Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2017 Páx. 57732

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorecer o enriquecemento cultural na sociedade galega e poñer á súa disposición materiais para o seu desenvolvemento persoal no campo da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou de calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, é competencia desta consellería favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Tamén é competencia da consellería o apoio á produción editorial e a edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establece subvencións de apoio ao libro galego, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, de xeito que se poidan atopar na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción. Así mesmo, subvenciónase a edición dos ditos libros traducidos como medida necesaria para acadar a finalidade última que é a publicación e comercialización do libro e, así, contribuír ao enriquecemento do patrimonio bibliográfico galego.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente e adecuado previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde (código do procedemento CT221C).

As axudas van dirixidas á produción editorial para apoiar o libro galego no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Tamén se subvenciona a edición dos libros traducidos ao abeiro desta orde, co financiamento dos gastos de edición, tales como os de deseño e maquetación, preimpresión, impresión e manipulación.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2018.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e exclusións

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución e a edición aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o número seguinte deste artigo.

3. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Quedan excluídos expresamente das subvencións reguladas na presente orde os proxectos de tradución de obras que fosen obxecto de subvención nalgunha das dúas últimas convocatorias e que non chegasen a materializarse, excepto que fose debido a causa de forza maior allea á vontade da editorial solicitante.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 90.000 euros e, con cargo aos orzamentos de 2019, a cantidade de 110.000 euros.

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €), do seguinte modo:

A) Para a tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000 euros.

B) Para a tradución desde o galego para outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000 euros.

C) Quedarán excluídos destas axudas aqueles proxectos que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acaden unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

D) A contía fíxase en 20 euros por páxina, como máximo.

E) O cómputo e a determinación da contía realizarase sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres.

F) A axuda non pode superar en ningún caso os 6.000 euros.

3. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O importe final adxudicado a cada proxecto determinarase proporcionalmente ao resultado da valoración resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 12 desta orde, coas limitacións establecidas neste artigo.

5. Poderá redistribuírse o crédito entre as letras A e B do punto 2 do presente artigo, no caso de que quede remanente.

6. Este expediente tramitarase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Artigo 4. Natureza e concorrencia das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) núm. 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten as súas solicitudes presencialmente, requiriranse para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As editoriais que sexan persoas físicas tamén poderán presentar as súas solicitudes en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. As editoriais de fóra de España que teñan dificultades para presentar as súas solicitudes poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en tanto non se desenvolva unha plataforma específica para tal fin. Para os efectos da comprobación da presentación en prazo desta documentación, considérase presentada na data en que tiver entrada no rexistro dalgún organismo oficial.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral. Esta documentación só se presentará unha vez no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

– De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da editorial solicitante, tanto que sexa persoa física como xurídica. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

– Copia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

– O catálogo actualizado da produción realizada pola editorial ou indicación da páxina web onde se poida consultar.

B. Documentación específica referida ás obras que se pretende traducir:

– Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

– Modelo de contrato que a editorial asinaría coa persoa tradutora da obra, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución.

– No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor.

– Un exemplar completo da obra para a cal se solicite a axuda. Este documento deberá presentarse en soporte papel tal e como se recolle no artigo 8, número 7.

– Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra.

– Plan de distribución previsto, baseado na realidade da editorial ou, se for o caso, con xustificación das expectativas.

– Nas publicacións electrónicas, bastará con que se acredite que o libro poderá adquirirse a través da páxina web da editorial ou dalgunha plataforma de venda accesible no país de destino.

– Currículo da persoa tradutora, con indicación dos proxectos en que acredita a participación, número de obras traducidas, premios...

– Breve referencia do interese do proxecto para a oferta bibliográfica actual.

C. Documentación para editoriais de fóra de España.

As editoriais solicitantes de fóra de España, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, deberán acreditar os mesmos aspectos que as editoriais españolas e para iso deberán achegar a documentación equivalente de acordo coa lexislación vixente no seu país, tanto a prevista no artigo 7 como aquela prevista no artigo 9, que non se poida comprobar, da presente orde.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas editoriais, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola editorial solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá pedir ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución, etc.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As editoriais que sexan persoas xurídicas e os seus representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presente a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que se realice a emenda.

2. Excepcionalmente, as editoriais persoa xurídica de fóra de España que teñan dificultades para presentar a documentación complementaria poderán presentala presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en tanto non se desenvolva unha plataforma específica para tal fin. Para os efectos da comprobación da presentación en prazo desta documentación, considérase presentada na data en que tiver entrada no rexistro dalgún organismo oficial.

3. As editoriais que sexan persoas físicas deberán presentar a documentación preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. As editoriais, tanto persoas físicas como xurídicas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Excepcionalmente, a documentación referida á achega dun exemplar completo da obra para a cal se solicita a axuda, prevista no artigo 7, letra B, deberá presentarse en soporte papel, posto que é inviable a súa presentación electrónica, en prol dunha mellor racionalización dos recursos administrativos.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante, se a editorial solicitante é unha persoa física.

b) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante da editorial solicitante, tanto sexa persoa física como xurídica.

c) Número de identificación fiscal (NIF) da editorial, cando sexa persoa xurídica.

d) Alta no imposto de actividades económicas referido á epígrafe correspondente á edición de libros.

e) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As editoriais de fóra de España que non dispoñan da documentación prevista no parágrafo anterior deberán achegar a súa equivalente, de acordo coa lexislación do seu país de orixe, dado que automaticamente non se pode comprobar.

3. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

4. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada for incompleta ou presentar erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistida na súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na Sección Terceira da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, segundo os criterios establecidos na presente orde. O dito órgano colexiado (comisión de avaliación) estará constituído polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas, nomeado/a pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

– Vogais:

• A persoa titular da xefatura do servizo do Sistema de bibliotecas e persoa titular da xefatura do Servizo do Libro e Publicacións.

• Unha persoa experta por proposta do Consello da Cultura Galega.

• Dúas persoas expertas por proposta das asociacións de tradutores ou de institucións relacionadas co mundo da tradución.

• Unha persoa experta designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, en literatura, ensaio, pensamento e ciencia.

• Una persoa funcionaria de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 12 desta orde e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no artigo 3.

5. Ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda o seu custo total.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. As solicitudes que se presenten serán valoradas pola comisión de avaliación a que fai referencia o artigo 11, número 3, de acordo cos seguintes criterios, por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1) Número de edicións da obra que se vai traducir en calquera lingua editadas nos últimos vinte e cinco anos:

a) Entre 2 e 5 edicións: 10 puntos.

b) Entre 6 e 8 edicións: 13 puntos.

c) Entre 9 e 12 edicións: 15 puntos.

d) A partir de 13 edicións: 1 punto máis por cada 5 edicións, ata un máximo de 20 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 20 puntos.

2) Actualidade da obra.

Para obras editadas orixinariamente nos últimos 10 anos: 10 puntos. Acreditarase unha tiraxe mínima de 500 exemplares.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 10 puntos.

3) Para obras con dereitos de propiedade intelectual vixente: 5 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 5 puntos.

4) Para a tradución de obras redactadas orixinariamente en galego:

Presenza de obras galegas no catálogo editorial: 5 puntos cando apareza un mínimo de 10 títulos, e 0,25 puntos máis por cada título ademais do mínimo de 10, ata un máximo de 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 10 puntos.

5) Currículo da persoa responsable da tradución e estimación da calidade previsible no seu labor, consonte a calidade e a solvencia estimadas polas persoas expertas:

a) Proxectos editoriais en que estea acreditada a súa participación: ata 10 puntos.

b) Calidade estimada da súa traxectoria como tradutor ou tradutora: ata 10 puntos.

c) Premios, distincións e recoñecementos obtidos no ámbito específico da tradución: ata 5 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 25 puntos.

6) Plan de distribución declarado e ponderación da súa viabilidade:

a) Impacto previsible no mercado: ata 5 puntos.

b) Distribución en librarías ou distribuidoras de toda Galicia ou outra comunidade autónoma: 4 puntos.

c) Distribución en librarías de todo o Estado español: 4 puntos.

d) Distribución en librarías doutro país: 3 puntos.

e) Distribución en formato electrónico: 3 puntos.

f) Outro tipo de canle de distribución ou áreas de interese: 1 punto.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 20 puntos.

7) Interese do proxecto para a cultura galega.

Nesta epígrafe as persoas expertas terán en conta a contribución do proxecto aos seguintes aspectos:

a) Difusión do patrimonio cultural galego, nas súas diversas manifestacións, referidos á persoa do autor ou autora da obra, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural: ata 10 puntos.

b) Contribución da obra á difusión da imaxe de Galicia como sociedade avanzada: ata 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 20 puntos.

8) Se se trata da tradución dunha obra poética: ata un máximo de 3 puntos, en función do interese e dificultade que a comisión de valoración estime.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez avaliados os proxectos segundo os criterios establecidos no artigo 12 desta orde, a comisión de avaliación elaborará unha proposta provisional de resolución, na cal se incluirá unha listaxe que indique a puntuación outorgada a cada proxecto.

Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Cultura (http://www.cultura.gal). Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As editoriais disporán de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Secretaría Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas, nos lugares e na forma indicados no artigo 5 desta orde.

En todo caso, as editoriais que presenten alegacións enviarán un correo electrónico á Secretaría Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas, no seguinte enderezo: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Artigo 14. Resolución

Revisadas as reclamacións, de ser o caso, e realizada a avaliación definitiva, a comisión de avaliación redactará un informe co resultado desta, que trasladará, xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, quen ditará a resolución de concesión, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días, desde a elevación da proposta de resolución, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://www.cultura.gal.

Deberá comunicarse por escrito á persoa beneficiaria o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24 de decembro de 2013, L352/1).

O prazo máximo para resolver e notificar a concesión da subvención non poderá superar os cinco meses, contados a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as editoriais solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7. O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Aceptación

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

No suposto de que algunha editorial non acepte a axuda ou renuncie a ela, o órgano instrutor poderá formular unha proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 17. Xustificación

1. As editoriais beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento no prazo establecido na presente orde. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación das axudas deberá realizarse do seguinte xeito:

A contía correspondente á primeira anualidade (45 % do orzamento total) librarase antes do 1 de novembro de 2018, tras a aceptación da axuda por parte da persoa beneficiaria e da entrega da seguinte documentación:

– Unha copia do contrato asinado coa persoa tradutora, que terá data posterior á publicación desta orde no DOG.

Para o pagamento da segunda anualidade (55 % do orzamento total) debe presentarse, antes do 1 de novembro de 2019, a seguinte documentación:

– A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora.

– Cinco exemplares da tradución editada. Cando o libro se edite exclusivamente en formato dixital, o editor deberá achegar unha copia en formato EPUB da cal se autorizarán ata 1.000 descargas. No caso de libros que se editen simultaneamente en formato papel e dixital, unicamente se deberán enviar cinco exemplares en papel. Neste caso, considerarase como gasto subvencionable o dos dous formatos.

– A factura e o xustificante de pagamento á imprenta.

– Os demais gastos correspondentes á edición, tales como os de deseño e maquetación, preimpresión, impresión e manipulación, deberán xustificarse mediante a correspondente factura e o xustificante de pagamento.

Artigo 18. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado e pagado o que se acredite entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o prazo de xustificación previsto na presente orde.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

3. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

6. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na convocatoria de axudas para a tradución e/ou edición do ano 2018», e cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. As persoas beneficiarias desta axuda deberán presentar a documentación xustificativa de que a obra subvencionada foi editada, onde conste expresamente o número de exemplares editados. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para que estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

5. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

6. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

7. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 20. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no número punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 21. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. As editoriais solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Artigo 25. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

Disposicións derradeira primeira

Facúltaselle a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file