) con respecto á superficie total da agrupación.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e as Sofor poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva.

2. De acordo co devandito obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).

b) Liña II. Subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).

3. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.

No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

4. Estas axudas ampáranse nos artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que establecen as medidas de apoio á prevención e defensa contra os incendios forestais.

5. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse no exercicio do ano 2018 con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:

– Ano 2018: 4.500.000 euros, aplicación orzamentaria 13.02.551B.770.0, CP 2016 0212.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito ou como consecuencia de xeración, ampliación ou incorporación de créditos procedentes desta ou doutras administracións. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader nunha porcentaxe do 75 %, da Administración xeral do Estado do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

4. As actuacións que poderán ser obxecto de subvencións son as seguintes:

a) Liña I. Control selectivo de combustible.

a.1) Devasas:

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar: 409,10 €/ha.

a.2) Faixas auxiliares de pista:

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar: 409,10 €/ha.

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar: 490,07 €/ha.

a.3) Roza mecanizada en rexenerado forestal natural:

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural: 272,73 €/ha.

a.4) Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais:

Roza superficial de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración dos restos con rozadora de martelos ou similar, na superficie restante: 868,63 €/ha.

b) Liña II. Construción de puntos de auga:

Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3): 6.103,61 €/unidade.

Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3): 7.174,01 €/unidade.

Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3): 8.146,68 €/unidade.

Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3): 12.264,10 €/unidade.

5. A porcentaxe que se subvenciona será do 100 %.

6. O IVE non será subvencionable salvo que non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

Quinto. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común será de cen hectáreas (100 ha).

2. Para acadar a superficie, as comunidades de montes veciñais en man común poderán formar unha agrupación sempre que as CMVMC estean situadas nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

3. Nas Sofor e, excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estea localizada nalgún concello incluído en espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, segundo o recollido no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG núm. 69, do 12 de abril) ou nalgún dos incluídos na zona de especial protección para as aves da Limia, segundo o Decreto 411/2009, do 12 de novembro (DOG núm. 230, do 24 de novembro), a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 ha.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural