Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2017 Páx. 58437

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

AUTO aclaratorio de sentenza (SSS 506/2014).

Eu, Marina Pilar García de Evan, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de seguridade social 506/2014 deste xulgado do social, seguido por instancia de Marcial Dasilva Estévez contra Isla Vionta, S.L., Fondo de Garantía Salarial, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Instituto Nacional da Seguridade Social, Mutua Fremap, mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da S.S. nº 61, sobre seguridade social, se ditou a seguinte resolución:

Dada conta o día 29 de novembro de 2017.

«Auto.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017.

Visto por min, María Sánchez Galindo, xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, o estado procesual que manteñen as presentes actuacións, rexistradas ante este órgano xudicial como Seguridade Social (en materia de prestacións), baixo o número SSS 506/2014, en que é parte demandante Marcial Dasilva Estévez, asistido pola graduada social Sra. Mallo Nieves, e partes codemandadas as entidades xestoras Instituto Nacional da Seguridade Social (tamén e en diante, INSS) e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (tamén e en diante, TXSS), asistidas ambas pola letrada Sra. Goyanes Viviani, a mercantil Isla Vionta, S.L., que non comparece ao acto de xuízo malia constar citada en legal forma e tempo en unidade de autos, e o Fondo de Garantía Salarial, que tampouco comparece ao acto de xuízo malia constar citada en legal forma e tempo en unidade de autos, en nome do rei, dito a presente sentenza con base nos seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 9 de febreiro de 2017, durante a tramitación dos presentes autos ditouse a sentenza número 108/2017, en que se estimaba parcialmente o escrito de demanda reitor, co teor literal esencial –que non completo por tratarse dunha resolución xudicial, ter sido debidamente notificada a todas as partes agora litigantes e constar en unidade de autos– nos seus parágrafos primeiro do feito probado oitavo e último parágrafo do feito probado décimo terceiro seguinte «... Oitavo. A Mutua abooulle en concepto de prestación de incapacidade temporal inicialmente, no período comprendido entre o 5 de xullo de 2011 e ata o 23 de xullo de 2011, a cantidade de 14.017,93 euros, de conformidade co seguinte detalle... Décimo terceiro... De tal maneira que a Mutua aboou ao traballador 17.593,58 euros en total en concepto de prestación por incapacidade permanente...».

Segundo. Con data do 2 de marzo de 2017 tivo entrada ante o decanato destes xulgados de Santiago de Compostela escrito de petición de aclaración presentado pola graduada social Sra. Mallo Nieves, que actúa en nome e representación de Marcial Dasilva Estévez, en que solicitaba a rectificación da citada Sentenza número 108/2017 con base na existencia de dous erros de transcrición nos termos literais do mencionado escrito, que agora se dá por expresamente reproducido no seu contido íntegro ao constar en unidade de autos.

Con data do 29 de novembro de 2017 o Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela ditou dilixencia de ordenación, a cal se trasladou a esta xulgadora co fin de resolver (baixo a forma de auto).

Terceiro. Durante a tramitación do presente procedemento observáronse todas e cada unha das prescricións legais, incluída a relativa ao prazo para resolver (baixo a forma de auto).

Fundamentos xurídicos.

Único. O artigo 214 da Lei de axuizamento civil dispón o seguinte «… 1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si poderán aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que conteñan; 2. As aclaracións a que se refire o punto anterior poderanse facer de oficio, por parte do tribunal ou secretario xudicial, segundo corresponda, dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo; neste caso será resolta por quen ditase a resolución de que se trate, dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración; 3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións dos tribunais e secretarios xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento; 4. Non caberá ningún recurso contra a resolución que decida sobre a aclaración ou corrección, sen prexuízo dos recursos que procedan, de ser o caso, contra a resolución a que se refira a solicitude ou actuación de oficio...».

O artigo 267.1 e 2 da Lei orgánica do poder xudicial dispón o seguinte «... 1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si poderán aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que conteñan; 2. As aclaracións a que se refire o punto anterior poderanse facer de oficio, dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo; neste caso será resolta polo tribunal, dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración; 3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento...».

No presente procedemento, á vista das alegacións presentadas agora polo recorrente e á vista de que os dous erros si existen e son erros de transcrición, procede que esta xulgadora, que actualmente exerce funcións xudiciais para este Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, o resolva. Con respecto disto, non procede un pronunciamento distinto ao estimatorio íntegro do escrito de aclaración de sentenza.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Dispoño:

Que debo acceder e accedo á aclaración de dous erros de transcrición solicitada pola graduada social Sra. Mallo Nieves, que actúa en nome e representación de Marcial Dasilva Estévez, fronte á Sentenza número 108/2016, ditada no curso do presente procedemento con data do 9 de febreiro de 2017 e, en consecuencia, modifico o parágrafo primeiro do feito probado oitavo e o último parágrafo do feito probado decimo terceiro nos termos que se expoñen a seguir, confirmando o resto dos seus termos no seu contido íntegro:

Onde di: «... Oitavo. A Mutua abooulle en concepto de prestación de incapacidade temporal inicialmente, no período comprendido entre o 5 de xullo de 2011 e ata o 23 de xullo de 2011, a cantidade de 14.017,93 euros, de conformidade co seguinte detalle...».

Debe dicir: «... Oitavo. A Mutua abooulle en concepto de prestación de incapacidade temporal inicialmente, no período comprendido entre o 5 de xullo de 2011 e ata o 23 de xullo de 2012, a cantidade de 14.017,93 euros, de conformidade co seguinte detalle...».

E onde di: «... Décimo terceiro... De tal maneira que a Mutua aboou ao traballador 17.593,58 euros en total en concepto de prestación por incapacidade permanente...».

Debe dicir: «... Décimo terceiro... De tal maneira que a Mutua aboou ao traballador 17.593,58 euros en total en concepto de prestación por incapacidade temporal...».

Notifíquese este auto ás partes personadas e fágaselles saber que é firme e contra ela non cabe interpor ningún recurso ordinario distinto do que, de ser o caso, proceda interpor contra a resolución a que se refira a solicitude ou aclaración de oficio, de acordo co disposto no artigo 214.4 da Lei de axuizamento civil.

Así, por esta miña sentenza, da que se unirá testemuño literal aos autos orixinais, María Sánchez Galindo, xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, o pronuncia, manda e asina.

A xuíza substituta.

A letrada da Administración de xustiza».

E para que sirva de notificación en legal forma a Isla Vionta, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios deste xulgado.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017

A letrada da Administración de xustiza