Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2018 Páx. 107

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

As transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, xunto coa perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. O actual contexto económico e de alta taxa de desemprego incrementa o número de persoas en situación ou risco de exclusión social. Un trazo común a case todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral.

Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou en situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e o acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

As empresas de inserción, reguladas no ámbito estatal na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social e confirman que o emprego é, para as persoas máis desfavorecidas e excluídas, un dos principais factores de inserción social e unha forma de participación na actividade da sociedade.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, regula as empresas de inserción no capítulo II do seu título IV e destaca que os itinerarios de inserción laboral son o marco de estímulo e promoción do emprego con colectivos de inserción laboral que se desenvolven desde a Administración laboral galega, como políticas de acción positiva, sobre todo, as empresas de inserción e os estímulos á creación de emprego destes colectivos.

O Decreto 156/2007, do 19 de xullo, regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, crea o seu rexistro administrativo e establece as medidas para o fomento da inserción sociolaboral. No seu capítulo V enúncianse as medidas de fomento que a Xunta de Galicia poderá destinar ás empresas de inserción laboral. En desenvolvemento deste capítulo, nesta orde establécense as axudas destinadas ao fomento e ao sustentamento das empresas de inserción laboral, coa finalidade de promover a inserción laboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social.

De acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta a xestión administrativa do rexistro de empresas de inserción laboral, así como a xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción laboral.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e co obxecto do programa, non resulta necesario realizar nun único procedemento a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro), recoñece as empresas de inserción como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral.

As empresas de inserción laboral son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial con metodoloxías que fan posible a inserción laboral de persoas excluídas socialmente. Son empresas que desenvolven actividades económicas co fin de conseguir a reintegración no mercado laboral de grupos vulnerables e persoas en situación ou risco de exclusión social, favorecendo así a súa inclusión social.

Polo tanto, as empresas de inserción laboral dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social, servindo de instrumento de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Neste sentido, a actividade destas empresas constitúe un servizo de interese económico xeral e as axudas pola compensación deste servizo establecidas nesta orde quedarán sometidas ao Regulamento (UE) núm. 360/2012, do 25 de abril, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis concedidas a empresas que presten servizos de interese económico xeral (DOUE L 114, do 26 de abril). Este regulamento limita a 500.000 euros a cantidade máxima de axudas de minimis que pode recibir unha empresa que presta servizos de interese económico xeral no prazo de tres exercicios fiscais.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, dado que existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2017.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados e a exención da obriga de constituír garantías, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2018, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social (procedemento TR356A).

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. O programa regulado nesta orde está financiado con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. No exercicio económico 2018 as axudas reguladas nesta orde, que suman un total de 378.790 €, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que a continuación se relacionan:

Axudas ás empresas de inserción laboral.

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Importe do crédito

09.40. 322C 470.2

2015 00561

368.790 €

Axudas ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral.

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Importe do crédito

09.40. 322C 481.2

2015 00561

10.000,00 €

3. Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 19 de outubro de 2017.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

4. De producirse remanentes nunha aplicación orzamentaria, resignaranse as contías sobrantes na outra. As reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias pertinentes, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

5. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

6. Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Entidades e empresas beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.

2. Poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non se poderá pagar a axuda mentres non obteñan esa cualificación.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 4. Persoas destinatarias finais

A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social nas cales concorran un ou varios factores de exclusión relacionados neste artigo.

A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible traballador ou traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción laboral serán acreditadas polo Sistema Galego de Servizos Sociais.

Para a valoración técnica da situación ou risco de exclusión social, os servizos sociais comunitarios da Comunidade Autónoma de Galicia verificarán, ademais da situación de desemprego, a ausencia ou déficit grave de recursos económicos, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, cando esta condición supoña especiais dificultades de integración social ou laboral:

a) Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.

b) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.

c) Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias adictivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.

d) Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.

e) Ter a condición de persoa con discapacidade.

f) Ser inmigrante ou emigrante retornado.

g) Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.

h) Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.

i) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.

j) Pertencer a unha minoría étnica.

k) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de tráfico de persoas.

l) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.

m) Calquera outro factor non previsto expresamente no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

(...)

1. Persoas desempregadas, aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social, será realizada directamente polo órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro Servizo Público de Emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia, suposto en que deberá achegarse a certificación de inscrición do Servizo Público de Emprego que corresponda en cada caso.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas traballadoras que se incorporan á empresa polas cales se solicita a subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

CAPÍTULO II
Competencia e procedemento

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 7. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 e, no que resulte de aplicación, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e esta orde.

Artigo 8. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada tipo de axuda, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes das axudas previstas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de outubro de 2018.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ás solicitudes xuntaranse os documentos sinalados no artigo 35 desta orde, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica súa a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

5. As entidades e empresas beneficiarias presentarán xunto coa solicitude a seguinte documentación xeral:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.

c) Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, segundo o modelo do anexo II, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención. No caso de contratacións para o apoio xerencial, á produción ou a orientación e acompañamento á inserción, deberase indicar expresamente e cubrir a epígrafe dos custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral, correspondentes ao período polo cal se solicita subvención.

d) Convenios de inserción laboral entre as empresas de inserción laboral, os servizos sociais e a persoa en proceso de inserción.

e) Anexo V asinado polas persoas traballadoras contratadas e/ou destinatarias finais da subvención.

6. Ademais da documentación anterior, para cada un dos tipos de axuda que se regulan nesta orde presentarase a documentación específica indicada no artigo 35.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedementos regulado nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Certificación de a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

e) NIF da entidade solicitante.

f) Informe da vida laboral das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención e informe da vida laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias finais da subvención.

g) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención ás cales lles sexa de aplicación esta circunstancia.

h) Contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias da subvención.

i) DNI ou NIE das persoas traballadoras obxecto da subvención e/ou destinatarias finais da subvención.

2. No caso de que as persoas polas cales se solicita a subvención se opoñan a estas consultas, deberán indicalo expresamente no anexo V e achegar os documentos que correspondan.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar coa solicitude a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. A presentación de solicitudes ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa de todas as persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, para a cesión de datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria, relativos ao tipo e grao de discapacidade, á inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego e ao informe da vida laboral.

3. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención efectuarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, polo Servizo Público de Emprego de Galicia e pola Consellería de Política Social, de conformidade co previsto no 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das empresas/entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiaras e a referida publicidade.

2. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral da Secretaría Xeral de Emprego con competencias en materia de empresas de inserción laboral, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que á persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas pola Subdirección Xeral de Emprego, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería Economía, Emprego e Industria e deberán serlles notificadas ás entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

1. As empresas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa xeral e específica que se enumera para cada tipo de axuda no artigo 36. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa no prazo e nos termos que se establezan na resolución de concesión, de ser o caso, ata o 15 de novembro de 2018.

2. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante e dentro do período do 1 de outubro de 2017 ao 30 de setembro de 2018.

4. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. Só se admitirán como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a transferencia bancaria, a certificación bancaria ou o extracto bancario de pagamento.

No recibo/extracto bancario deberán constar o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse un desagregamento onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo. O gasto deberá estar efectivamente pagado, como data límite, o 15 de novembro de 2018.

5. O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias. Cando a documentación xustificativa da axuda se presente na súa integridade xunto coa solicitude de subvención, a opción dos/as interesados/as, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

6. Poderanse realizar pagamentos anticipados, con carácter previo á xustificación e sen necesidade de constituír garantías, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde.

O órgano xestor proporá un pagamento anticipado do 80 % da subvención concedida, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria na súa solicitude inicial e unha vez comprobadas as altas na Seguridade Social das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, así como daquelas destinatarias finais, se é o caso.

7. Nas axudas á contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social, nas de contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción e nas axudas á contratación de persoas técnicas en orientación, definidas nos artigos 26, 27 e 28 respectivamente, poderán realizarse pagamentos á conta da subvención concedida, que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse pola contía equivalente ás mensualidades presentadas.

8. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior a unha porcentaxe do 90 % da subvención concedida.

Para realizar estes pagamentos anticipados e á conta, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

9. Unha vez que as cantidades xustificadas superen as anticipadas e aos pagamentos á conta, de ser o caso, realizarase o pagamento final polo resto da subvención concedida.

O pagamento final da subvención concedida realizarase unha vez presentada a documentación xustificativa indicada no artigo 35 referida a todo o período subvencionado. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento da axuda queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

10. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

CAPÍTULO III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 18. Incompatibilidades

1. As axudas previstas no artigo 25 desta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, para a mesma finalidade, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, de ser o caso, cos incentivos en forma de bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

2. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada e o límite previsto no artigo 24 desta orde.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con esta obriga, a empresa de inserción laboral deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Público de Emprego Estatal no seu domicilio social e nos seus centros de traballo. Para isto, incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome da empresa, a expresión <<Empresa de inserción laboral>> ou EIL e o logotipo da Xunta de Galicia. Os formatos que se deben utilizar serán proporcionados pola Secretaría Xeral de Emprego, no seguinte enlace: http://traballo.xunta.es/publicidade-de-empresas-de-insercion.

Igualmente, para cumprir esta obriga, a empresa de inserción laboral beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención concedida, a xustificación do cumprimento da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato, no modelo anexo IV desta orde.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e na normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Reintegrar dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) No caso das axudas dos artigos 26, 27 e 28, manter os postos de traballo durante o período subvencionado, con obriga de substitución da persoa traballadora no caso de cesamento da actividade laboral polo tempo que falta ata acadar o período subvencionado. A substitución realizarase no prazo máximo dun mes desde que se produza o cesamento da actividade laboral.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 21. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 19.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f) e g) do artigo 19, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O despedimento improcedente das persoas traballadoras en proceso de inserción no transcurso do contrato subvencionado: reintegro do 100 %.

e) O incumprimento da obriga de substituír a persoa traballadora nas condicións indicadas no artigo 29.1 e 19.k) dará lugar ao reintegro das cantidades correspondentes ao período de incumprimento.

f) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 19.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

g) A percepción doutras subvencións públicas, concedidas como medida de fomento de emprego polas contratacións por conta allea, incompatibles coa subvención prevista no artigo 26 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

h) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

Ademais, cando sexa a Administración da comunidade autónoma a que advirta un exceso de financiamento respecto do custo total da actividade subvencionada, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite do 100 % da subvención concedida.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

4. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e nas demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24. Adecuación á normativa de axudas de Estado

1. Esta orde de axudas, e as resolucións de concesión ditadas ao seu abeiro, constitúen os documentos formais de atribución polos cales se determinan as compensacións ás empresas de inserción pola prestación do servizo de interese económico xeral, consistente na inserción social e laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estas axudas estatais en forma de compensación pola prestación de servizos de inserción, considerados servizos de interese económico xeral, quedarán sometidas ao Regulamento (UE) núm. 360/2012, da Comisión, do 25 de abril, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis concedidas a empresas que presten servizos de interese económico xeral (DOUE L 114, do 26 de abril).

Polo tanto, o importe total da axuda de minimis concedida a unha empresa que preste servizos de interese económico xeral non excederá os 500.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

As axudas como compensación pola prestación do servizo de interese económico xeral concedidas ao abeiro desta orde poderanse acumular coas concedidas ao abeiro do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), ata o límite máximo de 500.000 euros durante os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual.

3. Nas resolucións de concesión das axudas informarase a entidade beneficiaria do servizo de interese económico xeral para o cal se concede e do seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 360/2012, da Comisión, do 25 de abril, citando o seu título e a referencia da súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea.

Coa solicitude e coa documentación xustificativa para realizar o pagamento da subvención concedida, a empresa de inserción deberá presentar unha declaración, referente a calquera outra axuda de minimis recibida en virtude do Regulamento (UE) núm. 360/2012, da Comisión, do 25 de abril, ou de conformidade con outros Regulamentos de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

4. Por tratarse de axudas concedidas a empresas que prestan servizos de interese económico xeral, conforme o previsto no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 360/2012, da Comisión, do 25 de abril, non poderán concederse ás seguintes empresas:

a) Ás que operen no sector da pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro (DOUE L354, do 28 de decembro).

b) Ás dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

I) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

II) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtores primarios.

d) Ás dedicadas a actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) Ás empresas en que as axudas estean condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

f) Ás empresas activas no sector do carbón.

g) Ás empresas en crise.

Na solicitude de axudas a empresa solicitante declarará non estar incursa nalgunha destas excepcións.

CAPÍTULO IV
Actuacións subvencionables

Artigo 25. Tipos de axuda

1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:

a) Á contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

b) Á contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EIL.

c) Á contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.

d) Á creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción

e) Ao inicio e posta en marcha da actividade.

f) Á asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.

g) Á formación para as persoas en proceso de inserción.

h) Á mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras c) e f) deste artigo.

3. Se a subvención a soliciten as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.

4. Co obxecto de que as axudas contidas nesta orde poidan chegar a todas as empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras, establécese para cada unha delas un límite inicial de concesión do 15 % do total do orzamento consignado na convocatoria, sen prexuízo de que, unha vez finalizado o prazo de solicitudes e resoltos todos os expedientes, se poida ratear o importe do remanente de crédito entre as empresas cuxas solicitudes superen o límite inicial do 15 %. Igualmente, repartirase proporcionalmente no caso das ampliacións de crédito que se poidan realizar ao abeiro do artigo 2.5.

Artigo 26. Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social

1. Subvencionaranse parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos dos contratos de traballo subscritos con persoas en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 4 desta orde. O período subvencionable será desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.

2. A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño. Esta contía será proporcional á duración da xornada de traballo.

Cando a persoa traballadora estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social. Tampouco serán subvencionables as indemnizacións e axudas de custo.

3. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para ser subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ao disposto na Lei 44/2007, do 13 de decembro, que regula o réxime das empresas de inserción.

b) A súa duración non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 3 anos.

c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

d) Con carácter previo á formalización do contrato, a persoa seleccionada, a empresa de inserción laboral e os servizos sociais deberán subscribir o convenio de inserción, co contido sinalado no artigo 13 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción laboral.

4. Non poderán ser contratadas as persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos mediante un contrato de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego, nesta ou en distinta empresa de inserción laboral, salvo que, no suposto de fracaso nun proceso previo de inserción ou no de recaída en situacións de exclusión, o servizo social público competente considere o contrario á vista das circunstancias persoais da persoa traballadora.

5. A empresa de inserción laboral estará obrigada a facer un seguimento das persoas traballadoras en proceso de inserción mediante itinerarios individualizados de formación e ocupación.

Artigo 27. Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción

1. Para facilitar a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción que sexan necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción laboral, poderá concederse unha subvención equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa, durante as mensualidades de outubro de 2017 a setembro de 2018, ambas incluídas.

A xornada mínima subvencionable será do 50 %.

Cando a persoa contratada como xerente ou técnica de produción estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social. Tampouco serán subvencionables as indemnizacións e dietas.

Esta axuda estará condicionada á xustificación pola empresa de inserción laboral de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o seu bo fin.

2. A contía das axudas será como máximo de 8.000 € anuais, polo total do período subvencionable, ou o importe proporcional se a duración é inferior.

Non obstante, esta contía poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 %, se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural.

c) Un 25 %, se a persoa contratada é maior de 45 anos.

De aplicarse os incentivos anteriores, a contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas será de 14.000 €.

3. Poderá concederse esta subvención a aquelas empresas de inserción laboral que fosen beneficiarias desta liña de axudas anteriormente, sempre que o total das mensualidades subvencionadas a todas as persoas técnicas ou xerentes non supere en conxunto as 36 mensualidades.

4. A persoa contratada para levar a xerencia da empresa deberá desenvolver as seguintes actuacións:

– Planificar, organizar, xestionar e supervisar as diferentes áreas e departamentos de actuación da empresa en todas as súas áreas funcionais (marketing, vendas, produción, persoal, etc.).

– Planificar a estratexia de captación de clientes, coordinar os aspectos da súa atención e avaliar a satisfacción.

– Deseñar e presentar proxectos para obter recursos económicos externos para a EIL.

– Supervisar as funcións asignadas ao persoal do centro de traballo e coordinar o seguimento de obxectivos, facilitando a participación de todo o persoal adscrito á organización, tendo en conta os itinerarios de formación e ocupación das persoas en proceso de inserción.

– Planificar, xestionar e supervisar o estado e o correcto funcionamento das instalacións e equipamentos dos centros de traballo.

– Xestionar e supervisar o plan de prevención de riscos laborais.

– Representar externamente a empresa.

5. A misión das persoas técnicas de produción será tutelar a actividade produtiva, proporcionar o adestramento laboral na ocupación ou ocupacións en que desempeñen a súa actividade as persoas en proceso de inserción e, no caso das empresas de inserción que non conten cunha figura de xerencia específica, xestionar a comercialización da produción.

Artigo 28. Contratación de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción

1. As empresas de inserción laboral e as entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán acceder a unha subvención para a contratación de persoal técnico coa finalidade de desenvolver accións de orientación e acompañamento ás persoas traballadoras en proceso de inserción e facilitarlles a súa plena integración laboral en empresas normalizadas.

A axuda consistirá no 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa ou da entidade promotora, durante as mensualidades de outubro de 2017 a setembro de 2018, ambas inclusive.

Cando a persoa contratada técnica en orientación e acompañamento á inserción estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social. Tampouco serán subvencionables as indemnizacións e axudas de custo.

A contía da subvención estará en función das persoas traballadoras en proceso de inserción atendidas. Cada persoa técnica en inserción apoiará un mínimo de 4 traballadores/as en situación ou risco de exclusión social a xornada completa. No caso de atender un número de persoas traballadoras inferior a 4, ou con xornada a tempo parcial ou contratación inferior a un ano, a subvención reducirase de xeito proporcional.

2. O importe da axuda concedida será ata 3.000 € por persoa traballadora en proceso de inserción por xornada completa ou a parte proporcional se o contrato for a tempo parcial, sen que en ningún caso o importe da subvención poida superar os 12.000 € anuais por persoa técnica de inserción polo total do período subvencionable ou o importe proporcional se a duración é inferior.

Non obstante, o importe anual da subvención poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 %, se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural.

c) Un 25 %, se a persoa contratada é maior de 45 anos.

De aplicarse os incentivos anteriores, a contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas será de 21.000 €.

3. O persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción contratado deberá posuír a titulación de técnico superior en integración social ou unha titulación universitaria oficial de grao adecuada ás funcións que vai desenvolver, ou ben, tendo unha titulación universitaria oficial de grao, acreditar unha experiencia de dous anos en programas de orientación e acompañamento de persoas desfavorecidas desde a perspectiva laboral e social. Consideraranse titulacións universitarias adecuadas aquelas que acrediten coñecementos no ámbito educativo, asistencial, pedagóxico, psicosocial, terapéutico e sociolaboral.

4. A persoa técnica en orientación deberá realizar, como mínimo, as seguintes funcións:

a) Orientación laboral e elaboración de plans persoais de emprego e formación dirixidos á consecución de postos de traballo adecuados ás capacidades e aptitudes dos traballadores en procesos de inserción.

b) Prospección de empresas co obxecto de difundir entre elas as posibilidades de integración laboral das persoas traballadoras en proceso de inserción, así como de estimular a súa contratación informando acerca das vantaxes económicas e sociais que iso supón.

c) Asesoramento e apoio na análise de postos de traballo e no proceso de adecuación da persoa en proceso de inserción aos devanditos postos.

d) Mediación laboral mediante a presentación á empresa contratante daquelas persoas traballadoras en procesos de inserción que presenten habilidades e capacidades adecuadas para o posto de traballo que se vaia desempeñar.

e) Seguimento das incorporacións laborais nunha empresa ordinaria daquelas persoas traballadoras procedentes da empresa de inserción.

Artigo 29. Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción

1. Poderá concederse unha subvención ao investimento en inmobilizado sempre que estea vinculada á creación de novos postos de traballo de persoas en situación de exclusión social.

Os novos postos de traballo creados deben supoñer un incremento do cadro de persoal de persoas en inserción. Computaranse como novos postos aqueles non subvencionados con anterioridade e cuxa creación estea vinculada ao investimento pola axuda solicitada.

Para que sexa subvencionable, tanto a contratación do persoal en inserción coma o investimento en inmobilizado ten que estar realizado entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018.

A EIL estará obrigada a manter o posto de traballo creado un mínimo de dous 2 anos, con obriga de substituír o traballador nos casos de baixa voluntaria, despedimento procedente ou extinción da relación laboral por causas obxectivas. O despedimento improcedente ou o incumprimento da obriga de substituír a persoa traballadora dará lugar ao reintegro da subvención nos termos establecidos no artigo 21.

2. A contía desta liña de axudas determínase con base:

1º. Ao custo do investimento: subvencionarase como máximo o 80 % do custo total do investimento en inmobilizado directamente relacionado coa actividade principal desenvolvida pola empresa de inserción laboral, excluídos os impostos.

2º. Ao número de postos de persoas en proceso de inserción creados e ocupados respecto do anterior expediente de axudas concedido: subvencionarase ata un máximo de 12.000 € como incentivo base anual por cada posto de traballo a xornada completa, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial, sen prexuízo do establecido no parágrafo seguinte:

O incentivo base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 %, se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural.

c) Un 25 %, se a persoa contratada é maior de 45 anos.

De aplicarse os incentivos anteriores, a contía máxima que poderá ser concedida por esta liña de axudas será de 21.000 €.

3. Para os efectos das axudas reguladas nesta orde, consideraranse como investimento en inmobilizado os seguintes conceptos:

– Adquisición de locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade da empresa de inserción.

– Vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia.

– Maquinaria e útiles.

– Equipamentos para procesos de información.

– Mobiliario e equipamentos de oficina.

– Activos inmateriais vinculados a novas tecnoloxías da información e ás comunicacións.

– Adquisición de dereitos e patentes.

En ningún caso se terán en conta para a acreditación do inmobilizado os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da empresa solicitante e non sexan emitidas pola entidade promotora.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 € no caso de execución de obra ou de 18.000 € no caso de subministración de bens, a EIL estará obrigada a solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á realización da obra ou á entrega do ben, agás que se xustifique debidamente a imposibilidade de obtelas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

6. Cando una EIL reciba esta subvención de creación ou ampliación de novos postos de traballo por un proxecto de investimento sen acadar o máximo de financiamento, poderá solicitar unha nova subvención referida ao mesmo proxecto na seguinte convocatoria ata acadar o límite máximo do 80 % do investimento, excluídos impostos, sempre e cando xere novos postos de traballo que impliquen un incremento do cadro de persoal.

Artigo 30. Inicio e posta en marcha da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención que se concederá unha soa vez ao inicio da actividade empresarial ou cando exista unha reorientación e diversificación da actividade inicial que implique apertura de novos centros de traballo, logo de comunicación ao Rexistro de Empresas de Inserción da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán solicitar esta subvención sempre que a actividade se inicie a partir do 1 de outubro de 2017. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

A subvención destinarase a sufragar os gastos correntes derivados da posta en marcha da actividade realizados entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018 e xustificados mediante facturas emitidas no mesmo período.

2. Subvencionarase ata un máximo de 3.000 € como incentivo base anual por cada posto de traballo de persoas en inserción a xornada completa, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial e sempre que a contratación se realizase entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018.

O límite máximo desta axuda será de 12.000 € polo total do período subvencionable.

3. Son conceptos subvencionables:

– Compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos.

– Gastos de arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos.

– Gastos de seguro do local e publicidade e subministracións (gastos de luz, auga, etc.)

– Gastos de constitución tales como gastos de notario e rexistro, altas e taxas necesarias para satisfacer o inicio da actividade.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da empresa solicitante e non sexan emitidas pola entidade promotora.

Artigo 31. Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación de empresas de inserción laboral

1. Esta axuda está destinada a financiar:

1º. Ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral, os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral.

2º. Ás empresas de inserción laboral, os custos dirixidos á mellora, reorientación e diversificación da actividade empresarial.

A contía desta subvención será equivalente ao 80 % do custo total dos servizos realizados entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, co límite máximo establecido no número 2 deste artigo para cada un dos conceptos subvencionables, excluídos os impostos susceptibles de recuperación ou compensación.

A concesión da subvención ás entidades promotoras obrígaas a realizar o proceso de creación dentro do exercicio orzamentario en que se concede a axuda e a crear a empresa de inserción laboral no prazo que se estableza na resolución de concesión da subvención.

2. A contía da axuda varía en función dos seguintes custos elixibles:

a) Estudos de mercado, estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción laboral , a apertura de novos mercados e a reorientación ou diversificación da actividade empresarial. Máximo 6.000 €.

b) Auditorías contables non obrigatorias que analizarán a viabilidade económica e a boa xestión da empresa. Máximo de 1.500 €.

c) Auditorías sociais que permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade. Máximo de 1.500 €.

d) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. Máximo 1.000 € para a certificación e 1.000 € para a implantación. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

3. Os servizos de asistencia técnica deberán ser prestados por empresas especializadas que reúnan garantías de solvencia profesional.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da empresa de inserción laboral ou da entidade promotora solicitante e non sexan emitidas pola entidade promotora.

Artigo 32. Formación para as persoas en proceso de inserción

1. A subvención para a formación ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada co itinerario de inserción laboral da persoa en situación ou risco de exclusión social para mellorar os coñecementos sobre as funcións propias da súa profesión. Esta axuda tamén terá por obxecto financiar parcialmente aquela formación que permita á persoa en situación ou risco de exclusión adquirir coñecementos que, sen teren relación cos estudos e a actividade laboral previa, complementen esta e melloren a súa empregabilidade.

O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable (do 1 de outubro de 2017 ata o 30 de decembro de 2018).

2. A contía da subvención será o 100 % do custo dos servizos, cun límite máximo por empresa de inserción laboral de 3.000 €.

3. A formación será impartida por entidades alleas á empresa de inserción laboral.

Artigo 33. Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario

1. Coa finalidade de fomentar os labores de mediación laboral, subvencionarase as empresas de inserción laboral pola incorporación ao mercado laboral ordinario dunha persoa traballadora en proceso de inserción.

O prazo entre a baixa na empresa de inserción laboral e a data de alta no mercado normalizado de traballo non poderá ser superior a un mes.

As actuacións de mediación laboral serán subvencionables unha vez transcorridos tres meses desde a formalización da inserción no mercado laboral ordinario, e sempre que o remate deste prazo se producise entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018.

2. A contía da subvención para a mediación laboral será:

a) 6.000 € pola contratación indefinida da persoa en proceso de inserción na empresa ordinaria ou pola transformación do contrato en inserción nun contrato indefinido na mesma empresa de inserción laboral.

Aplicarase a mesma contía no caso de acompañamento á persoa en proceso de inserción na súa iniciativa de autoemprego ou na súa incorporación como socio traballador a unha sociedade cooperativa ou laboral.

b) 2.000 € pola contratación temporal na empresa ordinaria igual ou superior a un ano.

As contías establecidas nos apartados anteriores enténdense para xornadas completas, no suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral pactada.

3. As situacións sinaladas no número 2 deste artigo deberán manterse durante dous anos no caso do número a) e un ano no caso do número b).

4. A empresa de inserción deberá realizar o seguimento das persoas inseridas no mercado ordinario de traballo durante un período de 6 meses.

Artigo 34. Cálculo das contías das axudas á contratación

As contías das axudas á contratación desenvolvidas nos artigos 26, 27 e 28 calcularanse do seguinte xeito:

– Para as mensualidades de outubro a decembro de 2017, terase en conta o SMI vixente para 2017 e as nóminas presentadas dos ditos meses.

– Respecto ás mensualidades de xaneiro a setembro de 2018, calcularanse tendo en conta o SMI vixente para o 2018 e a relación co cadro de persoal do mes en que se presente a solicitude, polo que as certificacións de persoal dos anexos II e III deben referirse ao dito mes.

Artigo 35. Documentación complementaria

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 9.5, para cada un dos tipos de axuda que se regulan nesta orde presentarase a seguinte documentación específica:

a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:

– Contratos de traballo das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

– Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.

b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción:

– Memoria explicativa da necesidade da contratación de xerentes ou persoas técnicas para o desenvolvemento da actividade empresarial, na cal consten o número e os perfís profesionais e os servizos que van prestar.

– Contratos de traballo das persoas xerentes ou técnicas polas cales se solicita subvención.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

c) Subvención pola contratación de persoal técnico en orientación

– Memoria descritiva da necesidade da contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción, na cal consten o número e os perfís profesionais, as funcións que van realizar, así como o número de persoas traballadoras en proceso de inserción que van orientar e a porcentaxe da xornada de traballo que lle van dedicar.

– Contratos de traballo do persoal técnico polo cal se solicita subvención.

Curriculum vitae do persoal técnico, xunto coa documentación que acredite a súa formación e experiencia profesional.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

d) Subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

– Contratos de traballo e das persoas traballadoras cuxos postos se crearon.

– Memoria ampliada do proxecto e estudo económico-financeiro da súa viabilidade.

– Detalle do plan de investimentos en inmobilizado e calendario para a súa execución, xunto coas facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras.

– De ser o caso, as 3 ofertas mencionadas no artigo 29.5 e a xustificación da súa elección.

e) Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade.

– Orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles aos cales se vai destinar a subvención.

– Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

– No caso de reorientación ou diversificación da actividade inicial, memoria explicativa da súa necesidade por apertura de novo centro.

f) Subvención pola asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL:

– Memoria da persoa entidade ou empresa que realizará o servizo e que deberá incluír a modalidade de axuda solicitada, a xustificación da súa necesidade e o orzamento. No suposto da creación dunha empresa de inserción, deberá incluír a actividade que desenvolverá a empresa de inserción laboral e unha previsión económica-financeira para os dous exercicios iniciais.

– No caso das subvencións para a realización de estudos de mercado, proxecto de apertura de mercados ou de reorientación da actividade empresarial que se somete a estudo, deberá presentarse un índice do seu contido.

g) Subvención para a formación de persoas en inserción.

– Memoria descritiva do curso/actividade de formación solicitada en que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para a inserción laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social.

– Certificación da entidade formadora en que consten, entre outros, os seguintes aspectos:

1. Nome do curso/actividade.

2. Lugar e datas de realización.

3. Módulos que se impartirán e distribución temporal (número de horas).

4. Prazo de inscrición.

5. Número de prazas.

– Solicitude de inscrición ou matrícula no curso/actividade, se procede.

– No caso de estar realizando o curso, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma.

h) Subvención pola mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario:

– Contrato de traballo formalizado ou documentación acreditativa da alta da persoa traballadora en proceso de inserción en calquera réxime especial da Seguridade Social por conta propia, segundo o caso.

– Se é o caso, declaración da empresa contratante, sociedade cooperativa ou laboral de que a incorporación da persoa traballadora ao mercado laboral ordinario se realizou por mediación da empresa de inserción laboral, xunto coas nóminas aboadas á persoa traballadora.

– Se é o caso, declaración do traballador ou da traballadora autónoma de que a súa iniciativa de autoemprego se realizou mediante o asesoramento, apoio e acompañamento da empresa de inserción laboral, xunto cos xustificantes das cotizacións á Seguridade Social desde a alta no réxime especial da Seguridade Social por conta propia.

Artigo 36. Documentación xustificativa das axudas

1. As empresas ou entidades beneficiarias das axudas contidas nesta orde deberán presentar a seguinte documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo III.

c) Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 19.h) desta orde.

e) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables e a indicación específica do seu cofinanciamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

2. Segundo o tipo de axuda solicitada, deberán presentar ademais:

a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Itinerarios de inserción de cada unha das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social, onde consten actuacións tales como medidas de intervención e acompañamento realizadas, procesos asistidos de traballo, formación no posto de traballo, habituación laboral e social encamiñadas a satisfacer ou resolver problemas específicos derivados da situación de exclusión que lle poden dificultar á persoa un normal desenvolvemento do seu itinerario na empresa de inserción, e a avaliación sociolaboral da persoa en proceso de inserción. Todo isto de acordo coas cláusulas establecidas no convenio de inserción realizado no momento da contratación

b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Informe da actuación desenvolvida polas persoas xerentes ou técnicas de produción.

c) Subvención pola contratación de persoal técnico en orientación

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Informe da actuación de apoio desenvolvida polo persoal técnico, en que conste a relación de persoas traballadoras en proceso de inserción ás cales se prestaron as accións de orientación e acompañamento, e os resultados obtidos en materia de inserción, debidamente cuantificados e documentados.

d) Subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

– Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación clasificada dos investimentos realizados tidos en conta para o cálculo da contía da subvención, con identificación da persoa acredora e do documento, do importe, da data de emisión e, de ser o caso, da data de pagamento.

– Documentación xustificativa da realización dos investimentos tidos en conta para o cálculo da contía da subvención mediante:

I. Facturas emitidas desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018 e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento de data igual ou inferior ao 15 de novembro de 2018.

II. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, que acredite que o gasto que se xustifica corresponde á adquisición de bens inmobles.

e) Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade:

– Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación clasificada dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do documento, do importe e da data de emisión, desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018 e, de ser o caso, da data de pagamento con data igual ou inferior ao 15 de novembro de 2018.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención: facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

f) Subvención pola asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL:

– Copia do estudo, consultoría, auditoría ou asesoramento realizados, así como as certificacións de calidade obtidas, de ser o caso.

– Facturas emitidas e documentos bancarios acreditativos do pagamento do estudo ou asesoramento con data igual ou inferior ao 15 de novembro de 2018.

g) Subvención para a formación de persoas en inserción:

– Facturas emitidas no período subvencionable, do 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018, e documentos bancarios acreditativos do efectivo pagamento do servizo recibido, con data igual ou inferior ao 15 de novembro de 2018.

– Certificados da entidade formadora da asistencia das persoas en situación ou en risco de exclusión social ao curso/actividade obxecto da axuda.

h) Subvención pola mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario:

– Xustificación do seguimento realizado ás persoas inseridas no mercado ordinario de traballo durante 6 meses.

Disposición adicional primeira. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou, na súa falta, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

2. A presentación da solicitude ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa das persoas traballadoras para a cesión de datos de carácter persoal á Consellería de Economía, Emprego e Industria, por parte da empresa solicitante, polo que esta é responsable de informar as persoas traballadoras sobre a existencia e finalidade da cesión, así como da obtención do seu consentimento.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file