Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2017 Páx. 59533

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2017, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio.

En sesión que tivo lugar o día 20 de decembro de 2017, o tribunal nomeado pola Orde do 22 de maio de 2017, da Consellería de Facenda (DOG núm. 100, do 29 de maio), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 238, do 15 de decembro), acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o terceiro exercicio da oposición terá lugar o día dezanove (19) de xaneiro de 2018, nas aulas 7 e 8 da Escola Galega de Administración Pública, situada na rúa Madrid 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela, en chamamento único, que se iniciará ás 15.00 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal, polo que queda prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, reloxos intelixentes, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

Silvia Alfaya Portela
Presidenta do tribunal