Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2018 Páx. 1868

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 23 de novembro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas, no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido e nas normas urbanísticas do Plan xeral de ordenación municipal.

O Concello de San Cibrao das Viñas solicita a aprobación definitiva da modificación referida, ao abeiro do disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizado o expediente remitido polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de San Cibrao das Viñas dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 30.12.2004.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

– O 23.6.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu o informe ambiental estratéxico da modificación puntual, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 139, do 24.7.2015, acompañado dos informes emitidos no trámite de consultas.

– Constan informes xurídicos municipais, do 16.7.2015 e do 1.10.2015; e técnico, do 23.9.2015.

– Consta informe sen obxeccións, de agosto de 2015, da Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria.

– O 2.12.2015 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual.

– O Pleno do Concello, en sesión do 16.12.2015, aprobou inicialmente a modificación puntual do PXOM de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido e das normas urbanísticas do plan xeral e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Región, do 26.1.2016, con corrección de erros do 20.2.2016, e La Voz de Galicia, do 27.1.2016, con corrección de erros do 20.2.2016, e no Diario Oficial de Galicia nº 19, do 29.1.2016, con corrección de erros no Diario Oficial de Galicia nº 38, do 25.2.2016.

Durante o período de exposición pública presentáronse dez alegacións.

– Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Paderne de Allariz, Taboadela e A Merca. O Concello de Ourense presentou unha alegación en que sinala que na modificación puntual non se tivo en conta o Plan sectorial da rede viaria de Ourense do 21.11.2014.

– Consta informe favorable, do 15.7.2016, do Servizo Municipal de Augas.

– Constan informes, do 17.2.2016 e do 22.4.2016, favorables, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información.

– Constan informes, desfavorable do 10.3.2016, e favorable do 23.8.2016, da Axencia Galega de Infraestruturas (AGI).

– Constan informes, desfavorable do 11.4.2016, e favorable, do 10.10.2016, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

– Constan informes, desfavorable do 12.9.2016, e favorable do 16.11.2016, da Deputación Provincial de Ourense.

– Constan informes, desfavorable do 31.3.2016, e favorable, do 21.2.2017, da Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria do Ministerio de Fomento.

– Constan informes favorables do 17.11.2016 e 22.2.2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

– Constan informes municipais técnico, do 20.12.2016, e xurídico, do 22.12.2016.

– O Pleno do Concello, o 29.12.2016, aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOM de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial.

– O 8.3.2017 o Servizo de Urbanismo de Ourense da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ditou requirimento ao Concello para completar os informes sectoriais solicitados.

– Consta informe, do 18.4.2017, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

– Consta informe, do 9.5.2017, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, en que se sinala a non afección ás estradas do Ministerio de Fomento.

– Consta informe favorable, do 9.6.2017, do Instituto de Estudos do Territorio.

– Constan solicitudes de informe, do 14.3.2017, á Delegación do Goberno en Galicia, a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sen que conste contestación.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito da actuación comprende o polígono industrial David Ferrer Garrido, clasificado como solo urbano consolidado, e o seu contorno inmediato: sector de solo urbanizable SUR-I1; núcleo rural de San Clodio; parcela ao sur, que se exclúe do polígono e se reclasifica como solo rústico de especial protección agropecuaria pola vinculación a unha vivenda tradicional; Sistema xeral de espazos libres existente SE-P7 e sector SUR-I4.

II.2. O alcance da modificación puntual acada a redelimitación do ámbito da Ordenanza O-7 de solo urbano consolidado no polígono industrial David Ferrer Garrido; a modificación, redelimitación e/ou obtención de solos dotacionais (viario, espazos libres públicos e equipamentos); a remisión do ámbito do solo urbano consolidado do polígono industrial á aprobación dun plan especial de infraestruturas e dotacións; e a modificación da Ordenanza O-7 do PXOM no ámbito do polígono industrial, e doutros artigos de carácter xeral de aplicación en todo o termo municipal.

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 2 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data xa tivesen aprobación inicial poderán continuar a súa tramitación a teor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse á Lei 2/2016, do 10 de febreiro. O documento aprobado provisionalmente en data posterior á entrada en vigor desa lei adaptou as súas determinacións á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, continuando a súa tramitación conforme a Lei 9/2002, do 30 de decembro.

II.4. A modificación axústase ao establecido no artigo 83.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, ao ordenar as dotacións, espazos libres e equipamentos, procurar a maior dotación de aparcadoiros e crear o escenario normativo apropiado para a aplicación dos seus obxectivos.

II.5. Consta xustificación das determinacións do artigo 59 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, cunha avaliación do custo de execución dos sistemas xerais e das actuacións previstas, con indicación do carácter público ou privado da iniciativa de financiamento, xustificando as previsións.

II.6. No documento aprobado provisionalmente corrixiuse o erro material no plano correspondente á folla 5 do plano V.1 do plan xeral, grafándose os espazos libres. Ademais, nos planos de ordenación O-002 e O-003 grafáronse as zonas Z1 e Z2.

Porén, detectouse un erro material no plano correspondente á folla 5 do plano V.1 do plan xeral e no punto 2.2 da memoria de información, canto á parcela de 425 m2 que segue incluída no solo urbano industrial, en contradición co grafado no plano O-003, en que aparece correctamente como solo rústico de especial protección agropecuaria.

Tamén hai un erro material no título do plano de ordenación O-001 que fai referencia a un plan especial de infraestruturas e dotacións, en vez de á modificación puntual.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

Visto o que antecede, e de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido, con suxeición á corrección dos erros materiais observados sinalados na epígrafe II.6 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, unha vez inscrita aquela no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio