Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2018 Páx. 2154

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 18 decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2018.

A Consellería do Medio Rural publicou o 30 de decembro de 2016 a Orde do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020, cofinanciadas polo Feader, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2017. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (UE) 1305/2013 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como na normativa comunitaria sobre axudas de estado, que motivaron a inclusión no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 da medida 4.2, referente ao apoio aos investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas fai conveniente introducir algunhas modificacións que afectan os criterios de valoración das solicitudes e os requisitos dos beneficiarios e investimentos e para ser subvencionables.

Así mesmo, ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2018, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2018. O código do procedemento é o MR340D.

A concesión destas axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Sección 1ª. Bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación
e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as que recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

Artigo 3. Investimentos subvencionables

1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea excepto os produtos da pesca. Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade ou valor económico total deles non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final.

2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado). Para estes efectos, considerarase que os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización son produtos agrarios cando a totalidade deles estea incluídas no anexo I do Tratado.

3. Non obstante, non serán subvencionables:

a) Os proxectos nos cales o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 60.000 €.

b) No sector vitivinícola os investimentos relativos aos produtos descritos na parte XII do anexo I do Regulamento UE nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.

4. Os tipos de gasto subvencionables son os seguintes:

a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.

b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.

c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.

d) Os custos xerais vinculados as letras a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das letras a), b) e c) anteriores.

5. Non serán, porén, obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 4. Contía das axudas

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar as porcentaxes máximas de axuda do investimento subvencionable indicadas no punto seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante e as características dos produtos. Para determinar o tipo de empresa aplicaranse os criterios establecidos na Recomendación 2003/361/CE da Comisión sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003).

2. As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:

Tipo de empresa solicitante

Tipos de produtos finais

Microempresas e pequenas empresas

Empresas
medianas

Empresas
non pemes

Incluídos na súa totalidade no anexo I do Tratado

50 %

50 %

50 %

Non incluídos na súa totalidade no anexo I do Tratado

30 %

20 %

10 %

3. En calquera caso, o importe total das axudas concedidas a unha única empresa por esta liña de axudas non superará o importe de 5 millóns de euros en cada convocatoria de axudas. Para estes efectos, considerarase como única empresa o conxunto de sociedades que teñan polo menos un dos seguintes vínculos entre si:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra sociedade.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla sola, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas nas letras a) a d) do parágrafo anterior a través doutra ou doutras empresas tamén se considerarán unha única empresa.

Artigo 5. Requisitos adicionais

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de ambiente.

Para eses efectos, deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) No caso de proxectos de investimento relativos a instalacións xa existentes, o solicitante deberá acreditar que realizou a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 presentando toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que dispón de licenza de actividade.

b) No caso de proxectos de investimento que requiran unha avaliación do impacto ambiental conforme o establecido na Lei 21/2013, de avaliación ambiental, o solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade e sentido favorable cando solicite a axuda.

Para eses efectos, todas as solicitudes referentes a proxectos incluídos nalgún dos seguintes casos citados a continuación deberán incluír, coa documentación da solicitude, o informe favorable de avaliación ambiental ou ben un informe da autoridade competente que indique que non é necesario:

1º. Proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos.

2º. Proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente, espazos protexidos da Rede Natura 2000.

c) No caso de novas industrias así como en investimentos que precisen polas súas características dispoñer ou actualizar a autorización ambiental integrada regulada polo Real decreto 815/2013 ou a declaración de incidencia ambiental regulada pola Lei 9/2013, deberán acreditar a súa dispoñibilidade e, de ser o caso, o cumprimento das condicións que esta estableza relativas aos investimentos afectados. O prazo máximo para a presentación desta acreditación será o establecido nesta orde para tramitación do pagamento.

2. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de sanidade e benestar animal, de ser o caso.

Conforme iso:

a) Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de rexistro sanitario, ou que non cumpran, se é o caso, a normativa de benestar animal, ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

b) Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten tras a execución dos investimentos, dispoñer de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, se é o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

A resolución de concesión indicará, se é o caso e expresamente, as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.

3. Cando o solicitante estea sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.

4. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito;

b) Tratándose dunha sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando teña desaparecido polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade;

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores;

d) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:

1. A ratio: débeda/capital da empresa fose superior a 7,5, e

2. A ratio de cobertura de intereses da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c) do parágrafo anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

5. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento a data en que se produza, en primeiro lugar, ben o inicio das obras de construción relativas aos investimentos, ou ben o primeiro compromiso xuridicamente vinculante para realizar un pedido de equipamentos ou servizos ou calquera outro compromiso que faga irreversible o proxecto. A compra de terreos así como os gastos sinalados no punto 4.d) do artigo 3 desta orde non será considerado como inicio do investimento sempre que se iniciasen con posterioridade á aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 pola Unión Europea Europea (Decisión de execución da Comisión C (2015 ) 8144 do 18 de novembro de 2015).

6. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nestas.

7. Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria á cal concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.

8. A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados desde o momento do pagamento final da axuda ao beneficiario, conforme os criterios establecidos no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

Así mesmo, no caso de empresas non pemes, o beneficiario deberá devolver a axuda se nos dez anos seguintes ao pagamento final da axuda a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión Europea.

9. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin a os seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos da dispoñibilidade da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar coa solicitude a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van a realizar os investimentos.

10. Non se concederán axudas a solicitantes en que concorran algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

11. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11, 11 bis, 11 ter e 12 do Real decreto 1363/2012, modificado polo Real decreto 125/2015, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación. Esta acreditación deberá facerse cando se solicite a axuda.

12. Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) n° 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no referente ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social ou epígrafe do imposto de actividades económicas no momento de emisión da oferta a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca e modelo, así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar a exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

13. Non se concederá axuda a instalacións xa existentes que non estean inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias.

14. No caso de solicitantes non pemes nos cales os produtos finais dos proxectos presentados non estean incluidos no anexo I do Tratado, deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos adicionais:

a) Os investimentos deberán cumprir os condicionantes establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) O beneficiario das axudas deberá presentar unha contribución financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, ben a través dos seus propios recursos ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as entidades sen personalidade xurídica, así como para as persoas que actúen na súa representación.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional seguinte:

a) Memoria: anexo A2 debidamente cuberto.

b) Estudio técnico: co contido mínimo indicado no anexo A3.

c) Estudio económico: co contido mínimo indicado no anexo A4.

d) Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo A5 debidamente cuberto.

e) Documentación adicional:

1ª. Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

2ª. No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos anos se son sociedades. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

3ª. No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van a realizar os investimentos identificable mediante a súa referencia catastral.

4ª. No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello ou acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia con toda a documentación requirida. No caso de matadoiros, mercados e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente. No caso de industrias de alimentación animal deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente.

5ª. No caso de proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos, así como cando se trate de proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente, espazos protexidos da Rede Natura 2000, o solicitante deberá presentar o informe favorable de avaliación do impacto ambiental, ou un informe da autoridade competente en que se indique que o referido proxecto non a precisa.

6ª. Todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que se van realizar e incluídas no anexo A5 desta orde.

7ª. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, acreditación de que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11, 11 bis, 11 ter e 12 do Real decreto 1363/2012, modificado polo Real decreto 125/2015, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación.

8ª. No caso de producir produtos amparados por unha denominación de calidade recoñecida, debe presentarse certificado do Consello Regulador correspondente sobre a produción amparada no último ano.

9ª. No caso de facturar produtos amparados pola Marca de Garantía de Leite «Galega 100 %» debe presentarse fotocopia do contrato de licenza de uso, así como acreditación do importe facturado no último ano en produtos amparados nesa marca.

10ª. No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe presentarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

11ª. No caso de proxectos procedentes de iniciativas de cooperación e desenvolvemento local apoiadas a través do artigo 35 do Regulamento UE 1305/2013, debe presentarse certificado acreditativo da unidade xestora correspondente.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando a solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI ou NIE no caso de persoa física.

b) Declaracións do IRPF (no caso de persoas físicas) dos 3 últimos anos.

c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

4. O prazo de presentación de solicitudes será o indicado en cada convocatoria.

5. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a sanee no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Non obstante o disposto nos puntos anteriores deste artigo, dada a natureza deste procedemento como de concorrencia competitiva, non será susceptible de emenda a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación, considerada como mínimo imprescindible para a tramitación da solicitude de axuda:

a) Anexo A1 de solicitude da axuda.

b) Anexo A2 de Memoria cuberto adecuadamente, e que inclúa en particular a relación pormenorizada dos investimentos previstos co seu importe sinalados no seu punto 10.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os que se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos elementos ou gastos.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Os solicitantes de axuda soamente poderán presentar en cada convocatoria unha solicitude de axuda para todos os investimentos que vaian desenvolver nun mesmo centro de produción, considerando como tal o conxunto de instalacións localizadas nun mesmo recinto físico. Porén, no caso de investimentos nun mesmo centro de produción que afecten procesos produtivos en que existan liñas de produción diferenciadas para produtos finais do anexo I do Tratado e para fóra do anexo I, poderanse presentar dúas solicitudes diferenciadas polo tipo de produto final obtido, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos.

Artigo 7. Criterios de valoración

1. Para a selección dos proxectos que se van aprobar, e para establecer a axuda que se vai conceder, utilizaranse os criterios de valoración indicados no anexo II desta orde.

2. As solicitudes presentadas ordenaranse de maior a menor puntuación aplicando os criterios de valoración sinalados, procedéndose a asignar a subvención para conceder a cada unha delas seguindo ese orde e conforme o seguinte baremo:

Puntuación

% Axuda

61 ou máis

50 %

51-60

45 %

41-50

40 %

26-40

35 %

21-25

30 %

15-20

25 %

Menos de 15

0 %

No caso de que a porcentaxe de axuda determinada polo baremo supere os límites establecidos no punto 2 do artigo 4, aplicaranse eses límites. Non se concederá ningunha axuda ás solicitudes que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos. No caso de que o orzamento dispoñible non chegue para aprobar todas as solicitudes, non se subvencionarán as de menor puntuación. Para eses efectos, no caso de empate na puntuación utilizarase como criterio de desempate a maior puntuación obtida no criterio de valoración 1º (Actividade prioritaria) do anexo II. No caso de persistir o empate utilizaranse como criterios sucesivos de desempate a maior puntuación obtida nos criterios de valoración do 2 ao 5, por ese orde. Se aínda así seguise existindo empate, farase un rateo do remanente de fondos existente entre as solicitudes de igual valoración, proporcional ao importe da subvención que lle correspondería.

Artigo 8. Tramitación das solicitudes

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. A resolución dos expedientes corresponderalle á conselleira do Medio Rural por proposta do órgano instrutor do procedemento, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria, e integrado por dous funcionarios desta mesma Subdirección Xeral con categoría non inferior á de xefe de sección.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda).

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo nese caso presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 9. Resolución de concesión

1. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. A resolución indicará especificamente a anualización aprobada para a execución dos investimentos. As anualidades establecidas indicarán o investimento que se debe executar e pagar en cada unha delas así como a data límite establecida para presentar a documentación acreditativa correspondente e cumprir outras condicións establecidas no seu caso. O número de anualidades así como o investimento a executar en cada unha delas establecerase conforme a previsión de execución presentada coa solicitude de axuda e as dispoñibilidades orzamentarias. O número máximo de anualidades en que poderá executarse o investimento aprobado será de tres correlativas, e a derradeira delas debe incluír a execución de, como mínimo, o 20 % do investimento total subvencionable.

2. A resolución indicará tamén a data máxima para xustificar o investimento, incluído a súa facturación e pagamento efectivo así como a presentación da documentación necesaria para tramitar o cobramento da subvención correspondente. Esta data será cando menos posterior en dez días á data prevista no calendario presentado, sen que en ningún caso se supere en cada anualidade a data do 10 de outubro.

3. A resolución poderá incluír a obriga de executar investimentos indicados na solicitude presentada que, aínda que non sexan considerados subvencionables, sexan necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto aprobado.

Artigo 10. Pagamento das axudas

1. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B.1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo que deberá realizarse a través de entidades financeiras. O pagamento efectivo acreditarase presentando a copia do documento de pagamento (cheque, orde de transferencia, letra de cambio, etc.) xunto co orixinal do extracto ou de certificado bancario que xustifique inequivocamente o seu cargo na conta bancaria do beneficiario. Non se admitirá como xustificante do pagamento a simple certificación da empresa facturante de ter cobrado o seu importe, agás de forma excepcional no caso de gastos inferiores a 1.000 euros.

b) Declaración do beneficiario relativa ao financiamento dos gastos efectuados segundo modelo B2. No caso de financiamento mediante créditos ou préstamos deberá presentarse, ademais, fotocopia da escritura de formalización destes, así como un certificado da entidade financeira en que indique se o préstamo procede de fondos públicos e se ten algún tipo de axuda. Nese sentido, para o cálculo das axudas implícitas nos préstamos procedentes de fondos públicos seguiranse os criterios establecidos na Comunicación 2008/C14/02 da Comisión relativa á Revisión do Método de Fixación dos Tipos de Referencia e Actualización.

c) Relación das diferenzas existentes entre os traballos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3. Ademais, no caso de modificacións que afecten os conceptos e elementos subvencionados, deberá presentarse o anexo A5, no cal se indicará para cada elemento novo as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se é o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa, así como a fotocopia de todas as ofertas solicitadas. A aceptación destas modificacións estará suxeita ao cumprimento deste requisito, así como ao establecido nos artigos 12 e 13.

d) Análise das diferenzas cuantitativas entre os investimentos previstos e os efectuados, seguindo o modelo incluído como anexo B4.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, conforme o modelo establecido no anexo B5, e achegando no caso de concesión, fotocopia da resolución correspondente.

f) No caso de adquisición de terreos e edificacións, deberase presentar, ademais, un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no cal se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

g) Comunicación relativa á inscrición dos investimentos no Rexistro de Industrias Agrarias, así como acreditación de que o resto das instalacións da industria figuran inscritos nel.

h) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

2. As facturas xustificativas dos gastos realizados deberán incluír a relación detallada dos conceptos facturados e, no caso de maquinaria e equipamentos, deberán indicar, ademais das súas características, marca, modelo e o número de serie da súa placa identificativa.

3. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos da axuda, que poderán ser pagamentos á conta ou totais.

Os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamentos á conta. Cando se tramite un pagamentos á conta, se o importe dos pagamentos tramitados supera os 18.000 €, o beneficiario deberá presentar, con anterioridade ao pagamento da axuda unha garantía constituída por seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento fraccionado. As garantías serán liberadas unha vez comprobada a realización da actividade para a que se concedeu a subvención.

4. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50 % da subvención naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Nese caso, será necesario presentar unha garantía constituída mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades anticipadas, e será liberada unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta, será requirido o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

6. A consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá, como mínimo, unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda. Non se admitirán como subvencionables os conceptos e elementos dos investimentos xustificados en que se comprobe cando se realice a inspección in situ para o pagamento final da axuda, que non están en condicións de poder funcionar.

7. As propostas de pagamento das axudas por parte do órgano xestor acomodaranse ás dispoñibilidades económicas existentes en cada momento, derivadas das transferencias de fondos do Feader e do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que se reciban.

8. En aplicación do establecido no artigo 63 do Regulamento de Execución (UE) 809/2014, do 17 de xullo, a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario será examinada para determinar o importe subvencionable, determinándose o seguinte:

a) O importe que se pode pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a resolución de concesión.

b) O importe que se pode pagar ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figura na solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 10 %, aplicarase una sanción administrativa ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre os dous importes citados, sen que en ningún vaia máis aló da retirada total da axuda concedida.

Artigo 11. Modificacións

Unha vez aprobada unha solicitude de axuda, a admisibilidade de cambios de beneficiario, localización do investimento, importe e características dos conceptos e elementos subvencionados, e prazos de execución e xustificación, estará suxeita as seguintes condicións:

1. A modificación do beneficiario, será admisible non seguintes supostos:

a) Cando se trate dun simple cambio de denominación da empresa.

b) Cando o novo beneficiario sexa resultante dun proceso de fusión.

c) Cando se trate dunha transformación do tipo de sociedade conforme o establecido na Lei 3/2009, de 3 de abril, sobre modificacións estruturais de sociedades mercantís.

En todo caso, para ser admisibles estas modificacións débense cumprir o resto dos requisitos establecidos para que un solicitante poida ser beneficiario das axudas. A modificación do beneficiario poderá dar lugar á modificación da axuda concedida se afecta a puntuación obtida polo expediente en aplicación dos criterios de priorización establecidos. En ningún caso a modificación do beneficiario poderá dar lugar ao aumento da axuda concedida.

2. Non se admitirán modificacións que supoñan o cambio de localización dos investimentos aprobados.

3. Modificación do importe dos investimentos subvencionados:

a) Non se admitirá o incremento do importe total do investimento considerado como subvencionable.

b) Será admisible a redución do importe total do investimento considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40 % do seu valor.

c) Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do custo unitario dos conceptos e elementos subvencionados.

d) Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do importe do investimento subvencionable correspondente aos conceptos de urbanización e obra civil.

4. Modificación das características dos conceptos e elementos subvencionados:

Serán admisibles sempre que o seu importe non supere o 20 % do investimento total subvencionable e o beneficiario xustifique a realización nos prazos establecidos de conceptos e elementos subvencionados coincidentes cos aprobados que representen, como mínimo, o 60 % do importe do investimento subvencionable aprobado. Para estes efectos, considerarase que os conceptos e elementos subvencionados realizados polo beneficiario son coincidentes cos aprobados cando realizan as mesmas funcións.

En todo caso, para ser admisibles estas modificacións débense cumprir o resto dos requisitos establecidos e, en particular, o indicado no punto 12 do artigo 5 referente á solicitude previa de tres ofertas. Se a modificación supón unha alteración das condicións tidas en conta para a valoración da solicitude, conforme os criterios sinalados no artigo 7, farase unha nova valoración, que poderá dar lugar a redución ou perda da subvención concedida.

5. Modificación dos prazos de execución e xustificación:

Non será admisible a modificación do número de anualidades nin do investimento correspondente a cada una delas. Tampouco serán admisibles ampliacións dos prazos de execución e xustificación establecidos para cada anualidade que superen a data do 10 de outubro de cada ano.

Independentemente do citado nos puntos anteriores deste artigo, a Consellería poderá, excepcionalmente, aprobar modificacións da resolución de concesión que non se axusten ás condicións indicadas nos puntos anteriores, no caso de que a execución do proxecto se vexa afectada notoriamente por causas externas á empresa imprevisibles e inevitables de orixe natural, como terremotos, furacáns ou inundacións, así como por incendios. Incluirase dentro desta excepción o suposto de falecemento ou enfermidade grave do empresario cando este sexa o beneficiario a título individual.

En todo caso as solicitudes de modificación deben ser presentadas polos beneficiarios antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Incumprimentos

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos e elementos dos investimentos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos establecidos, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. En calquera outro caso, considerarase que existe un incumprimento, que poderá ser parcial ou total.

2. Considerarase que existe un incumprimento parcial cando o beneficiario non realice ou xustifique nos prazos establecidos a totalidade do importe do investimento subvencionado, e o importe dos conceptos e elementos xustificados admisibles coincidentes cos aprobados representen, como mínimo, o 60 % do importe total do investimento subvencionable aprobado, e se cumpran co resto dos requisitos establecidos.

Nese caso aboarase a parte proporcional da subvención correspondente ao investimento admisible, que poderá incluír a substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros diferentes (ata o límite do 20 % do investimento subvencionable aprobado) se estes manteñen os obxectivos do proxecto e cumpren os requisitos establecidos nesta orde e, en particular, o establecido no apartado 12 do artigo 5 referente á solicitude previa de tres ofertas.

3. Considerarase que existe un incumprimento total nos seguintes casos:

a) Cando o investimento xustificado polo beneficiario e admisible como subvencionable correspondente á primeira anualidade sexa inferior ao mínimo executable exixido para esa anualidade.

b) Cando o importe total dos gastos e elementos admisibles realizados e xustificados polo beneficiario que sexan coincidentes cos aprobados non acade, como mínimo, o 60 % do investimento total subvencionable aprobado.

c) Cando exista un cambio de localización dos investimentos obxecto de axuda.

d) Cando o investimento total subvencionable realizado non chegue a 60.000 € ou, no caso de organizacións de produtores de froitas e hortalizas, se non supera 50.000 €.

e) Cando se modifique calquera outra característica do beneficiario ou do proxecto aprobado que supoña o incumprimento dalgún requisito para a concesión da axuda.

No caso de incumprimento total, o beneficiario non cobrará ningunha axuda e deberá devolver, se é o caso, os importes xa percibidos.

4. Considerarase, así mesmo, que existe un incumprimento cando o beneficiario non dispoña nos prazos establecidos na resolución de concesión dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais. Neste caso o incumprimento dará lugar á perda do dereito ao cobramento de ata o 100 % da axuda concedida, co reintegro no seu caso dos importes xa percibidos.

Artigo 13. Reintegro das axudas, infraccións e sancións

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto, se é o caso, cos xuros de demora calculados conforme o establecido no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de xustificación ou doutras obrigas derivadas da concesión da subvención.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no disposto no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xuño.

Artigo 14. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou, se é o caso, ao reintegro total ou parcial da subvención concedida.

2. Os órganos da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias encargados da tramitación do procedemento poderán exixir aos solicitantes ou beneficiarios calquera documentación complementaria necesaria para comprobar o cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión e/ou pagamento das axudas.

3. Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

4. Conforme o disposto no artigo 66.c) do Regulamento (CE) 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 15. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de minimis, non supere as porcentaxes de axuda indicadas no punto 2 do artigo 4 desta orde.

2. Estas axudas son en todo caso incompatibles con calquera outra para o mesmo fin se teñen financiamento parcial ou total do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, así como con calquera outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 16. Medidas informativas e publicitarias

As resolucións de concesión informarán os beneficiarios de que a subvención procede dun programa cofinanciado polo Feader, e da medida e prioridade do PDR que se trate.

O beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader establecida no artigo 13 e no anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014, e demais normas de aplicación.

En particular, durante a realización dunha operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader da seguinte maneira:

1. Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, en proporción ao nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.

2. No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 €, colocando polo menos un panel coa información acerca da operación (dun tamaño mínimo A3), ou unha placa con información sobre o proxecto, na cal se destacará a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar bien visible para o público.

3. Colocando nun lugar ben visible para o público un cartel temporal de tamaño significativo relativo a cada operación que consista no financiamento de obras de infraestrutura ou construción que se beneficien duna axuda pública total superior a 500.000 €.

Así mesmo, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:

1. A axuda pública total á operación supera 500.000 €.

2. A operación consiste na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

Ese cartel indicará o nome e o principal obxectivo da operación e destacará a axuda financeira achegada pola Unión.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos a que se refire o punto 1 da parte 2 do anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999.

Artigo 19. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Artigo 20. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

1. As axudas establecidas nesta orde cofinanciadas polo Feader ampáranse no disposto no Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

2. Así mesmo, as axudas para pemes establecidas nesta orde referentes a investimentos en que o produto final non está incluído no anexo I do Tratado, están amparadas no artigo 44 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Diario Oficial de la Unión Europea L 193, do 1.7.2014). No caso de axudas a empresas non pemes referentes a investimentos en que o produto final non estea incluído no anexo I do Tratado, están amparadas no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Diario Oficial de la Unión Europea L 187, do 26.6.2014).

Sección 2ª. Convocatoria de axudas para 2018

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde, as axudas para os investimentos en mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios para o período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2018.

Artigo 23. Condicións e finalidade

1. Para poder acceder a estas axudas o solicitante deberá cumprir os requisitos establecidos nesta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Artigo 24. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras. Así mesmo, no caso de proxectos de investimento incluídos nos supostos do punto 1.b) do artigo 5 desta orde, relativos á declaración de impacto ambiental, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar o informe favorable de avaliación ambiental ou ben o informe da autoridade competente que o exima da súa obtención.

Artigo 25. Execución

Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade 2018 do 20 % do total subvencionable.

Artigo 26. Financiamento

1. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo ao concepto 13.03.741A.770.0 e proxecto 201600195 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 cunha dotación de 11.606.000 €, así como para o exercicio 2019, cunha dotación de 14.501.000 €, e 2020 cunha dotación de 3.000.000 €.

Estas axudas están financiadas polo Feader nun 75 %, pola Xunta de Galicia nun 17,5 % e polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 7,5 %.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2018 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.

Así mesmo, a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional única

A concesión e pagamento das axudas quedará condicionada, en todo caso, á aprobación pola Unión Europea da modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2014-2020, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o/a director/a xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO I
Investimentos non auxiliables

A. Actividades non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os investimentos referentes ás seguintes actividades:

1. As relativas á produción primaria de produtos agrícolas e gandeiros, así como as realizadas nunha explotación agraria necesarias para preparar un produto animal ou vexetal sen procesar para a súa primeira venda.

2. Investimentos relativos a actividades de venda polo miúdo. Porén, serán admisibles os investimentos en locais e equipamentos que formen parte de instalacións industriais de transformación de produtos agrarios destinadas á súa venda directa.

Tampouco serán subvencionables os investimentos de empresas que teñan como actividade principal a elaboración e/ou subministración de comida preparada para eventos, restauración colectiva ou consumidores finais.

3. Investimentos relativos a actividades de venda por xunto. Non terán esa consideración as actividades acreditadas que inclúan procesos de selección, clasificación, e/ou envasado de produtos agrarios.

4. No sector do leite de vaca e dos seus produtos derivados, os investimentos en novas instalacións dedicadas á recollida e refrixeración de leite, ou á elaboración e/ou envasado de leite UHT e esterilizado, salvo que procedan dun traslado que comporte o peche doutras instalacións existentes e con actividade o 1.1.2015 en Galicia dedicadas a esas actividades.

5. No sector da alimentación animal os investimentos en instalacións dedicadas á elaboración de produtos para animais de compañía e cría de peixes, así como en novas fábricas de pensos, salvo que se dediquen á elaboración de produtos ecolóxicos, ou que comporten o peche doutras instalacións existentes e con actividade en 1.1.2015 en Galicia dedicadas a esa actividade.

Independentemente do citado, no caso de fábricas ou liñas de elaboración de mesturas húmidas para alimentación de ruminantes, soamente serán subvencionables os investimentos desenvolvidos por cooperativas de produtores para os seus socios.

6. No sector cárnico os investimentos en novos matadoiros de gando porcino, bovino e polos, salvo que deriven do traslado doutro matadoiro existentes en 1.1.2015 en Galicia, que se dediquen á produción ecolóxica, ou que formen parte dun proxecto de elaboración de produtos cárnicos ou que promovan o desenvolvemento gandeiro dunha zona con deficiente servizo de sacrificio.

7. No sector vitivinícola os investimentos relativos aos produtos descritos na parte XII do anexo I do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.

8. Non se subvencionarán investimentos que incrementen a produción, sobrepasando restricións de produción ou limitacións respecto da axuda comunitaria a instalacións de transformación, impostas por unha organización común de mercado, réximes de axuda directa inclusive, financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

9. Non se subvencionarán proxectos de organizacións de produtores de froitas e hortalizas (OPFH) cando o investimento subvencionable non supere 50.000 €, xa que, nese caso, o proxecto é subvencionable a través dos programas operativos establecidos especificamente para este tipo de organizacións na OCM de froitas e hortalizas.

B. Conceptos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables:

1. Investimentos sen viabilidade técnica ou económica, así como desenvolvidos por empresas que carezan de capacidade financeira suficiente para a súa realización.

2. Investimentos relativos ao cumprimento de normas comunitarias.

3. Investimentos de simple reparación do inmobilizado da industria, así como de reposición ou mera substitución de equipamentos e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos aos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento. Non serán subvencionables os investimentos que substitúan outros subvencionados con anterioridade en que aínda non pasasen 5 anos desde a súa adquisición, aínda que estes supoñan unha mellora.

En todo caso, para determinar o importe admitido como subvencionable, restaráselle ao importe de adquisición do novo equipamento o importe de venda do equipamento substituído, de ser o caso.

4. Investimentos en maquinaria e equipamentos de tecnoloxía non contrastada, que non cumpra os requisitos legais, ou adquiridos a empresas que non teñan entre o seu obxecto social a súa fabricación ou venda.

5. Investimentos relativos á posta en marcha de proxectos subvencionados anteriormente ao abeiro desta liña de axudas.

6. Investimentos non relacionados directamente coas actividades (subvencionables) desenvolvidas polo solicitante.

7. Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades para desenvolver pola empresa a curto prazo. Nese caso admitirase como subvencionable o importe correspondente ao investimento coa capacidade ou dimensionamento axustado.

8. No caso de compra de terreos, o importe subvencionable admisible será inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.

9. A compra de locais ou edificios que vaian ser derrubados, que recibisen nos dez últimos anos algunha subvención pública, ou que formen parte de instalacións existentes con actividade. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reforma de locais que fosen subvencionados anteriormente por esta consellería en que aínda non pasasen 5 anos desde a súa finalización.

10. Obras de ornamentación e equipamentos de recreo (xardinaría, bar e semellantes).

11. Investimentos relacionados con medidas de seguridade tales como alarmas, sistemas antirroubo, barreiras de seguridade e similares.

12. Investimentos relativos á promoción e publicidade, como elaboración de vídeos, páxinas web, rotulación, proxectores, etc., salvo os indicados expresamente no punto C.IV deste anexo.

13. Mobiliario de oficina. Non teñen esa consideración as instalacións telefónicas fixas, fax e ordenadores incluídos os programas informáticos. Admítense a adquisición de equipamentos de laboratorio se son específicos, pero non o material funxible.

14. Compra de material normalmente amortizable nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e semellantes). Considérase que as tarimas, caixóns-tarima e caixas de campo teñen unha duración de vida superior a un ano e, polo tanto, son auxiliables, a condición de que se trate dunha primeira adquisición ou dunha adquisición suplementaria, proporcional a unha ampliación prevista, e de que non sexan vendidas coa mercadoría. Tampouco serán auxiliables outros investimentos que figuren na contabilidade como gastos.

15. Compra e instalacións de maquinaria e equipamentos de segunda man. Tampouco serán subvencionables os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou localización en que se vai realizar o proxecto.

16. Reparacións e obras de mantemento, incluso no caso de operacións feitas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as prestacións.

17. O imposto do valor engadido (IVE) e calquera outro imposto.

18. Os gastos de alugamento de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Porén, os investimentos en maquinaria e equipamentos financiados mediante leasing poden ser auxiliables se existe un compromiso de adquisición do ben ao termo do contrato de leasing e, en todo caso, dentro do prazo previsto para a execución do proxecto. Outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables.

Así mesmo, non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo.

19. Os investimentos realizados que non sexan propiedade do beneficiario da axuda. En particular non se considerarán subvencionables investimentos realizados para os que exista unha reserva de dominio ou cesión de uso a favor de terceiros, ou figuras xurídicas similares.

20. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia. Non obstante, os materiais adquiridos polo beneficiario para a execución de investimentos en obra civil e instalacións serán admisibles se se acredita documentalmente o cumprimento das seguintes condicións:

a) A súa adquisición e pagamento conforme os criterios xerais establecidos na orde.

b) O seu uso exclusivo para a execución dos referidos investimentos.

21. A compra e/ou carrozado de vehículos de transporte exterior.

22. No caso de proxectos en que o produto final non sexa do anexo I do Tratado, non serán subvencionables os investimentos vinculados á produción de biocarburante ou enerxía a partir de fontes renovables.

23. Investimentos en urbanización exterior aos edificios de fabricación, salvo que formen parte dun proxecto que inclúa aumento da superficie edificada. Nese caso, serán subvencionables en función da nova superficie construída e conforme os módulos establecidos. Tampouco serán subvencionables os investimentos realizados fóra do recinto da industria.

24. Os gastos correspondentes a facturas que non estean pagadas na súa totalidade na data máxima establecida na resolución de concesión para a xustificación dos gastos realizados. Non obstante, no caso de facturas de prestación de servizos en que figuren retencións de importes para o seu ingreso na administración tributaria, se o referido ingreso non está efectuado no prazo de xustificación sinalado na resolución de concesión, o importe restante da factura poderá ser considerado como admisible se cumpre o resto dos requisitos establecidos.

25. O importe dos investimentos e conceptos que superen os módulos máximos e limitacións establecidos no punto seguinte.

26. Os investimentos facturados por empresas que non teñen no seu obxecto social a realización desas actividades.

C. Conceptos con módulos e outras limitacións.

I. Urbanización.

Soamente se admitirán investimentos en peche da parcela, explanadas e firmes, coas seguintes limitacións en todo caso:

– En peches o perímetro máximo subvencionable será o equivalente (igual valor) ao dobre da superficie cuberta nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 30 €/ml, incluídos os elementos singulares.

– En explanadas e firmes a superficie máxima atendible será igual á superficie construída nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 25 €/m2, incluídos todos os elementos e conceptos.

II. Edificacións de nova construción e ampliación das existentes.

Aplicaranse módulos máximos de investimento subvencionable (€/m2 construído e atendible) aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil, excluídas instalacións, e incluídas as divisións interiores con todos os seus elementos, independentemente do material utilizado. Incluirá tamén os locais climatizados (ata 0ºC), pero non as instalacións e equipamentos de frío ou calor.

O importe dos módulos será:

1. Módulo A: 380 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con altos requirimentos sanitarios e de climatización de locais (industrias cárnicas, lácteas, do pan e derivados e instalacións de subprodutos). Aplicarase tamén ás industrias xa existentes que fagan edificacións para ampliación de zonas de fabricación e novas liñas con altos requirimentos sanitarios e de climatización (zonas de envasado de produtos, etc.).

2. Módulo B: 340 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con requirimentos medios (resto das agroindustrias) así como industrias xa existentes que fagan edificacións de ampliación de actividade con requirimentos sanitarios e de climatización medios.

3. Módulo C: 290 euros/m2 construído, aplicable a industrias xa existentes que fagan edificacións sinxelas destinadas ao almacenamento de materias primas, produtos finais, vehículos, etc., sen especiais requirimentos sanitarios nin de climatización.

Estes módulos poderán incrementarse ata 60 €/m2 no caso de edificacións que requiran, polos equipamentos utilizados, unha altura de alerón superior a 6 metros, ou, no caso de varias plantas, unha altura libre entre plantas superior a 6 metros. Este incremento será tamén aplicable no caso de edificacións localizadas en áreas de protección especial, onde sexa exixible o emprego de elementos construtivos que harmonicen e se integren co contorno.

O importe destes módulos aplicarase tamén como investimento máximo para subvencionar para a adquisición de edificacións incluído o seu acondicionamento ou reforma.

III. Acondicionamentos en edificacións existentes.

Aplicarase un módulo máximo de investimento subvencionable de 280€/m2 útil aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil.

IV. Outras limitacións aplicables a zonas e equipamentos específicos.

1. No caso de oficinas, aseos, vestiarios, comedores e outros locais e equipamentos para o persoal subvencionables, a superficie admisible avaliarase conforme o número de traballadores da empresa que os vaian utilizar.

2. No caso de áreas dedicadas a salas de conferencias, catas e outras relacionadas coa promoción e mellora da produción e comercialización das producións, a superficie máxima subvencionable será de 100 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.

3. No caso de superficies dedicadas especificamente dentro dunha industria, a exposición e venda polo miúdo dos produtos da empresa, a superficie máxima subvencionable será de 50 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.

V. Outros gastos.

Os gastos na adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos non poderán superar o 30 % do investimento subvencionable total admisible.

Os gastos en estudos de viabilidade técnica e económica serán admisibles sempre que o estudo se presente coa solicitude e estea asinado por profesional competente, sendo en todo caso o importe máximo admisible de 1.700 €. Non serán, non obstante, admisibles se se subvencionan os honorarios de proxecto e dirección de obra nun importe superior á contía sinalada.

Para os honorarios de proxecto e dirección de obra admitiranse como máximo subvencionable a suma de:

– 10 % do orzamento en obra civil.

– 5 % do orzamento en instalacións básicas e especiais.

– 1 % da maquinaria e equipamentos. Non se considerarán incluídos neste punto o carrozado de vehículos, o material e equipamento de laboratorios, e os equipamentos e material informático, incluído o software.

Previamente ao cálculo, aplicarase a cada grupo de partidas (partidas ao 10 %, 5 % e 1 %), os coeficientes correctores seguintes:

Investimento subvencionable considerado

Coeficiente

Correspondencia

Ata 150.000 €

1

150.000

Exceso de 150.000-300.000 €

0,8

120.000

Exceso de 300.000-600.000 €

0,4

120.000

Exceso de 600.000-3.000.000 €

0,2

480.000

Exceso de 3.000.000 €

0,1

Non se terán en conta a efectos do cálculo, os orzamentos en activos considerados non subvencionables. O resultado redondearase por defecto nas centenas. En todo caso, o proxecto e dirección de obra deben estar realizados por técnico competente.

ANEXO A3
Estudo técnico

Constará como mínimo de:

1. Proxecto, anteproxecto ou memoria técnica.

Incluirá unha memoria explicativa dos obxectivos do proxecto, cunha xustificación razoada dos investimentos que son necesarios acometer para conseguir eses fines.

A iso xuntarase unha relación desagregada e cuantificada dos investimentos en:

1.1. Urbanización: indicando dimensións, características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra.

1.2. Construcións: indicando dimensións e características (distribución de superficies e destino destas, xustificación do dimensionamento), medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra.

1.3. Instalacións: indicando dimensións e características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra, para cada tipo de instalación (auga, electricidade, vapor, depuración e tratamento de residuos, frío, etc.).

1.4. Maquinaria e equipamentos: indicando para cada liña de produción as características técnicas de cada elemento, así como o seu custo.

1.5. Estudos, proxecto, dirección de obra e adquisición de patentes e licenzas: características e custos.

Incluirá, así mesmo, un resumo do orzamento previsto por conceptos.

Nos capítulos de edificios e construcións, instalacións e maquinaria indicarase a súa localización mediante os planos que se consideren necesarios. O dimensionamento e uso dos locais e superficies construídas deben xustificarse.

2. Planos.

Polo menos os seguintes:

– Plano de situación e localización.

– Plano en que se especifiquen, se é o caso, as actuacións previstas en urbanización, delimitando con precisión as superficies de actuación.

– Plano xeral do conxunto de obras e instalacións básicas, antes e despois do investimento.

– Plano de distribución da maquinaria e outras instalacións, antes e despois do investimento.

– Planos acotados de seccións e alzados antes e despois do investimento.

3. Xustificación dos investimentos.

Para o investimento obxecto da axuda, xustificarase o custo previsto da seguinte forma:

– Urbanización, construcións e instalacións: factura pro forma ou orzamento da empresa construtora ou instaladora e desagregado por unidades de obra.

– Maquinaria, equipamentos e outros conceptos: ofertas ou facturas pro forma dos subministradores.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo. As ofertas solicitadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

– Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público, nin co solicitante.

– Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, e así se xustifique, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe de taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos nunha solicitude de axuda nos que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

En todo caso o solicitante presentará todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que vai realizar, xunto cun cadro resumo asinado e que figura como anexo A5, no cal se indicará para cada elemento as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se é o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa.

ANEXO A4
Estudo económico

Constará, como mínimo, de:

1. Situación actual.

Descrición resumida de actividades desenvolvidas.

Indicar o tipo de empresa (Micro/Pequena/Mediana/Non peme) tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003) e no artigo 2 desta orde. Conforme iso, para a súa determinación terase en conta a súa facturación, balance (no caso de sociedades) e número de empregados, calculados, sen prexuízo do sinalado na Recomendación 2003/361/CE, da seguinte forma:

* Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

* Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial ás cales se sumarán, se é o caso:

– Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

– A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

Se a empresa é de nova constitución, os datos que se van considerar serán os previsionais.

En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, debe indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de empregados desas empresas. Deberá xuntarse, ademais, a fotocopia das contas desas empresas presentadas no Rexistro Mercantil correspondentes ao último ano, salvo no caso de que o solicitante se declare non peme.

– No caso de sociedades diferentes a SAT ou cooperativas de produtores, participadas maioritariamente (máis do 50 %) por produtores agrarios galegos que sexan titulares de explotacións agrarias con ingresos anuais derivados delas de, polo menos, 6.000 €, deberase presentar a xustificación da inscrición das explotacións no Reaga, así como a fotocopia das súas declaracións da renda do último ano. Neste caso, débese, ademais, indicar a relación de todos os socios da empresa coas súas porcentaxes de participación.

– Produción: descrición do proceso. Capacidade de produción (referirase á capacidade inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias, de ser o caso). Instalacións e tecnoloxía dispoñible. Produtos vendidos: debe incluírse unha relación pormenorizada destes indicando tipos, cantidades e prezos de venda.

Se a actividade desenvolvida nas instalacións corresponde á transformación e/ou envasado de produtos agrarios con procedencia maioritaria (máis do 50 %) acreditada de explotacións agrarias localizadas en Galicia, encadrada na epígrafe «k) Outros sectores diferentes aos indicados anteriormente» da listaxe de actividades prioritarias incluídas no anexo III desta orde, xuntarse a referida acreditación.

No caso de facturar produtos amparados por unha denominación de calidade recoñecida, indicar tipos, cantidades e prezos de venda. Debe xuntarse, ademais, certificado do consello regulador correspondente sobre a produción amparado no último ano.

No caso de facturar produtos amparados pola Marca de Garantía de Leite «Galega 100 %» indicar tipos, cantidades e prezos de venda. Debe xuntarse, ademais, fotocopia do contrato de licenza de uso así como acreditación do importe facturado no último ano en produtos amparados nesa marca.

– Comercialización: indicar para cada tipo de produto os seus destinos e os principais canais de comercialización.

– Materias primas utilizadas: debe incluírse unha relación pormenorizada destas indicando tipos, cantidades e prezos de compra. Esta relación debe incluír, especificamente, de ser o caso, as materias primas non agrarias utilizadas.

– No caso de materia prima propia ou dos socios da empresa ou cooperativa, indicar cantidades e porcentaxe sobre o total de materias primas utilizadas. Ademais, no caso de que o solicitante sexa unha persoa física, deberá presentar a xustificación da inscrición da súa explotación no Reaga.

– Outros consumos do proceso produtivo, indicando os prezos de compra.

– Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais e o período de ocupación (días/ano). Custo total.

– Outros gastos de explotación: servizos, gastos financeiros, amortizacións, subministracións...).

Xuntar balance e contas de resultados dos tres últimos anos. No caso de persoas físicas declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

2. Situación tras o investimento.

– Indicar en que medida o investimento afectará a capacidade de produción, tecnoloxía utilizada, producións, materias primas utilizadas, relación con produtores, comercialización, persoal contratado. Realizarase unha análise comparativa tendo en conta a situación inicial presentada no punto 1 e a incidencia dos investimentos sobre as materias primas utilizadas e os produtos transformados/comercializados.

– No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe indicarse expresamente e presentar certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

– No caso de proxectos procedentes de iniciativas de cooperación e desenvolvemento local apoiadas a través do artigo 35 do Regulamento UE 1305/2013, debe indicarse expresamente e presentar certificado acreditativo da unidade xestora correspondente.

– No caso de novas industrias, indicar expresamente as previsións a curto prazo nas relacións cos produtores galegos (materias primas agrarias de procedencia galega, contratos escritos ou homologados previstos).

– No caso de novos produtos, xustificar ou explicar a súa viabilidade comercial derivada das demandas do mercado.

– Contas de explotación previsionais para os tres exercicios consecutivos desde o remate dos investimentos. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

• Vendas: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

• Custos: compras de materias primas.

• Gastos variables: persoal, subministracións e servizos, portes, etc.

– Previsión de balances (en sociedades) e contas de resultados para os vindeiros tres anos.

3. Financiamento dos investimentos.

Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos, indicando a repartición dos distintos préstamos subscritos ou que se pretendan subscribir cos seus respectivos tipos de xuro e prazos en anos. Outras fontes de financiamento.

No caso de novas actividades, capital circulante necesario: existencias de insumos, produtos en curso e produtos finais. Caixa e bancos. Provedores e clientes. Fondo de manobra.

ANEXO II
Criterios de valoración

Criterios de valoración

Puntuación

Parcial

Máxima

1. Actividade prioritaria

1.1. A actividade do solicitante encádrase nalgunha das indicadas coa prioridade 1 no anexo III desta orde

20

20

1.2. A actividade do solicitante encádrase nalgunha das indicadas coa prioridade 2 no anexo III desta orde

12

1.3. A actividade do solicitante encádrase nalgunha das indicadas coa prioridade 3 no anexo III desta orde

6

2. Beneficio a produtores

2.1. O solicitante é unha cooperativa agraria galega ou unha sociedade participada maioritariamente (máis do 50 %) por cooperativas agrarias galegas

20

20

2.2. O solicitante é unha Sociedade Agraria de Transformación (SAT) galega ou unha sociedade participada maioritariamente (máis do 50 %) por SAT galegas

11

2.3. O solicitante é un produtor agrario galego ou sociedade participada maioritariamente (máis do 50 %) por produtores agrarios galegos, das materias primas que utiliza a industria transformadora/comercializadora obxecto da solicitude de axuda presentada. Para estes efectos, considerarase produtor agrario galego á persoa física ou xurídica titular dunha explotación agraria que obteña ingresos anuais derivados da súa actividade nela de, polo menos, 6.000 euros

3. Zonas de montaña despoboadas

3.1. Investimentos localizados en concellos de montaña conforme o anexo da Directiva 86/466/CEE relativa á lista comunitaria de zonas agrícolas desfavorecidas conforme a Directiva 75/268/CEE (España)

16

16

3.2. Investimentos localizados en concellos non de montaña cunha densidade de poboación (2014) inferior a 200 habitantes/km2

11

4. Produtos de calidade (*)

4.1. O solicitante facturou no último ano produtos amparados pola denominación Agricultura Ecolóxica de Galicia por un importe superior a 100.000 euros ou ao 20 % da súa facturación total

10

10

4.2. O solicitante facturou no último ano produtos incluídos nalgún réxime de calidade recoñecido por norma comunitaria por un importe superior a 100.000 euros ou ao 20 % da súa facturación total

6

4.3. O solicitante facturou no último ano produtos amparados pola Marca de Garantía de Leite «Galega 100 %» por un importe superior a 5.000.000 euros ou ao 20 % da súa facturación total

4

5. Proxectos innovadores ou procedentes de iniciativas de cooperación ou desenvolvemento local

5.1. Proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación

4

4

5.2. Proxectos procedentes de iniciativas de cooperación e desenvolvemento local apoiadas a través do artigo 35 do Regulamento UE 1305/2013

4

Total:

70

(*) Nesta epígrafe, no caso de puntuar en máis dunha das tres subepígrafes establecidas, soamante se terá en consideración a subepígrafe de maior puntuación.

ANEXO III
Actividades prioritarias

Sector de actividade

Actividade

Prioridade

A ) Lácteo

Transformación e/ou comercialización de leite ou de produtos procedentes do leite

Elaboración e/ou envasado de leite ou soro en po

1

Elaboración e envasado conxunto de leite condensado ou concentrado

1

Elaboración de queixo

1

Elaboración e envasado conxunto de leite pasterizado

1

Elaboración doutros produtos derivados do leite

1

Manipulación, concentrado e/ou conservación de soro lácteo líquido

2

Elaboración de leite concentrado

3

Elaboración e envasado conxunto de leite UHT ou esterilizado, incluso enriquecido

3

B) Cárnico

Transformación e/ou comercialización de carne ou de produtos derivados da carne

Sacrificio de gando

2

Despezamento de canais

2

Elaboración de produtos cárnicos (frescos, salgados, curados, cocidos, conservas...)

2

Tratamento de subprodutos cárnicos (tripas, sangue, graxas...)

2

C) Alimentación animal

Fabricación e/ou comercialización de produtos de alimentación animal

Fabricación de produtos para alimentación animal

3

D) Pataca

Manipulación, transformación e/ou comercialización de patacas

Transformación de pataca

1

Manipulación e/ou envasado de pataca

3

E) Ovos

Manipulación, transformación e/ou comercialización de ovos

Elaboración de ovoprodutos

1

Selección, clasificación, e/ou envasado de ovos frescos

2

F) Castañas

Manipulación, transformación e/ou comercialización de castañas

Transformación de castañas

1

Manipulación e/ou envasado de castañas

2

G) Cogomelos

Manipulación, transformación e/ou comercialización de cogomelos

Transformación de cogomelos

1

Manipulación e/ou envasado de cogomelos

2

H) Mel

Elaboración e/ou comercialización de mel

Elaboración e envasado conxunto de mel

1

I) Sidra

Elaboración e/ou comercialización de sidra

Elaboración e/ou envasado de sidra

1

J) Outros sectores diferentes aos indicados anteriormente

Transformación de produtos agrarios con procedencia maioritaria (máis do 50 %) acreditada de explotacións agrarias localizadas en Galicia

1

Selección, clasificación e/ou envasado de produtos agrarios con procedencia maioritaria (máis do 50 %) acreditada de explotacións agrarias localizadas en Galicia

2

* Sector: un proxecto considerarase incluído nalgún dos sectores indicados (salvo no J) cando máis do 50 % das materias primas agrarias que procesa corresponden ás propias dese sector.

** Actividade: considérase a relativa aos investimentos (maioría dos investimentos), ou ben a realizada maioritariamente nas instalacións onde se realizan os investimentos, a máis favorable das dúas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file