Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2017 Páx. 58227

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases de subvencións á produción escénica e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 376476.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Dentro dos límites orzamentarios, e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia; quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

No suposto da modalidade 1 (empresas de nova creación), ademais dos requisitos anteriores, é preciso que a antigüidade da compañía non sexa superior aos cinco anos.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2018.

As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:

– Modalidade 1. Subvencións á produción de espectáculos de empresas de nova creación e con proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento.

– Modalidade 2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato, que son aqueles compostos por un máximo de tres actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 30.000 euros de orzamento.

– Modalidade 3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato, que son aqueles compostos por entre catro e sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 60.000 euros de orzamento.

– Modalidade 4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato, que son aqueles compostos por máis de sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 80.000 euros de orzamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases de subvencións á produción escénica e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 650.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2018 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, distribuído entre as anualidades 2018 e 2019: 200.000 euros con cargo ao exercicio 2018 e 450.000 euros con cargo ao exercicio 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais