Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2017 Páx. 58153

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica.

Exposición de motivos

I

Galicia, do mesmo xeito que o resto de España, ten que limitar ao máximo a importante dependencia exterior de enerxía primaria. Isto, unido á necesidade de combater eficazmente o cambio climático para evitar que o quecemento global alcance niveis críticos, obríganos a intensificar os nosos esforzos para mellorar os nosos niveis de eficiencia enerxética, que, sen dúbida, resultarán un medio moi valioso para superar estes retos.

A Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, pola que se modifican as Directivas 2009/125/CE e 2010/30/UE, e pola que se derrogan as Directivas 2004/8/CE e 2006/32/CE, establece como obxectivo xeral sobre eficiencia enerxética chegar a 2020 cun aforro do 20 % no consumo de enerxía primaria da Unión. Con este fin, débese crear un marco común para fomentar a eficiencia enerxética dentro da Unión e establecer accións concretas que leven á práctica as propostas incluídas no Plan de eficiencia enerxética 2011 da Comisión Europea. Actualmente, o Plan nacional de acción de eficiencia enerxética 2017-2020, que foi remitido a Bruxelas no mes de abril de 2017, responde á exixencia do artigo 24.2 da Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, que obriga todos os Estados membros da Unión Europea á presentación destes plans, o primeiro en 2014 e, a continuación, cada tres anos.

Este plan dá continuación ao Plan nacional de acción de eficiencia enerxética 2014-2020 e configúrase como a ferramenta principal da política enerxética neste eido, cuxa execución permitirá alcanzar os obxectivos de aforro e eficiencia enerxética derivados da Directiva 2012/27/UE.

No informe de progreso de 2013 España estableceu que o obxectivo de consumo de enerxía primaria para 2020 sería de 121,6 Mtep, é dicir, unha redución de 41,2 Mtep con respecto á previsión de consumo de enerxía primaria tendencial en 2020, o que representaba unha redución do 25,3 %, superior ao 20 % que se fixou como obxectivo para a Unión Europea. Esta redución representaba o 11,2 % do obxectivo de redución de toda a Unión Europea (368 Mtep). España contribuiría a este obxectivo con 2 puntos por riba da porcentaxe que o consumo de enerxía primaria de España ten sobre o consumo da UE-27.

No Plan nacional de acción de eficiencia enerxética 2014-2020, o escenario macroeconómico novo obrigou España a revisar as previsións de consumo de enerxía primaria en 2020. España modificou a súa proposta e comunicou á Comisión Europea un novo obxectivo de consumo de enerxía. Con ocasión, agora, do Plan nacional de acción de eficiencia enerxética 2017-2020, España recupera o obxectivo marcado no informe anual de progreso de 2013, para axustar os obxectivos ás actuais previsións macroeconómicas. O consumo previsto de enerxía primaria en 2020 sitúase en 122,6 Mtep, o que representa unha redución do 24,7 % respecto ao escenario de referencia ou tendencial.

Galicia debe conseguir un aforro de enerxía final en todos e cada un dos sectores equiparable, ou mesmo superior, ao de España, tanto no sector industrial como no transporte, residencial e equipamento, servizos públicos, agricultura e pesca. Por todo o anteriormente exposto, proponse esta lei, que terá como finalidades fundamentais as seguintes:

a) Impulsar a eficiencia enerxética en todos os sectores e actividades, con criterios de sustentabilidade ambiental, social e económica.

b) Establecer mecanismos de cooperación e coordinación da Administración xeral do Estado e das administracións locais no fomento do aforro e a eficiencia enerxética.

c) Establecer o liderado exemplarizante das administracións públicas e do conxunto do sector público no impulso e aplicación de políticas de fomento da eficiencia enerxética.

d) Impulsar a I+D+i nos ámbitos da eficiencia enerxética.

II

Outra das grandes preocupacións da Galicia do noso tempo é que todos os fogares dispoñan da enerxía suficiente que lles posibilite unha vida digna e de calidade. Como é ben sabido, a Directiva 2009/72/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xullo de 2009, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade e pola que se derroga a Directiva 2003/54/CE, establece a necesidade de que os Estados membros adopten as medidas necesarias para protexer os consumidores vulnerables no contexto do mercado interior da electricidade. Así, sinala expresamente que poderán incluír medidas específicas relacionadas co pagamento das facturas de electricidade ou medidas máis xerais adoptadas dentro do sistema de seguridade social.

A exposición de motivos da Lei 24/2013 comeza dicindo: «A subministración de enerxía eléctrica constitúe un servizo de interese económico xeral, pois a actividade económica e humana non se pode entender hoxe en día sen a súa existencia».

Como consecuencia, España ditou o Real decreto lei 7/2016, do 23 de decembro, polo que se regula o mecanismo de financiamento do custo do bono social e outras medidas de protección ao consumidor vulnerable de enerxía eléctrica, coa finalidade de establecer un réxime común en todo o territorio para combater a denominada pobreza enerxética.

Unha vez aprobado e en vigor o desenvolvemento regulamentario da devandita normativa legal, pódese comprobar que se pretende a consecución dos seguintes obxectivos:

1. Definir o consumidor vulnerable, así como os requisitos que debe cumprir e acreditar, atendendo ás súas características sociais e nivel de renda.

2. Establecer as condicións e o procedemento para solicitar o bono social ao que se poderá acoller o consumidor que cumpra os requisitos para ser vulnerable e os prezos das tarifas de último recurso (TUR) que lle serán de aplicación.

3. Definir o mecanismo de financiamento e cálculo do bono social e do custo da subministración do consumidor a que fai referencia o artigo 52.4.j) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

4. Regular as condicións nas que pode ser suspendida a subministración ao consumidor con potencia contratada igual ou inferior a 10 kW, e os supostos e condicións baixo os cales non poderá ser suspendida a subministración do consumidor ao que fai referencia o artigo 52.4.j) da referida lei.

Sendo esta a situación a nivel estatal, Galicia ten dúas medidas sociais claras en vigor para combater a denominada pobreza enerxética, que son as liñas de axudas que pretenden apoiar a determinadas unidades familiares que estean por debaixo duns determinados limiares de ingresos anuais e que cumpran, igualmente, determinadas circunstancias de índole familiar coa percepción dunhas axudas, unha para complementar o bono social e/ou facilitar o pagamento dos recibos eléctricos, que é a axuda coñecida como tícket eléctrico social; e outra para evitar o corte de subministración por falta de pagamento.

Ante a nova realidade normativa a nivel estatal, resulta máis axeitado redefinir as devanditas medidas sociais co obxecto de que sirvan para que a aqueles consumidores vulnerables severos que sexan recoñecidos polos servizos sociais da Xunta de Galicia en risco de exclusión social se lles aboe, cando menos, o 50 % dos seus recibos eléctricos coa finalidade de transformar as súas subministracións eléctricas en esenciais e, por tanto, en ininterrompibles.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica.

TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación da lei

Artigo 1. Obxecto e finalidade da lei

1. Esta lei ten por obxecto o fomento do aforro e a eficiencia enerxética para conseguir a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, reducir a dependencia enerxética exterior e asegurar un abastecemento enerxético de calidade para toda a poboación de Galicia.

2. Establécense nesta lei medidas de actuación para a promoción do aforro e a eficiencia enerxética e para conseguir o acceso a unha suficiencia enerxética a toda a poboación.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A presente lei é de aplicación a todos os sectores, instalacións e procesos transformadores ou consumidores de enerxía.

CAPÍTULO II
Principios xerais

A enerxía, clave para a sustentabilidade económica, social e ambiental

Artigo 3. Concepto de pobreza enerxética

Para os efectos desta lei, entenderase por «pobreza enerxética» a situación de dificultade na que se encontre un fogar da Comunidade de Galicia para facer fronte ao pagamento do seu consumo enerxético e que pode levar parella unha falla de acceso normalizado á subministración enerxética; e entenderase por «unidade de convivencia en situación de vulnerabilidade social» aquela que se encontre en situación de pobreza enerxética.

Artigo 4. Principios xerais

Esta lei está informada polos seguintes principios:

a) Seguridade de subministración enerxética.

b) Abastecemento enerxético pleno.

c) Competitividade económica.

d) Sustentabilidade ambiental.

e) Redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

f) Desenvolvemento tecnolóxico destinado á eficiencia enerxética.

TÍTULO I
Aforro e eficiencia enerxética

Artigo 5. Promoción do aforro e a eficiencia enerxética: instrumentos e medidas

O cumprimento desta lei en materia de aforro e eficiencia enerxética require a utilización dunha serie de instrumentos técnicos, xurídicos, económico-financeiros, de planificación e de información. Por iso, o Goberno establecerá unha serie de instrumentos de promoción do aforro e a eficiencia enerxética, entre os cales deberán incluírse:

a) Plans de aforro e eficiencia enerxética.

b) Incentivos económicos e/ou financeiros.

c) Incentivos á I+D+i.

d) Campañas de información e concienciación.

Artigo 6. Plans de aforro e eficiencia enerxética: obxecto e finalidade

Os plans de aforro e eficiencia enerxética son o instrumento do Goberno para a promoción do aforro e a eficiencia enerxética.

O Goberno, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía, aprobará plans de aforro e eficiencia enerxética destinados á mellora da competitividade do tecido produtivo galego e ao incremento do confort e da calidade de vida do sector residencial de Galicia.

Os plans de aforro e eficiencia enerxética determinarán as actuacións nesta materia e establecerán os prazos temporais para a execución daqueles, identificando as diferentes formas de financiamento e necesidades orzamentarias.

Artigo 7. Plans de aforro e eficiencia enerxética: procedemento de elaboración

Os plans de aforro e eficiencia enerxética elaboraranse coa participación dunha comisión interdepartamental da que formarán parte todas as consellarías con competencias en políticas sectoriais relacionadas co consumo de enerxía.

A consellaría competente en materia de enerxía, como responsable da elaboración dos plans de aforro e eficiencia enerxética, establecerá os procedementos adecuados para garantir a participación das administracións locais e dos diferentes axentes económicos e sociais.

Artigo 8. Plans de aforro e eficiencia enerxética: contido

Os plans de aforro e eficiencia enerxética responderán a unha estrutura sectorial que permita fixar obxectivos separados para os diferentes sectores ou consumidores finais, e conterán unha relación de medidas e instrumentos para a súa execución en cada un dos sectores identificados.

Os devanditos plans establecerán programas de renovación de equipos por outros de alto rendemento enerxético, que levarán a cabo de maneira periódica en todos os sectores consumidores finais, definindo o seu alcance e atribuíndo as responsabilidades e competencias para a súa posta en marcha ás consellarías ou organismos correspondentes da Xunta de Galicia ou ás administracións locais.

Artigo 9. Plans de aforro e eficiencia enerxética: financiamento

Os plans de aforro e eficiencia enerxética dotaranse adecuadamente dos medios financeiros necesarios para a consecución dos obxectivos aprobados, xa sexa con cargo aos orzamentos públicos e/ou a través doutros mecanismos de financiamento.

Artigo 10. Incentivos económicos: planificación

As actuacións de fomento da eficiencia enerxética estarán suxeitas a unha planificación anual na que se establecerán as medidas concretas que serán de aplicación para a incentivación e apoio do aforro e a eficiencia enerxética e os indicadores axeitados para o seu seguimento.

Artigo 11. Fomento da I+D+i no ámbito do aforro e a eficiencia enerxética

Os instrumentos de fomento da I+D+i no campo do aforro e a eficiencia enerxética deberán orientarse á consecución dos seguintes obxectivos:

– Potenciar a I+D+i para conseguir a incorporación de tecnoloxías sustentables e eficientes.

– Facilitar a implantación comercial de tecnoloxías que se atopen en fase de demostración e/ou comercial.

– Reducir os custos asociados ás tecnoloxías de aforro e eficiencia enerxética.

En todo caso, estes instrumentos deberán ser compatibles coas orientacións que deriven das políticas enerxéticas da Unión Europea.

Artigo 12. Sensibilización social: orientación

A Xunta de Galicia periodicamente lanzará campañas para sensibilizar a cidadanía sobre o consumo da enerxía dun xeito intelixente.

Este tipo de campañas de sensibilización social levaranse a cabo no marco da Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, e da súa transposición a España a través do Plan de acción de eficiencia enerxética 2017-2020.

TÍTULO II
Garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica

Artigo 13. Beneficiarios: ámbito de aplicación

O presente título resultará de aplicación a todas as unidades familiares que, conforme a regulación estatal, teñan a consideración de consumidor vulnerable, e que así mesmo a consellaría competente en política social determine que se atopan en risco de exclusión social.

Artigo 14. Finalidade: consecuencias e efectos

O obxectivo pretendido coa presente regulación é conseguir que todas as subministracións eléctricas aos consumidores que teñan a consideración de vulnerables severos conforme a regulación estatal, que sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia e que estean considerados en risco de exclusión social polos servizos sociais da Xunta de Galicia, teñan a consideración de esenciais, de conformidade co disposto no artigo 52.4.j) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Artigo 15. Prestación: alcance e procedemento

A consellaría competente en materia de enerxía da Xunta de Galicia, por solicitude previa do interesado, aboará o 50 % da contía do recibo eléctrico resultante con anterioridade á aplicación do bono social aos consumidores que teñan a condición referida nos artigos anteriores.

Artigo 16. Obrigas das comercializadoras eléctricas de último recurso (CUR)

As comercializadoras de referencia de último recurso (CUR) estarán obrigadas a asinar os correspondentes convenios de colaboración coa Xunta de Galicia para os efectos de establecer unha plataforma telemática para comunicar aos servizos sociais e mais á consellaría competente en materia de enerxía da Xunta de Galicia, cunha periodicidade mensual, os recoñecementos dos consumidores vulnerables severos.

Unha vez aboado pola consellaría competente en materia de enerxía da Xunta de Galicia o 50 % do recibo eléctrico aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social que así o soliciten, a comercializadora de último recurso recoñecerá a devandita subministración como esencial, conforme o disposto no artigo 52.4.j) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Artigo 17. Procedementos de comunicación

A dirección xeral responsable da inclusión social na consellaría competente en materia de política social será o organismo encargado de recibir das comercializadoras eléctricas a listaxe dos puntos de subministración de electricidade aos que se iniciase o procedemento de suspensión da subministración por falta de pagamento.

Recibida a devandita información, procederase a facer as seguintes verificacións:

1ª. Se se atopan na devandita listaxe consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social que non exercitasen o seu dereito a que se lles aboe o 50 % do seu recibo eléctrico, para o efecto de regularizar de inmediato a dita situación.

2ª. No suposto de que algún dos consumidores que figure na listaxe estiver á marxe da situación descrita no punto anterior, comprobar se concorre algunha circunstancia de natureza excepcional que xustifique unha intervención inmediata dos servizos sociais da Xunta de Galicia co obxecto de paralizar o procedemento de suspensión da subministración.

Artigo 18. Administracións locais

1. As solicitudes poderán ser presentadas a través das administracións locais, as cales as trasladarán, cos informes que, de ser o caso, consideren convenientes, aos servizos sociais da Comunidade Autónoma.

2. Poderanse levar a cabo convenios de colaboración entre a Comunidade Autónoma e as administracións locais, nos cales a Xunta de Galicia garantirá o financiamento das medidas recollidas nesta lei.

3. A Xunta de Galicia e as administracións locais establecerán as canles de colaboración e comunicación oportunas para o intercambio de información, de ser o caso, xestión de expedientes, así como para o resto de actuacións que leve parellas o cumprimento das disposicións desta lei.

Disposición adicional. Medidas coas compañías e para a contratación de subministracións

A Xunta de Galicia levará a cabo negociacións coas compañías de subministración enerxética co fin de celebrar convenios sobre materias como a mellora nos hábitos de consumo, a eliminación de cortes de subministración ou a contribución ao aforro enerxético e á implantación e desenvolvemento das medidas de eficiencia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei ou a contradigan.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

A Xunta de Galicia ditará no prazo máximo de catro meses as normas de desenvolvemento regulamentario da presente lei, sen prexuízo da inmediata implementación das prestacións para paliar as situacións de vulnerabilidade en materia de pobreza enerxética.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día 1 de xaneiro do ano 2018.

Santiago de Compostela, catorce de decembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente