Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2018 Páx. 4669

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2017 pola que se procede á convocatoria pública da axuda, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas inquilinas afectadas por execucións hipotecarias das vivendas arrendadas, no marco do Programa Aluga, no exercicio 2018.

O número 2 da disposición derrogatoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, derroga o Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, agás para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do programa de realoxamento para as persoas afectadas por execucións hipotecarias, que se rexerá polo citado decreto.

Así mesmo, o artigo 2 da Orde do 16 de maio de 2013, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga e establece as regras específicas para a determinación da contía da axuda ás persoas inquilinas cando se trate dese colectivo.

En consecuencia, de conformidade co anterior, procede realizar unha nova convocatoria de axudas ás persoas inquilinas afectadas por execucións hipotecarias para o ano 2018, na cal poderán solicitar aquelas persoas que prorroguen a axuda do Programa Aluga que xa están desfrutando, así como as persoas afectadas por execucións hipotecarias para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do programa de realoxamento.

Esta convocatoria suxeitarase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, así como ao establecido no Decreto 84/2010, do 27 de maio. A súa tramitación axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018 habilítanse créditos para o financiamento da axuda ás persoas inquilinas do Programa Aluga.

De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 36 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e co artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a competencia correspóndelle á Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras da axuda prevista nesta convocatoria están recollidas no capítulo III do título IV (artigos 43 ao 46) do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 103, do 2 de xuño, (corrección de erros no DOG núm. 114, do 17 de xuño). Así mesmo, débese ter en conta a Orde do 16 de maio de 2013 pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga (DOG núm. 103, do 31 de maio).

Segundo. Obxecto

O obxecto desta resolución é convocar para o ano 2018, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para o financiamento parcial da renda dos contratos de arrendamento formalizados no marco do Programa Aluga, dirixidas ao colectivo de persoas afectadas por execucións hipotecarias. Código do procedemento VI431F.

Terceiro. Orzamento

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os exercicios 2018 e 2019 é a 08.80.451B.480.2.

Os importes máximos, tanto das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2018 como das imputacións para os exercicios orzamentarios 2018 e 2019, son os seguintes:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Importe máximo

2018-2019

Imputación exercicio 2018

Imputación exercicio 2019

08.80.451B.480.2

2013 00029

50.000,00 €

25.000,00 €

25.000,00 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectadas por execucións hipotecarias e que reúnan os requisitos e as condicións sinalados no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Quinto. Contía da axuda

1. De conformidade co establecido no artigo 2 da Orde do 16 de maio de 2013, ás persoas afectadas por execucións hipotecarias non lles será de aplicación o límite establecido no artigo 44.1 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, relativo á parte da renda do alugamento que estas persoas deben asumir. As porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima da subvención neste suposto, segundo os tramos de ingresos, son as seguintes:

Ingresos inferiores a 1 vez o IPREM: 100 % da renda anual do alugamento.

Ingresos entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: 70 % da renda anual do alugamento.

Ingresos entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: 60 % da renda anual do alugamento.

2. A concesión da subvención ten efectos desde a data do primeiro día da vixencia do contrato de arrendamento ou da súa prórroga, por un período de ata doce (12) meses, que se pagará mensualmente, e a súa concesión pode acadar ata un período máximo de cinco (5) anualidades. Todo isto condicionado á vixencia do contrato de arrendamento e ao cumprimento do pagamento mensual da renda na parte correspondente á persoa arrendataria no prazo estipulado.

Sexto. Solicitudes

1. A solicitude de concesión será realizada pola persoa titular do contrato de arrendamento mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberase dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Declaración de que todos os datos da solicitude son certos.

d) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e na Orde do 16 de maio de 2013, que son:

– Ser titular dun contrato de arrendamento formalizado no marco do Programa Aluga.

– Ocupar a vivenda como domicilio habitual e permanente da unidade familiar ou de convivencia.

– Non ter relación de parentesco en primeiro ou segundo grao, por consanguinidade ou afinidade, coa persoa arrendadora ou, se é o caso, non ser socio ou partícipe da persoa xurídica que actúa como arrendadora.

– Ter uns ingresos anuais ponderados que non exceden 2,5 veces o IPREM.

– Non ser titular doutra vivenda, salvo as excepcións previstas na normativa vixente.

– Estar ao día no pagamento da renda mensual do alugamento e, no caso de solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, non ter pendente de pagamento ningún recibo das subministracións básicas da vivenda, auga, electricidade e/ou gas.

– Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da citada lei, e coas previstas no Decreto 84/2010, do 27 de maio.

– Estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedemento de reintegro de subvencións.

Sétimo. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintos da persoa solicitante.

Se as persoas integrantes da unidade de convivencia non presentan a declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF), deberase achegar a declaración responsable de todos os ingresos da unidade familiar ou de convivencia, debidamente xustificada e referida ao último período impositivo co prazo de presentación vencido.

No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, deberase achegar a copia da declaración similar presentada no estranxeiro, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular en España e, de ser o caso, o certificado de correspondencia a euros do importe declarado.

b) Para o caso dunha solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, deberanse achegar os xustificantes de pagamento dos últimos doce meses dos recibos de auga, electricidade e/ou gas.

c) Certificado acreditativo de discapacidade para o suposto de que o documento non deba ser expedido pola Xunta de Galicia, no caso de que a persoa solicitante, ou calquera das persoas que figuran no anexo II, faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

Oitavo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, así como das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante e das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

d) Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante, así como de todos os membros da unidade familiar ou de convivencia que figuran no anexo II, referida ao último período impositivo co prazo de presentación vencido.

e) Certificado do nivel de renda da persoa solicitante, así como de todos os membros da unidade familiar ou de convivencia que figuran no anexo II expedido pola AEAT correspondente ao último período impositivo co prazo de presentación vencido.

f) Certificado acreditativo de discapacidade para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, no caso de que a persoa solicitante, ou calquera das persoas que figuran no anexo II, faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante ou os demais membros da unidade familiar se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude e no anexo II, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Prazo de presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 45.3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberanse presentar antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberase presentar antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do contrato ou, de ser o caso, da súa prórroga.

Décimo primeiro. Órganos competentes para a instrución e resolución

1. A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda ás persoas inquilinas é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo segundo. Procedementos de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que segundo en dereito proceda.

Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. As solicitudes da axuda ás persoas inquilinas resolveranse no mesmo mes da súa presentación, agás nos supostos de solicitudes de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, que se poderán resolver no mes seguinte ao da súa presentación, segundo o establecido no artigo 45.8 do Decreto 84/2010, do 27 de maio. Transcorrido o prazo sinalado sen se ditar resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será a orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Décimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se efectúen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS efectuará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2016, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Décimo oitavo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral do IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n; polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal

Décimo noveno. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file