Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2017 Páx. 59342

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

BDNS (Identif.): 377926.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e correspondente ao día 1 de xaneiro do ano de cada convocatoria.

b) Contar con demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Finalidade

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples.

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas nesta orde.

Cuarto. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Anualidade 2018: por importe de 108.332 euros.

Anualidade 2019: por importe de 840.000 euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de xuño de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda