Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2018 Páx. 2686

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (2670/2017).

RSU recurso de suplicación 2670/2017GA.

Procedemento orixe: Seguridade Social 529/2014.

Sobre: incapacidade permanente.

Recorrente: Mutua Galega de Accidentes de Traballo.

Avogado/a: Pablo Torrado Oubiña.

Recorridos: Instituto Nacional da Seguridade Social, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Fogasa, Sumtec, S.L., Francisco Jesús Viqueira Paz, administración concursal Sumtec (Jaime Fernández-Obanza).

Avogado/a: letrado da Seguridade Social, letrado da Tesouraría da Seguridade Social, letrado de Fogasa, Víctor Andrés García Dopico.

Emilio Fernández de Mata

Pilar Yebra Pimentel Vilar

Raquel Naveiro Santos

A Coruña, 11 de decembro de 2017.

Tras ver e deliberado as presentes actuacións, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza, de acordo co prevido no artigo 117.1 da Constitución española, en nome do rei e pola autoridade que lle confire o pobo español ditou a seguinte

Sentenza:

No recurso suplicación 2670/2017, formalizado polo letrado Pablo Torrado Oubiña, en nome e representación da Mutua Galega de Accidentes de Traballo, contra a sentenza número 175/2017 ditada polo Xulgado do Social número 4 da Coruña no procedemento Seguridade Social 529/2014, seguidos por instancia da Mutua Galega de Accidentes de Traballo fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Fogasa, a empresa Sumtec, S.L., Francisco Jesús Viqueira Paz, e a administración concursal Sumtec (Jaime Fernández-Obanza), sendo maxistrada-relator Pilar Yebra-Pimentel Vilar.

Das actuacións dedúcense os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Mutua Galega de Accidentes de Traballo presentou demanda contra o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Fogasa, a empresa Sumtec, S.L., Francisco Jesús Viqueira Paz, e a administración concursal Sumtec (Jaime Fernández-Obanza), sendo alternada para o seu coñecemento e axuizamento ao sinalado xulgado do social, o cal, ditou a sentenza de data vinte e oito de marzo de dous mil dezasete.

Segundo. Na sentenza impugnada en suplicación consignáronse os seguintes feitos expresamente declarados probados: «Primeiro: Francisco Jesús Viqueira Paz, nacido o 29 de outubro de 1979, afiliado á Seguridade Social no réxime xeral co número 15/10238688/01, mentres prestaba servizos como técnico de mantemento para a empresa Sumtec, S.L., a cal tiña aseguradas as prestacións derivadas de continxencias profesionais coa Mutua Galega, sufriu accidente de traballo o 3 de maio de 2012, cando se encontraba realizando labores de mantemento dunha cabina, subido nunha escaleira, ao sentir unha dor no xeonllo, sendo dado de baixa por IT o 25 de maio de 2012. / Segundo: por resolución do INSS con data de rexistro de saída do 3 de outubro de 2012 determínase como derivada de accidente de traballo o proceso de IT iniciado polo traballador o 25 de maio de 2013. / Terceiro: o traballador, tras senllas altas, foi dado de baixa novamente o día 26 de febreiro. de 2013 e o 25 de novembro de 2013. / Cuarto: por resolución do INSS con data de rexistro de saída do 21 de xaneiro de 2014, logo de ditame proposta do EVI do 29 de novembro de 2013, o traballador é declarado en situación de incapacidade permanente total para a súa profesión habitual, segundo expediente administrativo cuxo contido se dá por integramente reproducido. / Quinto: fronte á anterior foi interposta reclamación previa a cal foi desestimada por resolución con data de rexistro de saída do 13 de marzo de 2014. / Sexto: a data do seu exame polos servizos médicos do EVI (informe do 26 de novembro de 2013) o traballador presenta o seguinte cadro clínico: meniscectomía xeonllo esquerda por rotura meniscal en decembro 12 e reintervención para retirada de remanente meniscal en febreiro 13. / Séptimo: por resolución do INSS con data de rexistro de saída do 30 de maio de 2014 declárase a extinción da pensión de incapacidade permanente que viña percibindo o traballador. / Oitavo: o traballador sofre nova baixa por IT por causa de enfermidade común do 29 de xullo de 2014 ao 28 de xullo de 2015, declarándose a prórroga expresa da situación de IT por recaída».

Terceiro. Na sentenza impugnada en suplicación emitiuse o seguinte decido ou parte dispositiva: «Desestímase a demanda interposta pola Mutua Galega fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Francisco Jesús Viqueira Paz, o seu administrador concursal, con intervención do Fondo de Garantía Salarial, non habendo lugar a realizar a declaración pretendida pola demandante».

Cuarto. Fronte á devandita sentenza anunciouse recurso de suplicación pola Mutua Galega de Accidentes de Traballo formalizándoo posteriormente. Tal recurso foi obxecto de impugnación pola contraparte.

Quinto. Elevados polo Xulgado do Social número 4 da Coruña de referencia os autos principais, a esta sala do social, estes tiveron entrada nesta sala do social do Tribunal Superior de Xustiza en data 19 de xuño de 2017.

Sexto. Admitido a trámite o recurso sinalouse o día once de decembro de dous mil dezasete para os actos de votación e parte dispositiva.

Á vista dos anteriores antecedentes de feito, formúlanse por esta sección de sala os seguintes,

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Fronte á sentenza de instancia que desestimando a demanda interposta pola Mutua Galega contra o INSS, a TXSS, Francisco Jesús Viqueira Paz, a empresa Sumtec, o seu administrador concursal, con intervención do fondo de garantía salarial e confirmo a resolución do INSS, non habendo lugar a realizar a declaración pretendida pola demandante.

Álzase en suplicación a representación procesual da Mutua Galega, interpoñendo recurso sobre a base de dous motivos, correctamente amparados nas alíneas b) e c) do artigo 193 da LRXS, pretendendo no primeiro a revisión fáctica e denunciando no segundo infraccións xurídicas.

Segundo. A mutua recorrente no primeiro motivo do recurso, correctamente amparado na alínea b) do artigo 193 da LRXS pretende a revisión fáctica e en concreto pretende a modificación do HDP 6 e que se substitúa por outro co seguinte texto: «A data do seu exame polos servizos médicos do EVI (informe de data 4 de outubro de 2013) o traballador presentaba como diagnóstico menisectomía xeonllo esquerdo por rotura meniscal en decembro 12 e reintervención para retirada de remanente meniscal en febreiro 13; e como resultado da exploración marcha autónoma con lixeiro déficit esquerdo con hipotonía a nivel da musculatura da coxa esquerda, estabilidade ligamentosa conservada, non se observa tumefacción en partes brandas, tampouco signos de inflamación e/ou derramo articular a nivel do xeonllo esquerdo; e establecéndose como limitacións orgánicas e funcionais para traballos de moi exixentes requirimentos do xeonllo esquerdo: correr, saltar, deportes de competición, deambulación moi prolongada por terreos irregulares e como xuízo clínico laboral non se obxectiva menoscabo funcional significativo para o seu traballo habitual».

As pretensións fácticas que formula non se admiten, dadas as facultades que o artigo 193 da LRXS, atribúe ao xuíz respecto da apreciación das probas, en cuxo exercicio configurou feitos impugnados de acordo coas probanzas aducidas en autos, acorde cos padecementos que se declaran probados. E en concreto a modificación do HDP 6, a sala estima que non é posible substituír a valoración obxectiva e imparcial do xulgador de instancia pola subxectiva e interesada da parte recorrente salvo que se acredite erro na valoración da proba polos medios hábiles, o cal non acontece no suposto de autos.

Terceiro. A mutua recorrente en sede xurídica, e con amparo na alínea c) do artigo 193 da LRXS denuncia infraccións xurídicas, concretamente denuncia infracción por aplicación indebida dos artigos 193 e 194.1.b) da LXSS, alegando en esencia que non consta acreditado que o demandante non poida realizar as actividades fundamentais da súa profesión. E ao non o ter entendido así o maxistrado de instancia, é polo que considera que este incorreu na infracción xurídica denunciada, polo que solicita a estimación íntegra do recurso de suplicación.

Pois ben, respecto diso cabe dicir que, se o artigo 194.1.b) da Lei xeral da seguridade social, establece que se entenderá por incapacidade permanente total a que inhabilite o traballador para a realización de todas ou as máis importantes tarefas da devandita profesión, sempre que poida dedicarse a outra distinta. Se de acordo co artigo 193 da LXSS, a invalidez permanente configurada na acción protectora da Seguridade Social é de tipo profesional e por iso, para a súa debida cualificación hai que partir das lesións que presenta o beneficiario e poñelas en relación coa súa actividade laboral para comprobar as dificultades que provocan na execución das tarefas específicas da profesión que viñer exercendo (sentenza TS 23.11.2000), e só procederá declarar a invalidez permanente total cando as secuelas lle inhabiliten para desenvolver todas ou as fundamentais tarefas da súa profesión habitual cun mínimo de capacidade ou eficacia (sentenza TS de 22.9.88) e con rendemento económico aproveitable (sentenza TS de 17.2.88) e sen que se trate da mera posibilidade do exercicio esporádico dunha determinada tarefa, senón da súa realización conforme as exixencias mínimas de continuidade, dedicación e eficacia (sentenzas TS de 27.2.1989 e 14.2.1989). E se ademais, segundo reitera a doutrina xurisprudencial, para valorar o grao de invalidez máis que atender ás lesións hai que atender ás limitacións que estas representen en orde ao desenvolvemento da actividade laboral (STS 29.9.87), debendo de realizarse a valoración das capacidades residuais atendendo ás limitacións funcionais derivadas dos padecementos sufridos (STS 6.11.87), sen que sexa exixible un verdadeiro afán de sacrificio por parte do traballador e un grao intenso de tolerancia polo empresario (STS 21.1.88).

No caso, axuizado, da documentación achegada en concreto informe do médico de avaliación de incapacidade laboral, resulta que Francisco Viqueira Paz, sufría ao tempo de ser declarado en IP total as seguintes lesións: menisectomía xeonllo esquerda por rotura meniscal en decembro 12, e reintervención para retirada de remanente meniscal en febreiro 13; e parece claro que tales padecementos impedían ao traballador prestar servizos como operario de mantemento para a empresa Sumtec pois as limitacións derivadas deste supoñían que non podía realizar tarefas de moderada sobrecarga de xeonllo esquerdo, e por iso estaba imposibilitado para o desempeño da devandita actividade laboral; e respecto da alegación da mutua relativa ao pouco tempo transcorrido entre a declaración de IP total do 21 de xaneiro de 2014, e a resolución pola que se acorda a extinción da IPT por resolución do INSS do 30 de maio de 2014, a sala estima, ao igual que apreciou o xulgador de instancia na sentenza, que esta non é admisible, por canto que o ditame proposta do EVI sinala a posibilidade de revisión en xaneiro de 2014, ou sexa que xa a entidade xestora prevía a curta duración daquela, e a devandita situación de IP total é conforme cos informes da sanidade pública nos cales se aprecia que o traballador sofre dor, todo o cal nos obriga, como non pode ser doutra forma a chegar á mesma conclusión que recolle a resolución impugnada, e neste sentido, a coincidencia leva consigo aparellada a desestimación do recurso e, a confirmación da sentenza impugnada, en consecuencia

Decidimos:

Que desestimando o recurso de suplicación interposto pola representación legal da Mutua Galega de Accidentes de Traballo contra a sentenza de data vinte e oito de marzo de dous mil dezasete, ditada polo Xulgado do Social número 4 dos da Coruña, en autos número 529/2014 promovidos pola Mutua Galega contra o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Franciso Jesús Viqueira Paz, a empresa Sumtec, o seu administrador concursal e Fondo de Garantía Salarial sobre incapacidade permanente derivada de accidente de traballo, debemos confirmar e confirmamos a sentenza de instancia, condenando a Mutua Galega a aboar a cantidade de 550 euros en concepto de honorarios do letrado da parte impugnante do recurso.

Incorpórese o orixinal desta sentenza, pola súa orde, ao libro de sentenzas desta Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza.

Modo de impugnación. Faise saber ás partes que contra esta sentenza cabe interpoñer recurso de casación para unificación de doutrina que ha de prepararse mediante escrito presentado ante esta sala dentro do improrrogable prazo de dez días hábiles inmediatos seguintes á data de notificación da sentenza. Se o recorrente non tivese a condición de traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social deberá efectuar:

– O depósito de 600 € na conta de 16 díxitos desta sala, aberta no Banco de Santander (Banesto) co número 1552 0000 37 seguida de catro díxitos correspondentes ao número do recurso e dous díxitos do ano deste.

– Así mesmo, se hai cantidade de condena deberá consignala na mesma conta, pero co código 80 en vez do 37 ou ben presentar aval bancario solidario en forma.

– Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria desde unha conta aberta en calquera entidade bancaria distinta, haberá que emitila á conta de vinte díxitos 0049 3569 92 0005001274 e facer constar no campo observacións ou concepto da transferencia os 16 díxitos que corresponden ao procedemento (1552 0000 80 ou 37 **** ++).

Así, por esta nosa sentenza, pronunciámolo, mandamos e asinamos

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza no día da súa data, polo maxistrado-relator que subscribe, na Sala de Audiencia deste tribunal. Dou fe.