Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2018 Páx. 1669

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 379932.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas propietarias do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de actividades gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e convocalas para o ano 2018 (procedemento MT809B).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Contía

1. O importe asignado é de douscentos setenta e nove mil novecentos cincuenta e oito euros (279.958,00 €).

2. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde.

Este importe incrementarase nun 30 % cando afecte explotacións dos concellos recollidos no anexo III desta orde.

3. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

Cando os animais feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario nas cales se relacione de xeito individual cada un dos animais feridos, con referencia á súa idade e á súa identificación individual, de ser o caso.

No caso de animais que, tras o tratamento prescrito, morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I desta orde. Nestes casos a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal e mais os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 por cento das anteditas contías.

4. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas por animal no anexo I desta orde.

A eutanasia realizarase de forma regrada e será prescrita e efectuada por unha persoa profesional veterinaria, co fin de lle evitar ao animal sufrimento grave e irremediable ou afección grave.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2017 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se comunicase previamente o ataque da forma e no prazo previstos na Orde do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2017.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio