Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2018 Páx. 1909

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018.

BDNS (Identif.): 379771.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (procedemento TR351A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Terceiro. Requisitos das obras ou servizos

1. As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a porcentaxe mínima de persoas traballadoras desempregadas que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

e) Que sexan proxectos que teñan en conta profesións que favorezan a inserción laboral.

f) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que vaian desenvolver a prestación dos servizos non supere os tres meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, de ata o 50 por 100, a dita duración máxima poderá estenderse ata os seis meses.

2. No caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co punto 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Cuarto. Importe

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 2.700 €.

Para o grupo de cotización 2: 2.200 €.

Para o grupo de cotización 3: 2.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 1.900 €.

Para o grupo de cotización 5: 1.800 €.

Para o grupo de cotización 6: 1.700 €.

Para o grupo de cotización 7: 1.600 €.

Para o grupo de cotización 8: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 9: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 10: 1.500 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co punto 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria