Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2017 Páx. 57853

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2017 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza de titulado/a superior para a Unidade de Asesoramento Científico-Técnico.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos co de avaliar tecnoloxías, sistemas organizativos e servizos sanitarios, de acordo con criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia, tendo en conta valores éticos, clínicos, económicos e sociais.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis) participará na terceira acción conxunta de avaliación de tecnoloxías sanitarias: EUnetHTA (European Network of Health Technology Assessment) Joint Action 3, enmarcada dentro da convocatoria HP-ADHOC-2014-2020-Master do terceiro programa de saúde da Unión Europea, co obxectivo de facilitar a cooperación entre organismos responsables da avaliación de tecnoloxías dos Estados membros.

A Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, no seu artigo 14, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG nº 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza de titulado/a superior para traballar na execución e xestión do proxecto EUnetHTA (European Network of Health Technology Assessment) Joint Action 3, enmarcado dentro da convocatoria HP-ADHOC-2014-2020-Master do terceiro programa de saúde da Unión Europea, e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017

A Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
P.S. (Acordo do 30.6.2017)
Luis Ángel León Mateos
Director da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria

ANEXO I

Bases da convocatoria

De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo de persoal laboral temporal do grupo I categoría 4 do V convenio colectivo único para persoal laboral da Xunta de Galicia para traballar no proxecto EUnetHTA (European Network of Health Technology Assessment) Joint Action 3, enmarcado dentro da convocatoria HP-ADHOC-2014-2020-Master do terceiro programa de saúde da Unión Europea.

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Convócase proceso selectivo para a contratación, ao abeiro do artigo 7.5.b) do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia dun efectivo, persoal laboral temporal do grupo I categoría 4 do citado convenio colectivo cunha das seguintes titulacións de grao (ou equivalente): Farmacia, Medicina, Bioloxía, Bioquímica, Biotecnoloxía ou Enfermaría, para a realización das seguintes tarefas:

• Coordinación e redacción dun informe de avaliación colaborativo sobre tecnoloxías non farmacolóxicas. Levará a cabo, nunha primeira fase de planificación, o establecemento do grupo de traballo, definición do alcance, obxectivos e elaboración do protocolo, así como a coordinación de reunións presenciais ou en liña. Posteriormente, na fase de avaliación, fará buscas bibliográficas así como síntese de resultados e despois procederá á redacción, revisión, edición e publicación.

• Xestión da posta en marcha dun rexistro avaliativo a nivel europeo, o que implica o desenvolvemento da proposta de traballo e metodoloxía de colaboración.

De acordo co artigo 14 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo temporal a tempo completo na modalidade de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

A relación contractual axustarase á duración do plan de traballo obxecto da presente convocatoria.

1.3. Incompatibilidades.

A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para ser admitidos no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.4, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Teren cumpridos dezaseis anos de idade.

2.1.3. Titulación académica.

Estar en posesión da titulación de grao (ou equivalente) en Farmacia, Medicina, Bioloxía, Bioquímica, Biotecnoloxía ou Enfermaría, ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será obrigatorio para os aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Ademais da titulación antes indicada, requírese nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER.

2.1.4. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.5. Coñecemento do idioma galego

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.1.6. Habilitación.

Non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non ser inhabilitado, ou en situación equivalente,

nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, ademais dos posibles candidatos/as seleccionados polo Servizo Público de Emprego, ao cal cursará oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, todas aqueloutras persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo, deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculo vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria, e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas que, no caso de se obter no estranxeiro, deberá estar homologada en España.

d) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares relacionados coa avaliación de tecnoloxías sanitarias.

e) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

f) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia número 146, do 30 de xullo).

g Fotocopia das publicacións relacionadas coa avaliación de tecnoloxías sanitarias. No caso das publicacións monográficas presentarase fotocopia das cubertas e da portada onde apareza o depósito legal e a autoría do documento. En canto aos artigos científicos, fotocopiarase a totalidade do documento.

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións; será responsabilidade exclusiva do candidato tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación das solicitudes farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de octubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios. O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Na mesma data da publicación das presentes bases, presentarase na oficina do Servizo Público de Emprego para a súa disposición segundo o disposto no artigo 7.5 b) do V convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Para calquera aclaración ou información adicional os interesados poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no número de teléfono 981 55 51 03.

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Baremo

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos aspirantes que corresponda áacreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

4.1.1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría a que se pretende acceder: 0,15 puntos/mes.

4.1.2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións públicas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,10 puntos ao mes.

4.1.3. Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,05 puntos ao mes.

A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder dos 5 puntos.

Todos os méritos relativos á experiencia profesional terán que ser xustificados. Os prestados na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas deberán acreditarse por calquera destes dous medios:

– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración onde veñan desempeñando os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e remate do contrato) nos que estivo traballando o aspirante.

– Fotocopia cotexada dos documentos orixinais xunto con informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/os de tempo alegado/os).

4.2. Formación académica complementaria: máximo de 5 puntos.

Máster oficial en Medicina Preventiva e Saúde Pública ou máster oficial en Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias: 2 puntos.

Tese de doutoramento: 3 puntos.

4.3. Coñecemento acreditado do idioma galego: 1 punto.

En grao superior ao Celga 4: 1 punto.

4.4. Coñecemento acreditado do inglés: 3 puntos.

En grao superior ao B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER: 3 puntos.

4.5. Publicacións: ata un máximo de 1 punto.

Artigos publicados en revistas científicas indexadas: 0,1 por artigo (ata un máximo de 1 punto).

Os méritos que hai que ter en conta neste proceso valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda pola que se publica o resultado do sorteo o que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso será nomeado, pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conforme o previsto no artigo 11 do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á comisión de selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/as aspirantes e baremación de méritos

6.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, comprobado polo tribunal que os aspirantes reúnen os requisitos exixidos segundo o disposto nas bases da presente convocatoria, o tribunal ditará resolución declarando aprobada a relación provisional de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión.

A dita resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de cinco días hábiles, por razón da urxencia na cobertura dos postos, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para poder emendar, se é o caso, as causas da súa exclusión.

Transcorrido este prazo, o tribunal de selección publicará na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no taboleiro de anuncios a relación definitiva de admitidos e excluídos.

6.2. A estimación ou desestimación das ditas emendas entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos coas puntuacións provisionais dos méritos alegados polos aspirantes, relación que se fará pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios.

Os/as aspirantes admitidos/as disporán dun prazo de cinco días hábiles, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para facer as reclamacións que consideren oportunas sobre estas.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algúns dos requisitos, os interesados decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

6.3. Finalmente o tribunal ditará unha resolución, que se publicará na páxina web da Axencia (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios, aprobando a relación definitiva de puntuacións dos méritos dos aspirantes admitidos.

6.4. Rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá á Xerencia da Axencia como aspirante para contratar para a cobertura do posto obxecto desta convocatoria a aquel que alcanzase o primeiro posto na orde de prelación de resultados das puntuacións definitivas.

6.5. O primeiro aspirante da lista definitiva publicada será os candidato seleccionado para a cobertura da contratación obxecto desta convocatoria, que deberá presentar no prazo de cinco días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación perante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde en que se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.4.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para os efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.6.

6.6. Se o candidato seleccionado non presenta a documentación no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á súa contratación para o posto para cal foi seleccionado (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado o seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior, a documentación citada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que un candidato presente en prazo e validamente a súa documentación.

Do mesmo xeito, elaborarase unha lista cos aspirantes admitidos, de acordo coas puntuacións obtidas, para posibles substitucións en caso de renuncia do candidato seleccionado.

6.7. Logo de seleccionado o candidato e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega para la Xestión do Coñecemento en Saúde na epígrafe de novas e tamén no de transparencia e goberno aberto.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que sendo de trámite decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II

Solicitude de participación

DATOS PERSOAIS:

PRIMEIRO APELIDO:

SEGUNDO APELIDO:

NOME:

DNI/PASAPORTE:

NACIONALIDADE:

ENDEREZO:

TELÉFONO:

CORREO ELECTRÓNICO:

DATA NACEMENTO:

SOLICITO:

1º. Ser admitido/a na convocatoria para a contratación temporal de titulado/a superior para a Unidade de Asesoramento Científico-Técnico, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, mediante contrato laboral temporal de obra ou servizo determinado.

2º. Para tal efecto presento a seguinte documentación: (relacionar a dita documentación).

Lugar, data e sinatura

Santiago de Compostela, ___ de _______de 2017

XERENCIA DA AXENCIA GALEGA PARA A XESTIÓN DO COÑECEMENTO EN SAÚDE

AVENIDA FERNANDO DE CASAS NOVOA Nº 37, 1º A (Edificio CNL). SAN LÁZARO

15707 SANTIAGO DE COMPOSTELA (A CORUÑA)