Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2018 Páx. 3233

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2018 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque e das lonxas, que melloren as condicións de traballo e a seguridade das persoas, tramitadas como expediente anticipado de gasto.

O Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, define as modalidades e as condicións da intervención comunitaria no sector pesqueiro.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, recolle no artigo 6 que o FEMP contribuirá á prioridade 1 da UE, relativa a fomentar una pesca sustentable desde o punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento.

Mediante a Decisión de execución da Comisión, do 13 de novembro de 2015, aprobouse o Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o período 2014-2020, incluíndo as medidas que se deberán desenvolver para a consecución dos obxectivos do FEMP en España.

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da ordenación do sector pesqueiro galego, a comercialización, manipulación, transformación e conservación dos produtos pesqueiros, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

A mellora da competitividade dos portos pesqueiros asegurarase aplicando as medidas do artigo 43.1 do Regulamento nº 508/2014, que promoverán a mellora da eficacia, seguridade e rastrexabilidade nos portos.

Galicia conta cun amplo número de portos pesqueiros e ancoradoiros distribuídos ao longo do seu litoral que conforman un sistema portuario pesqueiro, diverso e complexo, que presta servizo a unha frota heteroxénea en tamaño e actividades e a un amplo grupo de usuarios plural tanto nas súas actividades coma nos seus intereses, e que se insire no territorio espacial y socialmente.

Por outra banda, Galicia reúne o 58 % da frota española de pesca costeira artesanal e, consonte o establecido no número 4.2 do Programa operativo de España para o FEMP, o Programa de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia, incide sobre o Plan de acción de desenvolvemento, competitividade e sustentabilidade da pesca costeira artesanal.

Os portos debe permitir a realización, con criterios de ergonomía e seguridade, das actividades precisas para as operacións de pesca e para a primeira venda dos produtos pesqueiros. Así, o Programa de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia inclúe intervencións precisas para dotar ou mellorar as instalacións que prestan servizos ás embarcacións, pescadores/as e mariscadores/as, co fin de mellorar as condicións de traballo e garantir as necesarias condicións de seguridade das persoas e os buques, garantindo a calidade sanitaria e organoléptica co obxectivo de avanzar no logro dunha actividade pesqueira máis sustentable.

Os proxectos subvencionados nesta orde financiarán as organizacións colectivas (confrarías de pescadores) para desenvolver medidas de interese colectivo que contribúan á consecución da prioridade 1, ao logro do obxectivo específico 1.d) de fomento da competitividade e viabilidade das empresas do sector da pesca, con inclusión da pesca costeira artesanal, e de mellora das condicións de seguridade e traballo.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados como non produtivos ao focalizarse en mellorar as condicións de traballo e seguridade das persoas e non xerar un valor económico para as entidades asociativas do sector. Pola súa natureza, non procede exixir que as actuacións teñan carácter innovador.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro), sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o dito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2018 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que modernicen as infraestruturas nos portos pesqueiros, lugares de desembarque e lonxas, para mellorar as condicións de traballo e a seguridade das persoas.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 2015/288 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 relativo ao FEMP, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade de solicitudes.

f) Regulamento delegado (UE) nº 2015/2252 da Comisión, do 30 de setembro de 2015, polo que se refire ao período de inadmisibilidade das solicitudes de axuda do FEMP.

g) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no relativo ao contido e á construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

h) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

i) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

j) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

k) Programa operativo para España do FEMP aprobado por decisión de execución da Comisión de 13.11.2015 C(2015) 8118 final.

l) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

m) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

o) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

p) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

q) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

r) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

s) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

t) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse no ano 2018 con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.514A.781.0, código de proxecto 2016 00257, na cal existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001; a concesión das subvencións quedará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. O importe máximo das subvencións que se concedan será de oitocentos cincuenta e tres mil catrocentos cincuenta e tres euros (853.453 €).

3. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario/a aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se encontren nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter incumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non se lles concederán axudas ás empresas en crise de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crises.

Artigo 5. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar a entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, EURATOM) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

g) Manter os investimentos obxecto de subvención durante cinco anos, polo menos, ou tres anos no caso de pemes, posteriores á súa realización, de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

h) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e á súa porcentaxe de financiamento, de conformidade co número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, co capítulo II e anexo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

i) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

j) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e á avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

k) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberanse manter á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto. Neste caso deberase comunicar coa antelación suficiente.

Os documentos conservaranse en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais ou en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

l) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, os proxectos colectivos que teñan por obxecto modernizar as infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque ou das lonxas, para mellorar a seguridade e as condicións de traballo, e que se densenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Serán subvencionables os seguintes investimentos en equipamentos destinados á operatividade dos portos pesqueiros relacionados coa descarga da pesca e movemento de cargas dentro do porto: guindastres de descarga, carretillas elevadoras e similares, transpaletas e empilladores.

2. Requisitos das actividades:

a) Delimitación das actuacións do proxecto ao ámbito pesqueiro.

b) Os investimentos deberanse efectuar en portos pesqueiros de titularidade pública, lugares de desembarco e lonxas ou centros de venda autorizados, situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) O proxectos deberá identificar como contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios aos pescadores que empregan o porto.

d) No caso de proxectos promovidos por importe superior a 250.000 € deberase presentar un plan de negocio.

3. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

4. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderanse conceder subvencións para a adquisición de equipamento e material necesario para a execución do proxecto referido no artigo anterior.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axusten aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraian ao longo da duración da acción.

b) Que os pagase a persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do investimento.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables. En particular, que consten na contabilidade do/da beneficiario/a e se inscriban de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados.

3. Os investimentos e gastos subvencionables para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización de investimentos inmateriais con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o/a beneficiario/a deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. O/a beneficiario/a poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, agás o requisito establecido no número 3.b) do citado artigo 27, cando o contrato se subscribise con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Consideraranse gastos non subvencionables:

a) As compras de materias e equipamentos usados.

b) Alugamentos.

c) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios as que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, paragrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

i) A modernización ou o acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento.

j) Os custos de persoal e os custos indirectos.

k) Equipos que sexan obrigatorios no momento da solicitude, de acordo coa normativa nacional e europea.

l) O impostos, taxas ou calquera outro gasto financeiro non relacionado coa execución material do proxecto.

m) Os pagamentos en metálico.

n) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde, así como co indicado no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A comisión de avaliación prevista no artigo 17 decidirá a aplicación do incremento de intensidade da axuda pública.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2018 o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os/as interesados/as poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3 De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 20.2 desta orde.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se encontran en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucradas na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumpridos as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as solicitudes solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Que os investimentos non fosen iniciados.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o/a interesado/a non poderá modificar a súa petición de axudas aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda. Non se considera aumento de importe total do investimento as diferenzas ou erros materiais que se puidesen ter dado ao transcribir nos anexos os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase a disposición que recolle a competencia.

b) Proxecto que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 18 e 19 desta orde de bases reguladoras. A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

b.1) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos. Descrición dos resultados que se van obter coa implementación do proxecto. Identificar como o proxecto contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios aos pescadores que empregan o porto.

b.2) Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto. Número de socios da entidade. Historial produtivo e económico nos últimos cinco anos.

b.3) Descrición das accións que se pretenden acometer e documentación técnica dos equipamentos. Localización das accións previstas.

b.4) Explicar quen se beneficiará do proxecto, é dicir, o/os grupo/s obxectivo/s dos membros da entidade que se verán beneficiados dos resultados dos investimentos. Explicar o interese colectivo das accións do proxecto.

b.5) Calendario de realización das accións previstas.

b.6) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no cal o IVE deberá vir separado.

b.7) Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

Deberase utilizar como modelo o anexo A que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

c) Estudo económico-financeiro externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

d) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipamentos ou sistemas que os integran.

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

e) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, de ser o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarios para levar a cabo os investimentos previstos.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o/a solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos/ás interesados/as para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 14, resulta que o/a solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluídas a viabilidade técnica e económica do proxecto.

A viabilidade analízase en función das garantías ofrecidas en canto á solvencia técnica e á adecuación dos medios aos fins previstos, e a viabilidade económica incluirá a análise de se a empresa dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas e polo tanto, non se procederá á súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos dous artigos seguintes. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación será designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e estará formada por catro membros:

a) Presidente/a, que será unha persoa da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

5. No caso de presentarse varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a comisión de avaliación poderá establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Artigo 18. Criterio de selección xeral

1. Comprobarase inicialmente o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no Programa operativo para España do FEMP. Para isto, valoraranse os seguintes indicadores, clasificando os proxectos, en función do grao de axuste ao programa operativo, en alto, medio, baixo ou excluído:

a) Indicador de valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.d) previsto para as medidas recollidas no número 3.3. do PO «medidas pertinentes e indicadores de produtividade» (artigo 43.1-puntuación ata 6 puntos: DAFO 2 puntos; estratexia 2 puntos; medidas pertinentes 2 puntos).

b) Indicador de valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado (puntuación ata 10 puntos).

c) Indicador de valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos ou indicadores de resultado, así como noutros plans estratéxicos (puntuación ata 10 puntos).

2. Ponderación da valoración conxunta: os indicadores a) b) e c) terán, respectivamente, o 50 %, 25 % e 25 % do peso total da valoración; os proxectos cualificaranse en función da % obtida da puntuación máxima posible en: alto: ≥75 % – medio: ≥25 % e <75 % – baixo: ≥10 % e <25 %.

Os proxectos que non alcancen o 10 % da dita puntuación máxima posible quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas e, polo tanto non se procederá á súa valoración específica.

2. Fórmulas para o cálculo dos indicadores:

Indicador a)

Va = (Poa x Pmax/Pmax a) x 2

Indicador b)

Vb = (Pob x Pmax/Pmax b)

Indicador c)

Vc = (Poc x Pmax/Pmax c)

Onde:

Va, b, c é o valor do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Poa, b, c é a puntuación obtida da operación subvencionable do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Pmax a, b, c é a puntuación máxima do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Pmax é a puntuación maior entre Pmax a, Pmax b ou Pmax c.

No caso do indicador a), multiplícase por 2 para ter en conta a ponderación deste indicador ao 50 %.

Artigo 19. Criterios de selección específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a comisión valorará os proxectos segundo criterios de selección específicos relativos á viabilidade técnica do proxecto e que servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes:

a) Calidade, detalle e coherencia da memoria: ata 5 puntos.

b) Traxectoria da entidade: ata 4 puntos.

c) Concreción de obxectivos: ata 4 puntos.

d) Capacidade xerencial: ata 2 puntos.

2. A comisión de avaliación poderá:

a) Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Establecer á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, independentemente do importe solicitado.

c) Limitar a contía dos gastos elixibles que se considere que non están xustificados debidamente no proxecto, en canto ao seu número e á súa valoración económica.

Artigo 20. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da comisión de avaliación formularalle ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os/as beneficiarios/as, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que a suma dos investimentos subvencionados nos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

2. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para ser seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3 desta orde, emitirase unha nova proposta na que se terán en conta as solicitudes da lista de reserva.

Artigo 21. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola cal se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 22. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os/as interesados/as deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo II. De non o facer, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios/as na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.

Artigo 23. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde, porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición, ante a Conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpor directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento inicialmente aprobado.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. No suposto de que o/a beneficiario/a considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido.

5. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 25. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos correspondentes deberanse executar e xustificar antes do 1 de novembro de cada anualidade.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados.

No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas orixinais, ou copias debidamente compulsadas, correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda. De ser o caso, os xustificantes orixinais serán marcados cun carimbo da consellería e indicarase a subvención ou convocatoria para cuxa xustificación foron presentados.

a.4) Certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados, que xustifiquen a efectiva realización dos gastos e, se é o caso, importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) De ser o caso, documentos de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o/a beneficiario/a presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario/a, conforme o anexo III.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

Artigo 26. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao/á beneficiario/a e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que a considerada como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento for inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, este minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducida, sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

Cando o importe do investimento xustificado sexa inferior en máis do 50 % ao seu importe subvencionado, entenderase incumprida a súa finalidade e procederase ao reintegro das cantidades que se aboasen, ou perderase o dereito ao cobramento da subvención, de ser o caso.

3. Poderanse presentar xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

4. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos/as interesados/as, poderase autorizar un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28.

Artigo 28. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo co artigo 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe dos cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 29. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de incumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se vai reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.h) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 5.2.i), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o dito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 30. Infraccións e sancións

As actuacións das beneficiarias en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 33. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 34. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Resolución das axudas

Delégase na directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Disposición adicional terceira. Comisión de avaliación

A creación da comisión de avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional cuarta. Desenvolvemento da orde

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file